Un vento quente dende o trópico
Abre en Pontevedra a XXXI Bienal de Arte, con extensións en Vigo e Vilagarcía e un diálogo entre artistas das dúas beiras do Atlántico
Máis que retratista ou intérprete de acontecementos políticos, o eido que máis a interesa como creadora, a cubana Tania Bruguera é unha provocadora de accións desde a súa praxe artísticainserida na denominada arte de conduta. "Gústame que pareza sinxelo para que os espectadores sintan que eles mesmos o poden facer e non se asusten, sorprendentemente o que ocorre é que cando se poñen fanno cunha disposición moi activista", explica, horas antes de inaugurar, na sede da Fundación Rac en Pontevedra, a mostra A promesa da política, o resultado performático da súa residencia artística. Aínda que as cinco accións, inspiradas en informacións de prensa (a morte do cubano Orlando Zapata, o roubo do cartel da entrada do campo de concentración de Auschwitz, ou o acoso escolar que sofre a filla dos príncipes herdeiros de Xapón, entre outras), se desenvolveron onte, a documentación dos procesos está exposta ao público como parte da Bienal de Arte da Deputación de Pontevedra, en vigor ata o vindeiro setembro.
"Os trópicos son zonas grandes pero interconectadas", di o comisario
O ourensán Jorge Perianes evoca a animalización do home
En 'Ida e volta' artéllase un diálogo entre as dúas beiras do Atlántico
'Migracións' afonda no peso do Tío Sam, na realidade do turismo
A Fundación Rac e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo son dúas das entidades colaboradoras coa Bienal pontevedresa, que este mediodía abre a súa 31ª edición no novo edificio do Museo Provincial, ubicado na cidade, con extensións no porto de Vilagarcía e na sede do organismo provincial en Vigo. A presenza de Bruguera, quen imparte ata o domingo un obradoiro para artistas e público xeral no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, é unha das máis reclamadas neste acontecemento cultural dedicado aos países de Centroamérica e do Caribe baixo a denominación global de Ut(r)ópicos. "Son zonas xeográficas grandes produtoras de cultura e que viven interconectadas", explica o curador Santiago Olmo, quen exerce de comisario de exposicións nesta edición. O modelo temático funciona, asemade, como ferramenta de arquivo e resumo, ao que se suman outros artistas peninsulares en diálogo coas prácticas artísticas expostas ou coas realidades das propostas que veñen do trópico.
É o caso do ourensán Jorge Perianes, autor dunhas instalacións que, na entrada do museo, amosan unhas inquietantes figuras humanas nun xardín silvestre que evoca a animalización do home, o contacto coa natureza ou a idea romántica de ruína. "Non son cadáveres, senón carcasas", explica o autor, subliñando a ausencia de rasgos físicos (como pel ou cabelos) e de identidade. Igualmente, antes de traspasar a porta principal, o visitante topará cun muro, construído con pezas graníticas engaioladas, que repite, como unha ladaína, "se ninguén fala, as pedras falarán", desde uns altofalantes agochados no seu interior. Trátase dunha obra asinada pola costarricense Priscilla Monge e o director da Escola de Canteiros de Poio, Henrique Velasco. Pórtico significativo para a primeira sala, acolledora da mostra Ida e volta, artellada como un diálogo entre figuras históricas das dúas beiras do Atlántico, como Laxeiro, Wilfredo Lam, Castelao, Maruja Mallo, Emilia Prieto, Eugenio Granell ou Manuel Ferrol, con clásicos contemporáneos como Leiro, Carlos Capelán, Marta Pérez Bravo ou Luis González Palma. Os lenzos dos galegos pertencen ao Museo de Pontevedra. Coa mesma intención conversadora, nunha das salas de arqueoloxía, nun dos edificios antigos da mesma institución, a Bienal insire as obras de artistas novos como o santiagués Olmo Blanco.
O mundo do traballo e a economía está presentes na exposición El aguacero, la siesta, el cañaveral, el tabaco, título tirado dun verso do escritor cubano Virgilio Piñera. Outra mostra, Migracións, comisariada por Rosina Cazali, recolle un feixe de obras que afondan na realidade do turismo, o peso do Tío Sam, os centros de detención para emigrantes e as razóns para fuxir. Neste capítulo aparecen as arquitecturas absurdas construídas con remesas enviadas polos que marcharon, estrelas da bandeira máis famosa construídas con frituras de millo e un conxunto de instrumentos de calibre coas cores corporativas da empresa de envíos de cartos máis solicitada nesta parte do mundo.
A perspectiva didáctica é unha veta que percorre todas as salas da Bienal e que queda especialmente recollida a propósito de Trans-misións, unha exposición de proxectos formativos coordinada polo colectivo de creación galego Alg-a, entre os que figura a Cátedra de Arte de Conduta desenvolvida por Bruguera nesta década na Habana, no ronsel das Misións Pedagóxicas da Segunda República Española.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.