_
_
_
_
Entrevista:BIBIANO MORÓN | Promotor musical | Luces

"Non vexo ningunha diferenza entre os Xacobeos do BNG e do PP"

Criado na catedral de Santiago, á beira do arcebispo Quiroga Palacios, sindicalista e militante comunista no Vigo convulso dos 70, membro de Voces Ceibes, dos que este mes se cumpren 40 anos da súa fundación, compañeiro de viaxe de Zeca Afonso en Angola, empresario de hostelería do mítico Kremlim nos 80, ou organizador dos primeiros macroconcertos de Galicia. Bibiano Morón (Santiago, 1950) é unha figura imprescindible no panorama da música galega das últimas catro décadas.

Pregunta. Vostede pertenceu a Voces Ceibes, foi impulsor da movida e despois converteuse en promotor musical. Desde esa situación ¿como percibe a evolución do panorama musical en Galicia?

Resposta. O que percibo sobre todo é que os textos seguen imperando sobre a música, e que poden xordir moitos estilos pero os textos sempre son o mais importante, o que vertebra a música galega, desde os 70 ata agora.

"O que máis define a música galega é o seu enorme respecto polas letras"
"O festival 'Para Vigo me voy' volverase facer este ano"
"Agora só teño unha ilusión: facer o concerto dos 40 anos de Voces Ceibes"

P. ¿Ve algunha continuidade entre Voces Ceibes e a movida?

R. Si, creo que hai unha continuidade literaria no que ós textos se refire, ó texto como valor ó facer a canción. Penso que hai unha característica que define a historia da música galega, que é o enorme respecto polas letras, sexan gamberras ou menos gamberras. Hai moito respecto polo que se di. Sería impensable Siniestro sen os seus textos, ou Semen Up, ou a alta calidade dos textos de Golpes Bajos ou xa non imos falar de Reixa, que entra na música a través dos textos. Non é unha casualidade o rock bravú sen todo o que se di. Non se trata de cousas agradables, senón de cousas moi ben contadas.

P. Vostede chegou gravar tres discos en galego nos 70, ¿daquela tiña outra consideración?

R. O feito de cantar en galego nesa época xa era unha toma de posición moi atrevida. Hai que pensar que, fóra do folclore, as primeiras palabras enfiadas e harmonizadas foron as de Voces Ceibes. Aquilo foi unha innovación, se mire por onde se mire. Esta toma de postura conlevaba a vixiancia permanente dos servizos da policía do social. A censura, que parece algo que foi no XIX pero está a volta da esquina, obrigábache a rexistrar os temas para aprobalos ou denegalos. Ata que chegou a gran colada do can de palleiro. Iso supuxo unha burla total da censura. Para min foi un éxito saber utilizar as contradicións da censura, para que a xente cantara "abaixo a dictadura", que era o máximo que se podía cantar nese momento en pleno franquismo. Xa non se podía dicir outra cousa.

P. ¿Por que non gravou mais discos?

R. Porque no 76, logo de tres discos en galego, propuxéronme cantar en castelán e negueime, e por iso rematou a miña carreira como cantautor. Usar a lingua propia era a rebeldía, era o noso primeiro valor. E iso que os meus discos tiñan un certo éxito e ata empezaba a haber concertos en espazos mais amplos. Pero fóra de Galicia facíase duro cantar en galego e comercialmente inviable. A gran ausencia nestes últimos 40 anos son os cantautores. Desapareceron do mapa.

P. Nos 80 faise empresario e promotor co mítico Kremlim, e impulsa iniciativas como Madrid se escribe con V de Vigo. ¿Qué deixou a movida?

R. Ese momento histórico responde a unha gran base de músicos que había en Vigo, unha factoría permanente. A cantidade de salas de ensaio, de grupos que se fan e desfan, de proxectos. É un fervedoiro imposible de seguir pola súa cantidade.

