_
_
_
_
Luces

36 euros de papel

Trinta e seis euros ao mes é o que custa mercar diariamente este e mais a maioría dos xornais. Para min que son os euros mellor investidos mensualmente, todas esas páxinas proporcionan unha visión do mundo, informacións que demando e outras que me permito desprezar pasando páxina, opinións de xente distinta de un, con opinións coas que un concorda ás veces e outras coas que non. Supoño que a maior parte das cousas que aprendín aprendinas nos xornais. E se fun quen de imaxinar a Galiza como país (pois a España non había que imaxinala, era o Estado; todo era España e España era o todo). E grazas á lectura do xornal fun quen de reconstruír mentalmente un mapa social no que había distintas clases e ambientes sociais, mundos, actividades e gustos distintos nunha mesma cidade, nun mesmo país.

O xornal formou e forma cidadáns, mais os lectores do xornal foron e aínda somos unha minoría

No seu tempo estudei asignaturas de Historia; con todo, a historia que verdadeiramente coñezo é a que fun lendo nos xornais cada día. O xornal fai de cada un dos días da nosa vida un fascículo de historia e se acudo a unha hemeroteca, vaia palabra, pois encontro alí a secuencia histórica. Os xornais foron escribindo o relato da historia e ler no xornal fíxome vivir conscientemente nun país e nun tempo. O xornal fíxonos cidadáns.

Escribo isto que case é unha reivindicación melancólica da prensa diaria en papel, decátome, porque pertenzo mentalmente a un tempo que está a desaparecer diante dos nosos ollos. Se ollamos atentos seremos quen a ver como a liña da marea devala de vagariño mais de modo terminante: o mundo dos xornais nos domicilios, nos bares, nas sociedades..., está a desaparecer. Iso din cruelmente os índices de venda.

No século XIX as persoas que tiñan opinión propia sobre os asuntos sociais eran as que sabían ler e ademais lían prensa. No século XX chegou a radio e os analfabetos e os que non lían o xornal ouviron as novas do mundo. Logo, coa televisión en bares, domicilios e case en todo lugar non é preciso ler nin moito menos mercar un xornal: sen ter que ler sabemos da crise en todos os seus detalles. O xornal formou e forma cidadáns, mais os lectores do xornal foron e aínda somos unha minoría dentro dunha sociedade na que todo o mundo recibe opinións e informacións. Somos unha minoría, un tanto elitista probabelmente. Realmente mercar un xornal é algo tan culto, minoritario ou raro como a palabra hemeroteca.

E cales son os riscos desa minoría que lemos prensa escrita? Tradicionalmente o lector de prensa lemos sempre no mesmo xornal, no quiosco mercamos un exemplar, pagamos o euro e pico, dámoslle un repaso rápido ás primeiras planas dos demais xornais que non habemos mercar, deixámolos estar e marchamos. Tradicionalmente, o lector de prensa é lector "dun xornal" e cada cabeceira ten a súa liña ideolóxica, unha visión da sociedade e unhas liñas previas sobre a maioría dos asuntos: o lector do xornal ten tendencia ideolóxica. Naturalmente tamén a prensa chamada local defende intereses e ten tendencia ideolóxica. O seu lector recibe unha visión ideolóxica das cousas malia que o que realmente busque nesas páxinas sexan informacións locais que lle son útiles na súa vida inmediata. Pola contra, o lector das cabeceiras que se ofrecen como rexionais ou nacionais si que busca nas páxinas do seu xornal ese discurso ideolóxico, é un lector que busca confirmar e reforzar a súa ideoloxía personal: un lector militante ideoloxicamente. E a identificación co seu xornal é moita, sei de persoas que teñen enmarcada na casa a primeira plana do primeiro número deste xornal, o 4 de Maio de 1976, por iso tamén é esixente no que agarda do seu xornal. Quere que diga "o que debe dicir". Hoxe na España hai cabeceiras madrileñas, a prensa nacional, que son verdadeiros voceiros de partidos e, confundindo os papeis, algún xornal pretende ditarlle a política aos partidos. Na historia isto ten ocorrido e ocorre frecuentemente, as cabeceiras de prensa son parte da loita política nas sociedades democráticas. Mais esta relación de lealdade monógama entre o lector e o xornal en papel está a rematar, de tanta promiscuidade que nos invade. Xa somos ou seremos lectores de prensa promiscuos. Aínda que sigamos a ler no noso xornal en papel, cada un o seu, lemos ou damos unha guichada a outras cabeceiras a través de Internet. Eis o asunto, Internet.

Hai uns pucos anos Internet era unha cousa á que un se enchufaba para enviar un correo ou buscar por algo, con ADSL e banda ancha, os ordenadores están sempre conectados a Internet: e a prensa está toda aí ao noso dispor! E de balde aínda por riba! Por que habemos pagar polo xornal en papel se tamén nolo regalan na pantalla? Non sei se esta pregunta ten resposta doada. Desde logo, semella que as empresas que editan os xornais cobrando o papel e regalando a visión en Internet tampouco saben responder. É evidente que están confusas. Eu podería dicir que non se le o mesmo no papel que nas pantallas actuais. Podería referirme a esa abundancia de informacións pequenas e varias, innecesarias mesmo, ás que me refería ao principio e que recibo por só 1,20 euros. Mais recoñezo que, como lector de prensa promiscuo, cando leo unha noticia na páxina en papel agora xa fago en falta que teña links, que linquee a outra páxina na que me ofrecen informacións anteriores ou complementarias. Xa percibo os límites do papel, é certo.

E tamén percibo en min que o tempo tranquilo para a lectura do xornal, de diante a atrás, xa non existe nos meus días. Vivimos nun tempo fragmentado e acelerado, é o tempo que marcan os programas da televisión, e xa estamos infectados coa inmediatez da Internet. Non nos valen as informacións sobre un asunto das dez ou once da noite pasada, cando se cerrou a edición en papel do xornal, que estamos a ler pola mañá. Na radio, e nas pantallas, xa nos ofrecen o que ocorreu despois e mais o que está a ocorrer agora no momento. O propio xornal ofrece na súa páxina web unha outra información, máis actualizada e polo tanto mellor. O xornal na súa páxina web corrixe a edición en papel. É evidente que está a haber cambios profundos nos medios de comunicación, e as empresas e os lectores estamos confusos. As persoas que aínda somos do papel xa estamos contaminados pola inmediatez e fragmentación da Rede, qué pensar de xeracións enteiras que nin sequera miran o televisor: ven cousas dispersas na Rede, as que procuran e as que encontran. Para esas persoas un xornal en papel é algo alleo e moi antigo.

(Mais, e neste tempo fragmentado, confuso, onde as pantallas lle disputan ansiosas o espazo ao papel, haberá lugar para o lector de libros? Haberá nas nosas vidas o tempo demorado que precisa a lectura do libro?).

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_