A outra historia de 'Celda 211'
Con 16 nominacións ós Goya, e vendida xa en 20 países, os coruñeses Vaca Films fixéronse cos dereitos do filme logo de rexeitalos outra produtora
"Estaba na casa escoitando as nominacións ós Goya, e en cada unha non paraba de chorar da emoción". Moito debeu de chorar ese día Emma Lustres, porque tivo que escoitar ata 16 veces o nome de Celda 211, o filme que impulsou desde A Coruña coa súa empresa, Vaca Films. Esta dura historia dun funcionario de prisións atrapado nun motín rebasou as súas mellores previsións e estase a converter no fenómeno cinematográfico do ano: premios e recoñecementos en festivais de todo o mundo, e case 11 millóns de euros recadados. Son cifras fóra do común para unha película dun presuposto relativamente modesto coma esta, arredor dos 3,7 millóns de euros.
Saiu con 220 copias, e tres meses despois segue en todos os cines españois case co mesmo número, un inusual caso de lonxevidade. "Cando vimos a taquilla da primeira fin de semana, non me creía a recadación, e ¡non é polos cartos!", conta desde a sede da súa empresa. Seguramente Emma Lustres (O Grove, 1975), pensou nese momento no sacrificio que supón sacar adiante unha película, e nas circunstancias curiosas que ás veces se dan para que un proxecto triunfe.
"Lemos a novela e encantounos, pensamos que alí había unha película"
A Tosar ó principio non lle atraía o personaxe de Malamadre
Como moitos outros filmes, Celda 211 agocha detrás varias historias nas que se mesturan a sorte e o traballo rigoroso. A primeira delas é que o escritor Francisco Pérez Gandul, autor do libro do mesmo título, tiña vendidos os dereitos a outra produtora. "Boca a Boca mercou os dereitos por dous anos, pero non o desenvolveron e caducáronlle", explica Lustres, "e alégrome de non telo sabido antes, senón daríalle voltas a cómo unha produtora tan grande rexeitara este libro". Cada ano, o equipo de Vaca Films viaxa á feira do libro de Barcelona e asiste a un encontro que mestura editores, escritores, produtores e guionistas. Nese encontro coñeceron a existencia do libro, a primeira novela de Pérez Gandul. "Lémola e encantounos, pensamos que alí dentro había unha película", explica Lustres. Mercaron os dereitos, e deron un segundo paso: darlla a ler a Luis Tosar. E aquí acontece outras das historias curiosas. "A Luis encantoulle. Preguntámoslle en que personaxe se veía, e dixo que quería facer o papel do funcionario atrapado, o que fai Alberto Amman. ¡Non lle atraía Malamadre!, pero fixémoslle ver que esa era o seu papel", lembra esta produtora, que non para de loar as bondades de Tosar, "un actor que o facilita todo".
Despois do interese de Tosar por estar na película, Vaca encargoulle unha adaptación do libro a dous profesionais experimentados: o director Daniel Monzón e o guionista Jorge Guerricaechevarría, que escribe habitualmente os filmes de Álex de la Iglesia. "Resultoulles moi difícil e estiveron a piques de guindar a toalla, pero case conseguiron un guión mellor que a novela", rememora Lustres. Empezaron a buscar socios e na película entraron finalmente como coprodutores Telecinco e Morena Films. Despois chegaría un exitoso periplo por importantes festivais de todo o mundo, como Venecia ou Toronto, onde as distribuidoras facían cola para saber de onde saíra a empresa que producira aquel filme tan impactante. "Saímos do salón da nosa casa, que foi onde empezamos", bromea Lustres.
Foi o seu socio en Vaca Films, Borja Pena, o que a empuxou a montar unha produtora en 2003 buscando producir filmes na liña do thriller, ata que chegaron a este éxito. As vendas internacionais de Celda 211 non paran de medrar: a obra foi vendida xa a uns 20 países. O temible Malamadre, ese preso ó que encarna Luis Tosar, e que só velo entran calafríos polo espiñazo, falará linguas que van do ruso ó alemán. Esta semana estrearase a película en Grecia, en abril en Francia, e nun par de meses tamén en Italia, onde sae con 200 copias, unha cifra considerable. Tratándose dun thriller europeo de éxito, a pregunta é obvia, ¿haberá remake en Hollywood? Lustres suspira, felizmente desbordada: "Uuf! Temos varias propostas de directores conocidísimos, e unha opción moi avanzada, pero non hai nada pechado, porque este camiño é moi longo, e tamén estamos cos nosos proxectos".
Entre eses traballos hai de novo varios thrillers, como Invasores, que están a negociar cun director, "dos mellores que hai agora en España", adianta Lustres. Invasores será a adaptación dun libro do escritor Fernando Marías, unha das últimas obras sobre as que Vaca adquiriu dereitos. Entre elas, tamén a obra dun autor galego, Ollos de auga de Domingo Villar, pero finalmente houbo algúns atrancos: "Empezamos a desenvolvela para unha tv movie, pero caducounos a opción, e o autor e a editorial botáronse atrás, porque preferían unha película en cine".
Antes de todo aínda haberá que saber a sorte que poden traer os premios Goya, o vindeiro 14 de febreiro. "Temos 16 nominacións, pero non aspiramos a gañar todo, con cinco ou seis xa nos conformamos", fai cábalas ríndose Lustres, que non oculta que lle faría moita ilusión "o Goya de maquillaxe, porque Raquel Fidalgo é unha persoa moi próxima, e son profesionais que levan anos traballando en todo en Galicia, pero non recoñecidas fóra". Mañá sábado celébrase en Madrid a festa dos nominados, e estes días a maquilladora chamou a Lustres: "¿Que me teño que poñer? Eu nunca fun a iso ¡e que sei eu! Se tampouco nunca estiven alí", di a gargalladas. Todas tan nerviosas como contentas, orgullosas dun filme feito desde Galicia, pero cos pés na terra: "Isto non é normal, ás veces teño medo de que pasen 20 anos sen que volva suceder nada igual".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.