_
_
_
_
_
NOTAS A RODAPÉ | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Falares que carga o demo

En febreiro, a lingua e a cultura galegas tiveron a súa cara e a súa cruz. A cara, o premio Goya a Luís Tosar e a Vaca Films e o emocionante xeito que tiveron de compartilo con todo o país escandindo o falar das fadas (verbas de Ramón Cabanillas). Un xesto que hai que ler como eficaz réplica, galeguísima por contundente ao tempo que sutil, ás mensaxes que non paran de aburarnos para que nos desentendamos do galego e nos zafemos de vez da cultura propia, chintófanos ambos limitadores e acomplexantes. Moi merecido, pois, o aplauso que tributou a Tosar a sección máis dinámica, culta e consciente do noso corpo cívico, unha ovación masivamente coreada en Internet: 35.229 seareiros da iniciativa "Luís Tosar agradecendo o Goya en galego" dan idea da magnitude do suceso. Gabanza, honra e beizón para o baril artista e digno paisano!

- A aldraxe de Rosa Díez

Agora, a cruz: a babecada da mandamáis de Unión Progreso y Democracia, que ten a ocorrencia de censurar a Zapatero chamándolle "gallego, en el sentido más peyorativo del término", para logo despachar a Rajoy cun lacónico (que non vén de lacón) "es gallego". Por outras palabras: o primeiro un renarte, o segundo un miña xoia. Hai cinco meses, nunha conferencia na Coruña, a liderona de UPyD consideraba a Feijóo "demasiado gallego en el sentido peyorativo del término". Un pusilánime, vaia. Seica no curto vocabulario desta personaxe, gallego se conta entre as aldraxes preferidas. Xaora, un pode ser só "gallego", "demasiado gallego" e incluso "gallego en el sentido más peyorativo".

Os arrotos de Díez provocaron unha vagada de indignación en Galicia. Máis dun xornal ofreceulle a posibilidade de rectificar, pero ela (érache boa!) rexeitou facelo. A rede ferve en esconxuros, con iniciativas de repudio que en tres días concitaron milleiros de adhesións. Ante a arroiada de protestas, o seu partido publicou unha nota acugulada de novos vituperios, ata o punto de acusar os inxuriados de "intolerancia, complejo de inferioridad o perturbación nacionalista". Vaites! Así mesmo, varios comentarios da prensa madrileña (incluíndo este mesmo diario) quitaban ferro ao asunto, chegado a conclusións non moi desemellantes á nota de UPyD, aínda que tentando evitar o ferrete. E estes días pasados, o director de Abc descualificaba unha intervención do ministro de Traballo declarándoa unha "gallegada". Outra vaca no millo! En tal estado de intoxicación, inconsciencia e insensibilidade xace prostrada boa parte da opinión pública da capital do Reino.

- Por que gallego é insultante en castelán?

O episodio corre o risco de quedar na anécdota fuxidía, cando debía convidar a unha pequena reflexión, ao menos sobre dous puntos: un, como e por que no vocabulario castelán (non no diccionario da Real Academia, senón no que os e as falantes levan nos miolos) o xentilicio gallego chegou a converterse nun adxectivo descualificativo, e outro, que é o que está detrás do seu uso neste caso e momento concretos. O tópico denigrante para os galegos no imaxinario castelán ten raíces moi fondas, chantadas en varios séculos. A literatura clásica española e os sainetes populares madrileños ofrecen numerosos e moi expresivos testemuños. Velaí dúas perlas: "Los gallegos no se colocan en predicamento, porque no son alguien", deixou escrito Cervantes; "Hay gallegas rollizas como un nabo, / entre puerca y mujer, que baja al río / y lava más gualdrapas que un esclavo / cantando como carro en el estío", rimou Lope de Vega, e quedou tan pancho (a pesar de que o mantiña o Conde de Lemos).

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Din os estudosos que este estereotipo se creou como consecuencia da arribada a Madrid dunha multitude de labregos miserentos que abandonaran a súa terra para exercer labores servís ou de escasa estima social (lacaios, criadas). Un dos elementos que contribuíu a crear esa imaxe derrogatoria do galego curto, retraído e acomplexado (e de aí, de indeciso, taimado e incluso covarde) foi a escasa seguranza lingüística daquelas pobres xentes, incapaces de expresárense en castelán, e que por iso temían (e de feito adoito eran) ser vítimas de crueis chanzas. Xa que logo, ese estereotipo expresa a marxinación histórica do noso país e o noso idioma.

