_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Ramón María del Valle-Inclán, galego, escritor, extravagante, único

Hai probos e sensatos avogados que logo dan fillos estrafalarios e insensatos artistas. Tal foi o caso de Ramón del Valle-Inclán Bermúdez de Castro casado con dona Dolores de la Peña y Montenegro, membros dunha fidalguía en decadencia. Amigo e colaborador de Manuel Murguía, guía dunha xeración galeguista e liberal. O pai, Ramón, foi un home de proxectos colectivos e o fillo, Ramón María, un individualista insultante. A súa divisa: "El que más vale no vale tanto como vale Valle". Ramón chegou a ser secretario dunha deputación e Ramón María un bohemio arruchado. Hoxe lembramos a Ramón porque queremos imaxinar a Ramón María, tanto pode a literatura.

Todo en Valle é litixio, desde o nacemento até a morte. A súa nai pasou os días previos ao parto na Pobra do Caramiñal, agora que nacer naceu o 28 de outubro de 1886 en Vilanova de Arousa. El, cousa rara, pactou un consenso e asegurou que nacera no medio da ría no vapor que a cruzaba. Malia que non puido escribir a súa morte, resultou como se fose a representación dun cadro dramático seu: o seu enterro rematou nun tumulto dramático baixo un chover que arroiaba. Baixou á terra nun 5 de xaneiro de 1936. Estaba a piques de abrirse o chan baixo os pés da xente para emerxer o inferno. Salvouse por seis meses de ser fusilado. No medio, entre o nacemento en Arousa e a morte en Compostela, a aventura dun rapaz que soñou ser artista con furia infantil.

Criouse na fidalguía rural, dunha banda a biblioteca do pai e doutra a criada
Aspirou a "reconstruir la personalidad gallega federalmente"
Para su primer libro, 'Femeninas', pediulle un prólogo a Manuel Murguía
Finou e foi levado a ombros republicanos ao cemiterio civil

Criouse no mundo dos fidalgos rurais. Dunha banda a biblioteca do pai e doutra o mundo da criada que o coidou, a Galana, que o envolveu en contos e lendas tétricas. Aquel neno ficou preñe desa maxia para toda a vida. Pazos escanastrados e campos de pan, millo e uveiras, ao fondo a ría: nese territorio vivo e habitado por personaxes que el soubo ver como máxicos aprendeu que a vida era un conto, unha obra literaria máxica. O amor pola súa terra nunca mirrou, un amor absoluto e místico, á beira da éxtase: "Con una alegría coordinada y profunda, me sentí enlazado con la sombra del árbol, con el vuelo del pájaro, con la peña del monte. La tierra de Salnés estaba toda en mi conciencia por la gracia de la visión gozosa y teologal".

Estuda o bacharelato entre Santiago e Pontevedra, pasa uns anos decisivos en Compostela facendo como que estuda Dereito por compracer ao pai, le nas bibliotecas e alterna nos faladoiros, no Ateneo, vai cristalizando a súa vocación de artista. Colabora na revista compostelana Café con gotas e na barcelonesa La Ilustración ibérica. Unha visita á cidade de Zorrilla, o poeta consagrado, axúdao a imaxinarse escritor romántico. Leva xa cinco anos na cidade e aínda está en terceiro de carreira cando morre o pai. Esa morte libérao de compracer a vontade paterna e ten aínda 22 anos. É a ocasión de atreverse. Ten que fuxir a un lugar alleo para comezar a vivir a vida soñada, un lugar no que haxa un público para conquistar e unha corte na que triunfar: só pode ser Madrid. Ese é o momento no que se funda un conflicto que o vai acompañar e que evoluciona durante toda a súa vida: a súa relación con Galiza como país. De negarlle a condición de lingua ao galego pasou a aspirar a "reconstruir la personalidad gallega federalmente, sin pretender más, pero tampoco menos que Cataluña". Resolveu vitalmente ese preito vindo morrer aquí. Valle nunca renunciou ao seu particular mundo máxico de infancia, mais os galeguistas pedíanlle compromiso coa nosa lingua. El viu que a lingua galega nesa altura non lle permitiría vivir como artista, atarse a unha lingua literaria por reconstruír, sen un público nin un Estado detrás que a protexese, supuña renunciar ao seu soño de artista. Os escritores románticos e bohemios extravagantes tamén precisan un público e un Estado detrás.

