_
_
_
_
Reportaje:Luces | Ficción verdadeira

A realidade como problema

A última narrativa afaise a incorporar materiais do real - Cid Cabido: "A novela galega, felizmente, abandonou hai tempo o territorio da mitoloxía"

Un encarapuchado mata de tres tiros a Mario Dacosta, parlamentario do BNG. Un escritor que podería ser o autor do libro investiga o asasinato en 1974 -por razóns "de orde íntima", segundo a prensa da época- do presidente da Unión de Fabricantes de Conservas, Antonio Alfarem, que se parece moito ao morto de verdade, Antonio Alfageme. Son as propostas de partida de Asasinato no Consello Nacional, a nova ficción de Diego Ameixeiras, e Unha historia que non vou contar, a celebrada non ficción de Xosé Cid Cabido (Xerais, 2009).

A falta de se inventar outra palabra para dicir novela, e sen confundir realidade con realismo -nin con realidade literaria-, son dúas maneiras de aproveitar o que sucede. A este respecto, os consensos na literatura galega difiren, anque hai acordo no progresivo abandono da figuración mítica, por unha parte, e o prestixio póstumo do que empeza n'A esmorga (1959), historicamente marxinado por Carvalho Calero no seu manual, o primeiro, de literatura galega.

Borrazás: "Os escritores non teñen que ocuparse do que interesa á xente"
Malvar: "O noso problema vén da Transición: aquí votamos a Franco"
Bieito Iglesias: "A novela histórica é un retorno á de cabalerías"
Marcos Lorenzo: "O literato non pode encher o oco das ciencias sociais"

"Os literatos non teñen por que ocuparse dos temas que lle interesan á maioría da xente", empeza Xurxo Borrazás. "E falar do estraño é outro xeito de falar do convencional". Para o autor carballés, que trata a destrución da sociedade tradicional en Criminal e Ser ou non, habería que dilucidar primeiro o que entendemos por real. "Pode alguén de fóra facerse unha idea do que é Galiza a través da súa literatura? Eu penso que máis ou menos si". Borrazás emociónase máis cando se lle conta o real con textura xornalística, "sen disfrace". Algo así lle pasou cando viu as obras do porto exterior en Arteixo, futuro escenario posapocalíptico da súa penúltima novela, Costa Norte/ZFK. "Fun ao principio e foi un shock, aí me decidín. Competir coa realidade, despois, supúxome un problema tremendo á hora de buscar a distancia necesaria para a ficción".

A Xosé Cid Cabido, instalado doutro xeito nas crises que alimentan a novela, hai tempo que deixou de interesarlle a ficción. Para o autor de Grupo abeliano, a literatura galega xa hai tempo que abandonou o refuxio da mitoloxía "e outras fórmulas de ficción convencional". "Tamén se foi superando, felizmente, a idea de que escribir en galego tiña sentido só en clave de prosa poética, coma quen di na lingua marabillosa das fadas". O primeiro foi recoñecer a existencia do urbano: "Empezáronse a crear escenarios recoñecibles e personaxes de carne e óso, que pronuncian frases cribles e teñen comportamentos confusos". Cos feitos anoados entre múltiples versións do real, e aínda así, opina que vai camiño de impoñerse a fórmula "estilo máis vivencia ou estilo máis feito documentado, sobre todo porque outros produtos coma o cine comercial, as series, os videoxogos e toda a esfera virtual xa conseguen saturar a nosa capacidade de absorción de cousas imaxinarias, falsas e intanxibles". No gusto de Cid é preferible un Cunqueiro "falando de cociña galega antes cá súa nostalxia do nunca alcanzado, por quimérico, que expresa en Se o vello Sinbad volvese ás illas".

