_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Maruja Mallo, Ana María Gómez, anxo e marisco

Os artistas levántanse sobre os restos de persoas. Maruja Mallo, é o nome dunha artista cosmopolita construída sobre unha meniña de Viveiro, Ana María Gómez González, nacida en 1902 filla dun aduaneiro e dunha ama de casa. Toda a súa vida de artista vai ser negar a existenza das alfándegas. A súa liberdade persoal vaina construír contra a profesión do seu pai, mesmo semella que foi esforzadamente libre, aérea e cruzadora de fronteiras e alfándegas. Ou quen sabe. O que si parece ter sido é unha persoa alegre e celebradora da vida. Na súa casa debeu existir unha estima pola cultura e as artes, pois tamén un seu irmán foi o famoso escultor Cristino.

"Eu lembraba a miña infancia libre e feliz en Galicia, os mercados e as prazas tan pintorescas, as romerías tan alegres". Mais, paradoxalmente, a profesión do pai, controlar o que entra e sae polas fronteiras, levounos de aquí para alí, Tui, Verín, Corcubión, e aos poucos anos de nacer ela marcharon para Avilés, en Asturias. É alí onde comezou desenvolver a súa vocación e se matriculou na Escola de Artes e Oficios.

"Eu lembraba a miña infancia libre e feliz en Galicia, os mercados e prazas"
No exilio de Buenos Aires, intégrase nos círculos de Luís Seoane ou Colmeiro

Aos 20 anos a familia trasládase a Madrid e tanto ela como Cristino ingresan na Escola de Belas Artes. Ela é a única muller que ingresa no seu ano. É claro que a súa formación académica,en Artes e Oficios en Avilés antes, e en Belas Artes en Madrid despois, é puramente academicista. Con todo, será fóra da academia onde ela se encontre coa súa musa rebuldeira, esa que precisaba do ar de liberdade que corría pola Europa na década dos 20. Nin sequera a ditadura de Miguel Primo de Rivera podía deter o espírito daquel tempo.

Mallo mantén algúns lazos coa terra natal e iso permítelle recibir unha bolsa de estudos de pintura no ano 1926, que lle será logo renovada por outros dous anos. Precisamente no ano 1929 encárganlle un cadro, a Guía postal de Lugo, que xa é obra dunha autora que está rompendo coa tradición academicista. Por aqueles anos intima co Dalí, esa esfinxe ambigua, que lle dedica unha definición que, como daliniana que é, é suxestiva e distante, Maruja Mallo, mitad ángel, mitad marisco.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Da man de Salvador Dalí coñece ao círculo de intelectuais e artistas que rondaban duarnte aqueles anos a Residencia de Estudantes madrileña. Maruja encontra á fin o seu lugar, un mundo xuvenil, esportivo, alegre, destemido e sen límites, a Historia semella estar colocada aos seus pés. E Maruja, como a súa amiga Concha Méndez, compón unha estampa nova, ousada e moderna, dúas mozas novas a pasear soas polos bairros baixos. Maruja xoga tenis, Maruja vai en bicicleta, entra na igrexa montada en bici, os amoríos da Mallo... Non se pode comprender a súa figura fóra dunha artista muller, unha personalidade que ten que afirmarse no espazo público e gañar un espazo propio para existir. Epatar era o xeito de afirmar a súa liberdade, a súa existencia. E de gañar espazo para as mulleres libres tamén. Non é un xogo inocente, son actos políticos, feministas, conscientes.

E abofé que gaña o seu espazo Ilustra as cubertas da Revista de Occidente, a publicación intelectual que marca o tempo daquela España antes e durante a Segunda República. O propio pope da intelectualidade madrileña, José Ortega y Gasset, patrocina unha exposición da súa obra na sede da Revista de Occidente. Maruja é unha insignia feminina desa xeración de artistas mozos e republicanos. Arredor do ano 1929 forma con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia un grupo artístico, a Escuela de Vallecas, comeza na súa obra unha fase de estética que procura a escuridade e mostra o esqueleto da realidade urbana, no cadro Cloacas y campanarios. Aparecen no lenzo a terra, os excrementos, a cinza. Retrátase entre vías do tren, ruínas e osamentas de boi. Mais, tan importante é a artista como a personaxe. Mais esta non é aínda a estación de parada de Maruja. Ela consegue unha bolsa para estudar escenografía en París e alí expón esa obra súa e alterna con Max Ernst, André Bretón, Pablo Picasso... É un tempo no que os artistas forman bandos, como os paxaros, para protexerse, animarse uns aos outros e voar.

Tampouco é esta aínda a estación definitiva para Maruja Mallo. Comeza a facer cerámicas e frecuenta o campo castelán, entra en contacto con aquel mundo campesino e coa experiencia daquela natureza e paisaxe. "Observo as construcións campesiñas, a íntima estrutura dos froitos e das espigas, a arquitectura dos animais dos nosos campos da España". Isto dá lugar a unha serie de traballos que se desenvolverán durante moitos anos, tamén en América, baixo o título La religión del trabajo.

O golpe dos xenerais nacionalistas en 1936 cóllea na Galiza, onde viñera formando parte das Misións pedagóxicas republicanas, unha empresa colectiva para levar a cultura ao pobo, ás vilas e ás aldeas. Logo duns meses, que pasa en Vigo onde é acollida e imparte aulas de pintura, dá pasado a Portugal e de alí, no ano 1937, marcha cara ao Buenos Aires que a tanta xente nosa acolleu.

Alí intégrase axiña nos circuítos artísticos e alí, como o gran Luís Seoane ou Manuel Colmeiro, implícase na denuncia do fascismo nacionalcatólico, non pinta senón que escribe en La Vanguardia, na Barcelona republicana, unha longa e demorada denuncia dos crimes que cometeron na Galiza os sublevados: Relato veraz da realidade de Galicia. "Na Galiza ao producirse a rebelión, nos primeiros días do criminal atentado, comezou a era do terror". Con Seoane e Eduardo Blanco Amor, colabora como escenógrafa nunha Cantata na tumba de García Lorca, escrita por Alfonso Reyes ("No nome de Galicia, dos nosos intelectuais mortos").

O que segue logo é o exilio, unha nova vida americana. E desexa vivir unha nova vida, esquecendo "os restos insepultos da Idade Media", que deixara atrás do océano Atlántico. Viaxa polo Uruguai, por Chile, deixa que lle entren as paisaxes, os mares daquelas novas terras. Pinta murais, novas series de cadros con motivos mariños, bailarinas, máscaras, cabezas de muller. A vida vai pasando, 24 anos de exilio.

Volve a Madrid no ano 61 e fai a súa primeira exposición de volta. Mais aquel Madrid non ten un lugar acaído para aquela muller. Aquel cidade é unha sombra, a dun Madrid asasinado. Non ha ser até a morte do autócrata que a súa obra teña a recepción que merece como parte da historia artística española e será no ano 1982 cando reciba a medalla de ouro das Belas Artes. No ano 93 o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) dedícalle unha retrospectiva. E no ano 95 morre aquela sombra chinesca dunha outra España, máis libre e moderna, que foi asasinada, a sombra esvaeuse e as cinzas foron repartidas polo mar de Viveiro.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_