Viaxa a Madrid, cruza montes e meseta cunha reata de arrieiros maragatos e comeza o primeiro ensaio dunha representación. Aparece na escena madrileña un novo personaxe, pavero, un mozo miúdo e feo, sotaque galego, ceceante, impertinente, agudo e discutidor. Empeza a ensaiar a súa nova vida, el é o autor desa obra e vai ser quen dicte a súa propia lei. O artista xa creou a súa máscara, un par de anos paseará esa máscara por faladoiros e sociedades da corte madrileña, escribirá artigos e contos na prensa local até que comproba que non dá aberto camiño. Volve a Galiza, Pontevedra, e de alí a México.

Desa estadía mexicana pouco sabemos, non sendo o que el contou. De alí tirará substancia para unha obra posterior, Tirano Banderas, un alarde de creación de lingua e de estilo literario que inaugura unha tradición literaria en castelán: as novelas protagonizadas por un dictador sanguinario e excesivo. Mais entón aínda non existe o escritor maduro, quen volta de México a Pontevedra é a promesa dun autor. Trae na maleta contos para un libro, crea unha imaxe característica, capa, chapeu e barbas, mergúllase nas bibliotecas a ler a literatura do momento e finalmente edita Femeninas. Xa é un escritor. Para o libro pediulle un prólogo a un prestixiado intelectual galeguista, Murguía, o vello amigo do seu pai. Recoñece en Murguía a encarnación da "alma rexional", da "raza": aínda non hai distancia ou conflicto co galeguismo, Valle enténdese a si propio como galego dun xeito natural, non ideolóxico. E volve a Madrid. Desta vez vai conquistar un lugar nese escenario.

Vive a vida bohemia, pasa fame e enceta unha carreira de actor. Discute coas figuras indiscutidas da época, Baroja, Unamuno, e en adiante terá conflictos con Galdós, cos Álvarez Quintero. Nunca deixará de ser belixerante cos demais escritores. Nunha disputa de café sofre unha ferida e perde un brazo. Podemos hoxe ler toda a obra posterior de Valle grazas a que o seu rival lle deu no brazo esquerdo e non no dereito. Así viviu Valle.

Tivo tempo para casar e ter tres fillos coa actriz Josefina Blanco. Viaxou a Italia e América, de Madrid á Terra e de volta a Madrid; transformou, deformou e reformou a lingua castelá con influencias galegas, americanas, andaluzas, caló; escribiu obras teatrais magníficas e irrepresentadas; contos e novelas a formar dous grandes ciclos: as obras na Galiza lembrada e imaxinada por el e as que retratan a voces a historia política da España. As primeiras son sombras máxicas, grotescas e tráxicas; as segundas son monicreques rechamantes, grotescos e cómicos. Na obra de temática galega constrúe un tempo salvaxe e decadente nos pazos, a fin dun mundo feudal. As obras onde trata a historia de España debuxan o retrato social e político dunha corte decadente que só pode expresarse a través da caricatura, do esperpento.

Valle viviu sempre estéticamente, non como un dandi senón como un fidalgo, e por iso militou no individualismo, primeiro no elitismo carlista e logo no arrebatado anarcosindicalismo. A súa particular ollada sobre a España daqueles seus últimos anos, Luces de Bohemia, resume a traxedia republicana. E logo veu morrer aquí, a este "país desarticulado y amargo".

Desde o seu Santiago, aquela groria literaria envellecida, exquisita e antipática paseou o país de arriba abaixo, Arousa, A Coruña, Vigo, Ourense, volveu protagonizar os cafés e faladoiros da cidade e os ambientes republicanos, foi coidado polo doutor Villar Iglesias e alí morreu no seu sanatorio nunha morte pública. A agonía daquel artista eximio e republicano dividiu á cidade e ao país entre a dereita integrista, que pretendía que confesase antes de morrer, e os republicanos laicistas, que blindaron a súa agonía para que non abdicase. Finou e foi levado a lombos republicanos ao cemiterio civil. Teatral e dono da súa vida até a fin deixou escrito, "Le dejo al tabernero de la esquina / para adornar su puerta, mi laurel. / Mis palmas al balcón de la vecina: / a una máscara loca, mi oropel". Cantando baixo toda aquela chuvia, seis meses antes da fin do mundo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_