_
_
_
_
_
Luces

Cultura bota contas

A consellería, que priorizará o Xacobeo, admite que o recurte en 2010 podería chegar ata o 20% - Daráse preeminencia aos sectores "de máis impacto económico"

Cando o bipartito puxo a andar a Axencia Galega das Industrias Culturais, daquela coa produción audiovisual no mesmo departamento cá música e as artes escénicas, as primeiras encomendas centráronse en examinar o tecido cultural do país. Quizais por ser a primeira vez, a mesma semántica -xunguir creación e industria- azougou de entrada á xente do teatro, temerosa de que o económico prevalecese sobre o artístico.

Para o ano que vén haberá que revisar esa caste de desacougos. A Consellería de Cultura admite que un recurte orzamentario de entre o 15% e o 20% en 2010 -no último ano, o bipartito xa o reduciu un 3,6%- "podería ocorrer", sobre o tesoirazo de máis de dous díxitos nos Orzamentos Xerais que anunciou Feijóo. As prioridades serán Turismo e Xacobeo. No resto, segundo declarou a este xornal o conselleiro, Roberto Varela, "o importante é optimizar gasto". "Non queremos deixar desprotexido ningún sector cultural, pero temos que ir a aqueles que teñen máis impacto na economía". Varela pon o exemplo das fundacións: "O que non teña unha rendibilidade cultural, con actividades de pouco impacto ou inútiles, queda descartado". "Imos respectar os compromisos existentes", engade, "pero se hai 15 festivais de teatro e catro ou cinco teñen máis repercusión, non se pode apostar por todos".

"Por que non usar a Javier Marías para promover o Camiño?", di Varela
"Desaparecen ámbitos enteiros de intervención", láiase Margarita Ledo
Más información
Incerteza nos festivais de cine

Sobre as técnicas do Goberno para medir o que é ou non é rendible culturalmente, e a falta de desenvolver as liñas de traballo da Dirección Xeral de Promoción Cultural, Francisco López-Barxas recoñece que haberá que pensalo "desde moitas perspectivas". E enfíao co turismo en Ano Santo: "Ademais do valor cultural, tamén interesa, por exemplo, que medren as prazas hoteleiras. Aí hai que manter un certo equilibrio".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Coas institucións históricas da cultura galega pendentes de negociar as súas dotacións, as editoriais facéndoo por separado, o audiovisual por compartimentar -as axudas xa se están pagando- e a escena aínda medindo o alcance do baleirado no Centro Dramático e no Centro Coreográfico -este mes saberán se o PP respecta o Plan Galego das Artes Escénicas-, a cineasta Margarita Ledo fai un resume de impresións por entre un silencio, no que atinxe aos órganos da cultura, significativamente basto. Como académica e ponente do Consello, Ledo rescata o "aviso para navegantes" incrustado desde abril na páxina web da Consellería. "Din que andan a traballar para definir os obxectivos prioritarios da política cultural, e en Promoción e Difusión Cultural só se le 'liñas estratéxicas en proceso de actualización".

"Andamos nunha sorte de ruela sen saída na que, a falta de programa, falamos de axudas e outras accións rutinarias do anterior Goberno", critica. "Pero desaparecen do mapa ámbitos enteiros de intervención e non dan aparecido aqueles que se usan adoito como propaganda, coma o Xacobeo e a Cidade da Cultura". Para Margarita Ledo, a cultura non podería deixar de ser un espazo de relación, mais "todo indica que a consigna é fomentar os departamentos estancos ou o estancamento".

Canto á Cidade da Cultura, a previsión de aforro tras descartar Varela a idea orixinal de facer un teatro da ópera, e volver ao Escenario Obradoiro do bipartito, non está clara. A previsión de gasto no Xacobeo, que presentará programa a finais de outubro, supera oficialmente os 7 millóns só ata decembro deste ano. Sen falar da internacionalización da cultura, unha das áreas de preferencia do Goberno anterior, López-Barxas anuncia "liñas estratéxicas de promoción: desenvolver a Lei do Libro, unha nova Lei de Bibliotecas en 2010, manter as axudas á edición e á tradución" -aquí reitera que a supresión das axudas este ano foi un "problema de prazos", e que a previsión de 135.000 euros para 2010 "depende dos orzamentos"- "e potenciar as feiras do libro no exterior". O Salón Internacional do Libro de Madrid, Bos Aires, Francfort e Guadalajara son as confirmadas. "Centrarémonos nas editoriais galegas e o Xacobeo hao empapar todo", puntúa Varela. "O que non imos facer é gastar un millón na Habana". Máis concretamente, o conselleiro anunciou que para Francfort se traballa na produción dalgún encontro entre autores españois e alemáns, "sen localismos". "Se podemos, por que non imos utilizar a Javier Marías para promocionar o Camiño?".

No entanto, as dificultades orzamentarias xa este ano de festivais históricos, desde as mostras de teatro de Ribadavia, Cee ou Cangas ata o Outono Fotográfico de Ourense ou o Festival de Poesía de Salvaterra, este fin de semana -os 12.000 euros de Xacobeo e Cultura quedaron en 2.000-, prometen negociarse individualmente para 2010. Falta tamén por saber en que condicións de visibilidade se manterá o compromiso cos investigadores do proxecto interuniversitario As vítimas, os nomes, as voces e os lugares.

"Eu non cheguei a saber nada", di Nel Vidal, o director de Cultur.gal. Igual cós Orzamentos Xerais, aquela posta en común da industria cultural autóctona durante o bipartito, con 600.000 euros de orzamento, coincidía coa campaña do Nadal.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_