- Linguaxe politicamente correcta

Cada lingua constitúe o depósito da experiencia histórica e o inventario da cultura da comunidade que a fala, pois esa experiencia e a correspondente pegada na mentalidade colectiva deixan marcas indelebles no idioma: en refráns e frases feitas, nas acepcións ou connotacións de certas palabras, no uso figurado dalgúns termos. Por iso mesmo, a fala coloquial e a literatura (sobre todo, a popular) son fieis receptáculos dos preconceptos máis arraizados. A propia nota de UPyD antes citada menciona as expresións "trabaja como un negro" e "chulo como un madrileño"; ningunha das dúas precisa máis explicacións.

Pero a linguaxe non é simple expresión dunhas ideas que terían unha vida independente: a propia fala contribúe a consolidar as imaxes, a difundilas e a arraigalas. As formas non son neutras pois están moito máis vencelladas aos contidos do que puidera semellar. Velaí a xustificación dos esforzos para erradicar a linguaxe sexista, que replica a discriminación das mulleres. ¿Algunha vez matinaron por que ata hai pouco non era aceptable referirse en feminino a presidentas, mariñeiras ou médicas, pero si a secretarias, señoras da limpeza ou enfermeiras? ¿ou por que os vocábulos xuíza e alcaldesa denotaban as esposas do xuíz e do alcalde? Para non falar das expresións homófobas. Que diriamos dun deputado que descualificase a un alto cargo por facer ou dicir algo "propio dun maricallo"? Ou das que expresan prexuízos raciais. Sería a día de hoxe considerado de bo gusto referirse publicamente á "cobiza tipicamente xudaica"? E falar de alguén como "un mouro, no peor sentido da palabra"? A linguaxe politicamente correcta, tan deostada por comentaristas superficiais, representa un avance da civilización. Evidentemente, non arranxa os problemas de fondo, pero ao menos non contribúe a reproducilos. A alternativa á corrección política na fala é a expresión brutal e irrespectuosa. Isto ten pouco que ver con complexos, sentido do humor ou perturbacións nacionalistas, e moito con civilización, purga de prexuízos, ambiente de respecto á dignidade das persoas e dos colectivos.

Polo mesmo, a eliminación da vida pública de falares ofensivos cara aos distintos pobos de España, que reviven no día a día o lastre herdado dunha cultura autoritaria, uniformista e tinguida de prexuízos castelanizantes, é unha tarefa esixida por pura hixiene cívica.

- Rosa Díez, Galicia e o galego

Repasen por un momento a información gráfica da manifestación preelectoral contra o galego de febreiro de 2009. Vexan na cabeceira a Rosa Díez entre varios dirixentes populares. Reparen arestora en como a señora celebrou coa boca podre o aniversario daquela mobilización de infausta memoria. Noten a reacción enfática do PP, as choromicadas dalgún xornal, o mesto silencio de Galicia Bilingüe. Non ten algo de patético a situación dos que nos últimos anos arrolaron a transfuguista, ao tempo que se recreaban en dar pancadas ao idioma galego?

É a traxicomedia, tantas veces repetida, dos galegos descastados que esperan que a renuncia á súa identidade os faga máis meritorios aos ollos do espello deformado en que se miran. A España gran-castelá, centralista e soberbia, que Antonio Machado censurou tan aceda canto certeiramente ("ayer dominadora... desprecia cuanto ignora"), reserva un desdén aínda maior para eses parvenus ca o que ostenta para as linguas e culturas que fachendosamente descoñece.

Os galegos que acalentaron a señora Díez nos medios de comunicación, na vida pública, na rúa, xa saben a opinión que lle merecen á súa ídola: "Gallegos, en el sentido más peyorativo de la palabra". Rosa non paga traidores. Ao resto da cidadanía galega tanto nos ten o que ese epítome da deslealdade, o oportunismo e a demagoxia opine ou deixe de opinar sobre nós, por moito predicamento que teña na capital. Pero unha cousa é oír certas baduadas coma quen oe chover, e outra distinta -disimulen o dito- que mexen por nós e dicir que chove.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_