_
_
_
_
Reportaje:Luces

Músicos-realizadores e viceversa

Bandas pop como Catpeople, Niño y Pistola ou Manos de Topo contan nas súas formacións con membros que tamén dirixen os 'videoclips' dos grupos

En 1981 inaugurouse a MTV, a primeira canle do mundo adicada en exclusiva ós videoclips. Desde aquela, ó abeiro da época dourada da venda de disco e da frenética actividade musical dos 80, a MTV converteuse nunha gran rede mundial, e as discográficas inxectaban millóns de dolares para realizar os videoclips máis abraiantes. Pero corren outros tempos, para as grandes estrelas ou a unha escala mais reducida. E xa non digamos se partimos de bandas novas que se moven dentro do circuíto independente. A crise e os axustadísimos orzamentos fan emerxer nas bandas galegas a figura pouco habitual de músico e realizador de videoclips, case polo mesmo prezo.

Seguindo o camiño que nos 80 abrira en Galicia Antón Reixa, dos primeiros en mesturar ambas as dúas disciplinas, cantando nos Resentidos e realizando clips para Sabina, Siniestro Total ou Duncan Dhu, xorden agora varios artistas que se axustan a ese inusual perfil. "Cando compoño, das cancións xórdenme imaxes e ideas. Sempre hai unha imaxe asociada da que logo xorde a idea de videoclip", explica Manolito Portolés, cantante do grupo Niño y Pistola. Portolés conta cunha bagaxe de cinco videoclips, tres realizados para o seu grupo, seguindo técnicas que van da animación ós recortables de cartón. Este músico e realizador, na actualidade está de xira con Arthur and the Writers, trasunto do grupo anteriormente coñecido como Niño y Pistola, acaba de gravar o seu primeiro videoclip titulado Catch the sun, un plano-secuencia moi traballado que xa se pode ver na rede. "Decidimos que o single sería unha canción e xa estabamos para gravar o clip, pero na radio e nos blogs a que pinchaban era esta. Acabamos por facer o clip desta, pensando en que nunca acertamos", explica desconcertado este músico de Baiona. Portolés céntrase nos clips do seu grupo, "disfrutando, traballando moito, pero sen cobrar ninguén, porque se tivera que facelo por encargo non o faría por menos de 4.000 ou 5.000 euros".

"Ao compoñer, hai unha imaxe da que parte o 'videoclip", di Manuel Portolés
"Se tivese que facer 'clips' para outro grupo, pediría 4.000 ou 5.000 euros"
"A música só dá satisfaccións", expoñen, "se buscas cartos, a publicidade"
Para Domínguez, un vídeo "debe ter un punto 'amateur' para ser fresco"

Contrariamente a Manolito Portolés, que asume a realización dos clips do seu propio grupo, o vigués Rafa de Los Arcos, de Manos de Topo, prefire facer clips por encarga. "Procuro non facer os do meu grupo, e así quedo ben cos meus compañeiros", bromea este músico que chegou a Barcelona para estudar cinema e acabou absorbido pola música. Arcos colaborou nos clips do seu grupo, magníficos traballos realizados por Kike Maíllo que levan acadado varios premios, e realizou clips para grupos como Nadadora ou Niños Mutantes. Acaba de dirixir o último do grupo Sidonie, e prepara nestes días o dos debutantes vigueses Portrait, unha das bandas mais prometedoras do pop galego.

En toda esta variedade, os intereses resultan moi diversos. "Non é o mesmo un clip de Nadadora, que son colegas, ou o de Portrait, que vai na miña onda, que o de Niños Mutantes, mais frío e escuro e máis afastado de min. Hai que abandonar a autocompracencia e someterse a outro estilo e iso tamén é un exercicio interesante como creador", comenta Rafa de los Arcos, que ten claro que cando o contratan para un clip é "como realizador, e non como músico de Manos de Topo".

