_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Máis alá do Courel

Escritores e críticos avogan por abrir a lectura da obra de Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra foi, segundo a versión do crítico Claudio Rodríguez Fer, un poeta a-académico. O propio autor d'Os Eidos debuxaba, nunha autopoética de 1991, a súa alerxia ao oficialismo: "Rexeito o idioma normativizado, homoxeneizado dos que seguen os ditados normativos do Instituto da Lingua, da Real Academia e do Parlamento". E, sen embargo, a institución da rúa Tabernas vén de escollelo para o Día das Letras 2010. Desta volta, non haberá rescate dunha obra esquecida: Novoneyra é, a dez anos da súa morte en Santiago, unha sombra central na literatura contemporánea.

"O único bo deste 17 de maio", considera o poeta Rafa Villar (Cee, 1968), "sería que servise para escaparmos do tópico". E o tópico, no caso de Novoneyra, reflíctese no Courel do seu primeiro libro -Os Eidos (1955), publicado cando contaba 25 anos- e na interpretación esencialista que arrinca en Ramón Piñeiro, prologuista do volume. Villar non quere dicir que aqueles xa canónicos poemas da montaña estean pexados polo sobredimensionamento, pero si que a lectura telúrica abrogou calquera outra intepretación. Non foi até o ensaio Lingua loaira (2004), de Olga Novo, que o Novoneyra dos inicios apareceu baixo outra luz.

O crítico Isaac Lourido amósase a prol "do Novoneyra non recuperábel" Para Lupe Gómez, había "dimensión performática" nos seus recitais

"Olga Novo ofrece Os Eidos á luz do taoísmo e o pensamento oriental", explica o crítico Isaac Lourido (Ferrol, 1981), quen detecta os motivos: "O home ante o mundo, a contemplación... iso si, materialista e non monolítico". Esa proximidade, a dicir de Novo, é intuitiva, anque "realmente acaroada ao relativismo da indeferenciación de Laozi". Uxío Novoneyra, que sabía dende cedo das poesías primitivas da China, India ou Exipto, tardaría décadas en se achegar ás ideas da filosofía clásica chino-xaponesa.

Fronte a esa lectura "moi orientada" do debut de Uxío Novoneyra, Isaac Lourido rescata o autor dos Poemas caligráficos (no prelo en 1979), "máis dificilmente recuperábel, máis inequivocamente político". Co emblema de Vietnam canto, unha cartografía político-sentimental na que comparecen os irmandiños do Vietcong, Méndez Ferrín ou María Mariño, o poeta inicia unha corrente subterránea que ten a ver, para Lourido, con Reimundo Patiño, o Grupo Rompente ou, máis logo, o libro Metalurxia (1996) de Carlos Santiago. Tamén salienta a "ansia de transcender a letra impresa": "Habería que sistematizar todo o material de audio existente gravado por Novoneyra".

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) conecta estoutro Novoneyra -a súa escrita visual e politizada conviviu no tempo coa pegada montañesa- á xeración beat. "Foi o primeiro poeta co que falei de poesía beat", lembra, "que el coñecera no Madrid dos anos 50 e desenvolvera nos 60". Rodríguez Fer, canda Carmen Blanco un dos máis prolíficos estudosos e editores filolóxicos do courelés, partillou amizade co homenaxeado dende a adolescencia. "En Uxío hai coherencia pero tamén hai diversidade", opina, "e o máis importante nun poeta, unha voz persoal pero non obsesiva nin pechada". Desa riqueza "tendente á depuración, que vai adelgazando os poemas até os ósos", no entanto, Rodríguez Fer queda coa "poesía telúrica, que foi moderna, pasada pola modernidade".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Malia que Os Eidos se antepoñen, no construto do poeta de Lugo Blues, aos poemas de Do Courel a Compostela (1985), o profesor recoñece o valor dun pensamento estético rebelde e fóra do deostado socialrealismo. Nese punto coincide a ollada de Isaac Lourido, para quen habería que revisar "aquelas xuntanzas de poetas da Asemblea Nacional-Popular Galega a finais dos 70, relatadas por Ferrín, nas que se recomendaba os escritores novos volver a Bernardino Graña e a Uxío Novoneyra".

A influencia nos poetas pequenos non se materializou nunha soa dirección. "Sempre pensamos que os vellos inflúen aos novos e non ao revés", sinala Rodríguez Fer, "e iso pode ser un erro, sobre todo en poetas abertos, atentos á novidade e permeábeis como Uxío, Luz Pozo ou Xohana Torres". Unha das últimas pegadas confesas, no caso de Novoneyra, remite a Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972). "Coñecino nun recital na facultade de Xornalismo de Santiago", rememora Gómez, "no que el se atopaba entre o público; emocionouse coa miña poesía e coa miña maneira de recitar".

Lupe Gómez, que daquela só botara os poemas de Pornografía (1995), recupera na altura de hoxe "aquela dimensión performática do Novoneyra recitador". "Había a emoción da terra, dicía moitísimo con palabras pequenas e relacionábase co canto". A poeta de Fisteus estabeleceu "unha amizade" que lle deu "moitos azos" e da que conserva "amigos valiosísimos, como a súa filla Branca ou Herminio Barreiro". Até tal punto o sentimental invade a consideración do poeta no dicir de Lupe Gómez que o vencella co seu propio pai. "Trátase dunha identificación poética, meu pai case non sabía escribir", puntúa.

Na memoria que Gómez conserva de Novoneyra, quen lle escribiu o epílogo de Poesía fea (2000), ocupa lugar outro congreso literario, cando Rafa Villar petou na mesa en nome dos novos. "Se cadra forte demais", di, "pero había que facer unha lectura política da situación da literatura naquela época". Villar fala de "rachar o teito de cristal que os maiores tenderan sobre os rapaces" para contextualizar aquel "hai que matar o pai, matalo e soterralo en cal viva" contra o que se arrepuxera, colérico, Novoneyra. "Eu tiña moi boa relación con el, iamos de viños", relata, "logo pasamos un tempo que non me saudaba, pero reconstruímos a amizade". Rafa Villar refírese ao poeta como "un dos autores que admirei e admiro" e co que entronca na economía da linguaxe como procedemento. Nada que ver co embate que dirixiran a Novoneyra dende o colectivo Ronseltz: "Uxío, ímosche facer a parcelaria e vaste cagar en diós".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_