Tonhito de Poi faise de 'rasa loba'
O que foi líder dos Heredeiros da Crus emprende un novo proxecto musical
"Eu son coma un rasa loba, coma eses cans bravos que sobreviven sós no monte, e non coma os cans de palleiro, resignados a vivir atados a un pexegueiro toda a vida". É a nova declaración de intencións de Tonhito de Poi, o músico que era mariñeiro e se fixo célebre liderando ao longo de máis dunha década os Heredeiros da Crus. Cun rock contundente e unhas letras gamberras en jallejo do Barbansa, os Heredeiros publicaron sete discos, venderon miles de copias e foron un referente na década dos anos 90 para toda unha xeración de mozos galegos. Despois do éxito musical, Tonhito dedicouse a outras facetas como a de actor ou guionista, pero nunca deixou de lado a súa inseparábel Sachadora, a guitarra coa que compuxo os primeiros temas de Heredeiros, e coa que viviu as primeiras sensacións como rockeiro.
Tonhito de Poi rexorde cun novo proxecto musical, Rasa Loba, logo dunha amarga experiencia coa Banda de Poi, o seu anterior grupo, co que tratou de unir Galicia e Portugal co rock coma excusa. Pero a vida da banda acabou do peor xeito posíbel: enfrontamentos entre os membros, ameazas de xuízos e múltiples débedas que acabaron estrangulando un proxecto no que o músico de Ribeira traballou ao longo de tres anos. "Convertínme nunha mestura de empresario e produtor e quedei completamente empeñado. Agora teño que pagar os pratos rotos, porque puxen o meu nome por diante", explica resignado. Como dentro do malo sempre se aprende algo bo, Tonhito tirou desta experiencia unhas conclusións claras: "Eu son músico e a iso teño que dedicarme, a canalizar a miña enerxía en crear cancións e saír outra vez adiante".
Co batería Tonecho España e cos portugueses Poni e Hugo Machado, rescatados do naufraxio da Banda de Poi, Tonhito creou Rasa Loba para seguir facendo rock e, sobre todo, para tocar en directo. "As bandas fórmanse tocando e o obxectivo é facer directo até que escache, incluso gravar cousas en directo, pero polo de agora non nos formulamos facer un disco", explica o impulsor dos Rasa Loba, que acaban de facer a súa primeira gravación en directo, con once temas que tocaron recentemente nos estudios da Radio Galega. Levan desde o verán rodando o proxecto e tocando polos bares de toda Galicia, sobre todo en locais que nunca fixeran concertos nin tiveran música en directo. "Estamos partindo de cero, facendo todo de xeito moi humilde. Non busco impresionar a ninguén, só volver á esencia e iso faime sentir igual que os primeiros pasos que demos con Heredeiros", afirma un ilusionado Tonhito de Poi, co que sempre resulta inevitable facer referencia aos posíbeis rumores de que a súa primeira banda volva xuntarse de novo. O músico estabelece un curioso paralelismo para explicar unha posible volta ás orixes: "Non sinto que me separara nunca dos Heredeiros. Andamos cadaquén cos nosos proxectos, pero iso é como saír da casa da nai para ver mundo. As nais sempre esperan na casa para recibirnos de volta, e os Heredeiros nese aspecto son como a nai de todos nós".
Fóra desta posibilidade, Rasa Loba ten proxectos de futuro inmediatos. O primeiro deles, varias actuacións contra o mes de Nadal, onde tocarán cos Toreros Muertos de Pablo Carbonell en varios concertos que promoverán a defensa do raposo galego, e que están organizados pola asociación ecoloxista Adega. "Afortunadamente a Rasa Loba non está en extinción, todo o contrario, empeza agora a reproducirse con forza para mover o mundo", reflexiona Tonhito mentres lúe á súa compañeira fiel ao longo de moitos anos: Sachadora, a súa guitarra. Xunto a ela emprende unha vez máis un novo proxecto, mentres afina os ouveos de Rasa Loba.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.