"Os galegos temos unha cabeza que pensa no futuro"
"Son de aldea: nacín na casa dos meus avós, unha casa onde a xente nace e morre e iso é un privilexio", di Martínez (O Couto, Ponteceso, 1972) A mostra A grande transformación. Arte e maxia táctica, unha coprodución entre o Frankfurter Kunstverein e o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), tráea de volta a Galicia.
Pregunta. Cal é a relación entre maxia e arte contemporánea?
Resposta. Esta exposición pecha un ciclo de tres grandes mostras colectivas no Frankfurt Kunstverein, que dirixo ata mediados do ano que vén. A primera exploraba a relación entre as vangardas dos 70 e a arte contemporánea, ao redor da posibilidade de que a arte conceptual sirva para expandir a nosa idea do imaxinario social, de ata que punto somos quen de inventar o que realmente imaxinamos. A segunda xiraba en torno á idea do amateur ou de cómo desde a forza individual recompilamos materiais para recompoñer a materialidade do mundo e verquer un contido novo sobre o que facemos. E esta terceira é como podemos falarmos do político sen empregar os parámetros clásicos de acción directa, crítica institucional ou acción política tomados da tradición marxista.
"Nestas sociedades nas que todo val, os artistas son fundamentais"
"Un enxeñeiro da Siemens é máis alleo na aldea que un artista"
"A máquina do contemporáneo é especialmente útil para Galicia"
P. As tres afondan na actitude do artista fronte ao seu contexto.
R. Revelan a necesidade que temos de tentar anovar vocabularios para entender o que a arte contemporánea fai e a súa relevancia na sociedade actual. Por iso a maxia, un concepto lateral á historia da arte é, con todo, importante. Outravolta, os artistas queren comprender os ecos da modernidade. O proxecto moderno é básico para entender o presente porque presupón que o futuro é emancipador: é a idea de progreso, de que hai un antes e un despois, e de que ese despois será mellor, como na tradición xudeocristiá. O proxecto moderno entra en crise: hai moitos futuros e, ademais, sabemos que o futuro promete e despois non cumpre. Para moitos artistas iso é unha escusa para meterse nas fendas do proxecto. Na formulación de novas propostas, pensei que a maxia era moi interesante: primeiro arrepía e despois conleva certo desprecio antiacadémico. Nos últimos anos, varios especialistas estámonos decatando de que hai unha volta ao interese pola relación entre o visible, o racional e o oculto e por conceptos como o de poder, coñecemento e mediación.
P. A que se refire o título?
R. Está tirado dun tratado de economía de Karl Polanyi que alude á grande transformación que sobrevén en todo o mundo logo da Segunda Guerra Mundial. Polanyi é un dos primeiros analistas que introduce o concepto de globalización. Por unha parte, necesitamos un cambio; por outra, xa non é posible crer nas grandes revolucións. Así que, a partir de agora, os cambios terán que acontecer a pequena escala. É moi curioso escoitar dicir á xente iso de que "esta crise vai poñer as cousas no seu sitio". A crise é un concepto moi abstracto pero as persoas asúmeno como algo que ten un efecto sobre a realidade, como unha forza. Ese pensamento é moi próximo a esta exposición: pensamos así.
P. Están os artistas propoñendo unha nova espiritualidade en tempos de crise?
R. En absoluto. É unha escusa para artellar mecanismos de pensamento. A exposición non está nin a favor nin en contra da maxia, que é un factor que serve para descubrir que o sobrenatural tamén forma parte de como pensamos o mundo. As sociedades democráticas contemporáneas aspiran a ter o máximo control sobre as cousas, pero en épocas de crise todo son dúbidas. O que cómpre pensar é que aquilo que se nos escapa non é necesariamente malo, senón un espazo máis, un espazo imaxinativo.
P. Como entende o achegamento da arte contemporánea ao público?
R. Para min hai dúas claves: rigor e entusiasmo crítico. A interlocución co público sempre ten que estar realizada desde o rigor, a investigación e o convencemento de que o espectador dun centro de arte non é un consumidor, non lle hai que vender nada. A popularización non conduce a nada, senón o rigor, os argumentos e un vocabulario ponderado que a xente poida entender. Non significa que o público teña que dar a razón, antes ben trátase de convidalos a que se afagan a visitarnos para que poidan emitir o seu xuízo, e aí cadaquén saberá de que se sinte máis próximo. O costume é moito máis importante cás cantidades; hogano, non me importa canta xente vai senón cada canto veñen. Cero cinismo, entusiasmo crítico. O cinismo é a ausencia de pensamento. A miña confianza nos artistas é ilimitada porque son un sector absolutamente necesario. Imaxinen unha sociedade sen artistas! O artista é unha figura, grazas a Deus, que está fóra das estructuras superreguladas das nosas sociedades e, polo tanto, é indispensábel para entendelas. É quen de ser libre para se introducir en moitos mundos e analizalos coas materialidades que crea. Nestas sociedades nas que todo val para todo, é máis fundamental ca nunca que existan estes axentes dobres.
P. E con estes argumentos é como chega o seu primeiro traballo en Galicia...
R. ...que me fai moitísima ilusión! Iñaki [Martínez Antelo, o director do Marco] tivo a deferencia de vir a Francfort e coñecer o noso traballo. O feito de que te valore un colega de profesión xa é indicador dun cambio, de que existe unha xeración neste país que se apoia sen perder o espírito crítico. Esta coprodución tamén é unha honra porque o Marco é un museo moi rigoroso que ten conseguido situar como valor á arte contemporánea. Institucións como esta son as que realmente poden establecer lazos de confianza cunha poboación que non é desconfiada. Eu, que só podo falar da Galicia rural, vexo que na miña aldea se poden facer moitos proxectos artísticos. Un enxeñeiro da Siemens nun BMW é máis alleo no campo ca un artista. A sociedade galega está afeita aos cambios, téñeno sobrevivido todo e sempre consiguen reinventarse. Sempre se nos vencella cunha sorte de tremendismo nostálxico que nos remite ao pasado, cando os galegos temos unha cabeza que pensa no futuro: aos nosos devanceiros non só a miseria os empurrou a Suíza ou a América. Ao mellor o problema é que non nos sabemos vender, e o mundo pensa que estamos ancorados no pasado durminte. A máquina do contemporáneo abócanos ao futuro, por iso é especialmente útil para Galicia.
P. Como foi quen de convencer ao dono dunha cadea de centros comerciais en Nova York para que apoiase economicamente un proxecto artístico nunha antiga escola de billar?
R. Resulta que esa persoa vivía no mesmo barrio de Brooklyn onde nós traballamos. Enteirámonos do enderezo e fomos falar con el á súa casa. Sinxelo!
P. Conta cun novo cometido no Macba pero mantén o compromiso con Francfort.
R. En 2006 pactei un programa de catro anos, que rematará o meu sucesor. Este tempo no Frankfurter Kunstverein foi fantástico e moi duro á vez, porque tiven que coller as rendas da administración e da xestión. Téñolle moito cariño e respecto a todo o equipo, co que agardo non perder o contacto. De non ser porque o Macba me fai moita ilusión non marcharía dalí.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.