Se o real fose Fraga, que gobernou Galicia durante 16 anos, Carlos Mella fixo esperpento daquela política en Luces de Fisterra. "A literatura vai por un lado e a realidade do país por outro", di que o foi vicepresidente con Albor e candidato nacionalista ao Parlamento Europeo no 93. "Boto en falta a novela do cotián, os problemas xerais do país trátanse dun xeito máis xornalístico". A resposta concreta é a mesma de Aníbal Malvar, xornalista e autor das primeiras novelas negras que forneceu o fraguismo (A man dereita, Unha noite con Carla). Dun xeito máis radical: "Na novela galega non hai un bo reflexo do real, pero é que nós temos un problema desde a Transición, e é que votamos a Franco. Entre escritores, xornalistas e editoriais creouse unha nova autocensura. Como pode ser que algo tan alimenticio como contar o fraguismo estea tan mal utilizado? Por que non hai biografías de García-Sabell?". Malvar apón "ao pecado de pacatería, que é o que nos chamaron sempre aos galegos", a escaseza de novela política ou de tradición memorialística e confesional. "E o mesmo lle pasaría ao que fixese unha novela crítica co bipartito. Somos a xeración do pos-silencio, e iso estaría ben dez anos despois da morte de Franco, pero 35 anos despois é un pouco vergonzoso".

En Pan e coitelo, de Bieito Iglesias, tamén saen Fraga e Cuíña. E o Prestige, con frases de paisanos extraídas dun documental: "Quen fala mal do Goberno, fala mal de Dios", por exemplo, ou a dun señor que se arrima primeiro aos ecoloxistas e despois a Fraga, pois "hai que arrimarse aos ricos, que se te arrimas aos pobres boa foda levas". "Se houbese unha novela sobre o Prestige", opina, "podería ocorrer facilmente que fose para reforzo moral da tropa".

Non cre Iglesias, porén, que a conflitiva relación coa realidade dos galegos sexa un "endemismo" noso. Se os americanos, "desacomplexadamente rexionais", tenden a novelar o seu fragmento histórico, "aquí hai mozos que pensan que o barrio ou o pobo non son literaturizables, e aí temos a novela histórica actual, retorno ao xénero de cabalerías". Falando da recepción, a mediación é outra. "Polo contexto lingüístico quizais predomine un lector político sobre o esteta, ou simplemente afeccionado á literatura". Nos institutos, pensa, "aos alumnos agora recoméndaselles moita propaganda dos sentimentos, substituto do realismo socialista doutra época".

A falta dun corpus teórico que explique o pasado recente de Galicia -o rural desmacelado, as taxas de suicidio froito do cambio social, a emigración e a inmigración- dun xeito multidisciplinar, o antropólogo Marcos Lorenzo (Liquidación de existencias) quizais botaría en falta maior naturalidade á hora de mesturar xéneros. "Se estraño esa versión galega de Porca terra [a obra de John Berger, verquida ao galego en Rinoceronte] é porque esta debía ser terra de antropólogos, pero en Galicia hai áreas enteiras das ciencias sociais que non explican os últimos 50 anos. Non se pode esperar que os literatos cubran ese espazo".

UNHA DUCIA DE NOVELAS DO REAL

- Desfeita (Camilo Gonsar, Xerais, 1983).

- Unha historia que non vou contar (Cid Cabido, Xerais, 2009).

- Pan e coitelo (Bieito Iglesias, Galaxia, 2008).

- A man dereita (Aníbal Malvar, Sotelo Blanco, 1994).

- Tráiler (Fran Alonso, Xerais, 1991).

- Ser ou non (Xurxo Borrazás, Galaxia, 2004).

- Antón e os inocentes ( Xosé Luís Méndez Ferrín, Xistral, 1976).

- A lúa no cénit (Camilo Franco, Do Castro, 1988).

- Porta blindada (Margarita Ledo, Xerais, 1990).

- En precario (Miguelanxo Martínez, Toxosoutos, 2009).

- Vidas post-it (Iolanda Zúñiga, Xerais, 2008).

- O misterio do barco perdido (Carlos G. Reigosa, Xerais, 1988).

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_