P. ¿E iso ven arrastrado desde a movida?

R. A cidade converteuse na gran capital da música do noroeste español. Que a partir de ai nazan grupos como Los Piratas non é raro, poque é a continuidade de todo iso. E iso que me horroriza o nome da movida debería chamarse fenómeno musical de Vigo, ou algo polo estilo. A movida deixa unha estructura e unha cantidade de referencias, que está sendo un camiño polo que se abren paso centos de músicos. Non hai ningunha cidade deste tamaño que teña tantas salas de concertos como Vigo. Sería inxusto non recoñecer á movida. Aquí pegas unha patada a unha pedra e sae un músico. Así de sinxelo.

P. Nos 90 convértese nun promotor musical de referencia. ¿Que supuxo traer a Madonna a Galicia?

R. Para Galicia representou poñer un sinal onde se dicía: 'aquí está empezando unha historia'. Ese mesmo día tocou na Coruña Prince, e hai unha chamada de atención onde Galicia reclama estar presente nos circuitos internacionais. Era un novo xeito de facer as cousas e demostrar que aquí se podían facer grandes concertos como en Berlín ou en calquera cidade europea. Vigo ten un tamaño como o de Valladolid, pero é un foco constante e referente de grandes actividades, e iso quedou para sempre. Mil veces máis que A Coruña, algo evidente, e máis que calquera cidade en Europa do mesmo número de habitantes. Se algo é Vigo, é unha cidade de concertos.

P. Vostede pasou de ser militante comunista e emblema da canción protesta, varias veces multado polo antigo Ministerio de Información e Turismo, a organizar concertos no Xacobeo para o Goberno de Fraga ¿Hai xente que aínda non llo perdoa?

R. Supoño que habería comentarios absurdos de xente que nin vou mencionar aquí. Serán comentarios moi interesados. Aí estaban tódalas promotoras de Galicia e eu traballo con tódalas grandes institucións. Non teño que demostrar nada, nin a nivel ético nin persoal. Sei que agora estou vetado en determinados sitios e estou obrigado a remar contracorrente.

P. ¿A que se refire?

R. É obvio que hai consellerías nas que non se me acepta ningún proxecto.Tampouco no Xacobeo actual, e iso que no fondo tampouco vexo diferenza ningunha entre o Xacobeo do Bloque e o Xacobeo do PP, nin sei se as tería que ter.

P. ¿Os festivais musicais están están máis centrados no ocio que na música?

R. Debería xenerarse mais debate entre promotores, músicos e ideólogos. Agora en Galicia, no folk, por exemplo, os gurús recomendan mesturarse máis con outras músicas, baixar o volume do céltico. Eu creo que iso é malo, porque a revolta hai que facela desde as raíces. Como dicía Celso Emilio, "nunca virá de fora remedio ou esperanza". Unha cousa é convivir con outras músicas e outra levar a música galega por eses rumbos. Nós temos que desenvolvernos e investigar sobre as nosas bases. Parece que están máis fartos da música tradicional algúns promotores que os propios músicos. Recurrir ao argumento de poñer unha parte en árabe paréceme unha tortura. Hai que investigar para adentro e non para afora. Iso non se acaba nunca.

P. Foi promotor de un gran festival latino, o Para Vigo me voy. ¿Hai algunha posibilidade de retomalo?

R. A desaparición do festival supuxo para min un enorme disgusto. Foi unha decisión política errónea, porque estaba sendo un gran éxito. Pero xa adianto que este festival se vai facer antes de que remate o ano, noutro espazo e nun formato diferente.

P. ¿Que concerto lle queda por facer antes de retirarse?

R. Non me vou retirar de promotor nunca. Agora, só teño unha única ilusión, facer o concerto dos 40 anos de Voces Ceibes, un movemento case descoñecido entre os estudiantes novos. Con xente como Araguas, Raimon ou Miro, podiamos facer un gran concerto. É de lei que a memoria histórica recoñeza o labor dun grupo de persoas que deron a súa xuventude para que o seu pobo gañara liberdades. O proxecto está en marcha e precisamos apoio das institucións.

P. ¿Cre que Voces Ceibes non ten o suficiente recoñecemento?

R. Este é un país tan estraño que ata despreza o pasado. Paréceme tristísimo que non haxa un recopilatorio de Voces Ceibes, nin en CD nin en DVD, agora que hai edicións de todo canto grupo hai.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_