Por vocación

Calquera dos cineastas consultados explica que en España un realizador pode cobrar por un videoclip, como máximo, entre 4.000 e 5.000 euros. "Se un quere gañar cartos ten que dedicarse á publicidade. O dos clips é vocacional, pero a min gústame a música e dáme moitas satisfaccións", resume De los Arcos, que vén de constituír co seu compañeiro de grupo Alejandro Marzoa a produtora Boogaloo, centrada no ámbito da publicidade audiovisual.

Unha traxectoria moi semellante a de Rafa de los Arcos é a de Adrián Pérez, cantante da banda Catpeople, outro reduto de vigueses afincados en Barcelona. Con outros compañeiros do seu grupo, Pérez abandonou Vigo tamén para estudar cinema en Cataluña. Alí rematou montando Catpeople, unha das bandas que non para de xirar nos últimos anos. Catpeople é unha banda que destaca polos seus videoclips próximos á linguaxe da publicidade e sempre cunha coidada fotografía. Traballos como Radio, Behind ou de xeito máis recente In Silence, teñen sido reconocidos en eventos como Cinemad ou publicacións especializadas como a revista Mondo Sonoro.

Xunto coa súa compañeira Tania Verduzco, Adrián Pérez posúe a produtora Nephasto, coa que ten feito clips para Sunday Drivers, Gecko Turner, We are Balboa ou Fangoria. "Son músico e realizador, e cando traballo para Catpeople non busco a canción que mais pide a xente, senón aquela coa que facer un mellor vídeo. Outra cousa é cando che piden traballar para outro grupo", explica este músico que estudiou dirección de cine. Pérez ten claro que "os clips non se fan só para divertirse, senón coa finalidade de causar impacto no público. E aínda que haxa pouco orzamento hai que intentar que sexan o máis profesionais posibles".

Non pensa o mesmo ó respecto Rubén Domínguez, compoñente de Telephones Rouges e un dos realizadores de clips de nova fornada que están a emerxer en Galicia: "Creo que conservar nos clips un punto de amateurismo dá frescura". Domínguez realiza uns clips moi persoais, de marcada estética punk, e caracterizados por pintar desordenadamente os fotogramas, como se pode comprobar nos seus traballos para grupos como Sr. Anido, Cu de Vaso ou o último para Novedades Carmiña co tema No uso condón, incluído no seu último elepé Te vas con cualquiera. Domínguez combina música, realización e deseño gráfico, e non dubida en afimar: "Todo chega ó mesmo tempo á miña cabeza, como disciplinas indivisibles". De feito, ó mesmo tempo que toca e realiza clips, acaba de rematar o deseño gráfico do novo disco de Triángulo de Amor Bizarro, titulado Ano Santo.

Domínguez comparte con Rafa de los Arcos a opinión de que é mellor non facer os clips do seu propio grupo. Prefire que "outros realizadores aporten diferentes puntos de vista". Non foi o caso de Paco Serén, ex compoñente de Los Piratas, que empezou realizando clips para a súa banda case sen pretendelo: "Case me tocou, porque estudei realización e tiña uns coñecementos". Desde aquela, Serén conta cun extenso currículum dunha ducia de videoclips realizados para grupos tan diversos como La Barbería del Sur, Los Rodríguez, Iván Ferreiro ou Ectoplasma, a última banda na que militou antes de iniciar un novo experimento musical, denominado Om/Off, relacionado coa música india e coas proxeccións en directo.

"Son músico, fixen clips, e iso levoume a outro proceso, a unha selección de imaxes, que vas tendo na cabeza e vas aplicando en directo para ir soltándoas enriba do escenario. É como unha evolución natural", explica Serén sobre a súa relación entre música e imaxes. A pregunta é: ser músico e pensar como un realizador, ou ser un realizador que fai música? "Eu téñoo moi claro, primeiro son músico, parto da música, e a miña carreira é como músico. Outra cousa é que estudiase na Escola de Imaxe e Son e me formase como realizador". A elección é difícil. Ou ben como Adrián Pérez, que ten claro que son "dúas cousas simultáneas, sen que unha estea por enriba da outra", ou ben como opina Manolito Portolés, agora en Arthur and the writters: "Se me pós dous contratos millonarios enriba da mesa, eu asinaría o de músico".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_