A respiración de Carlos Blanco
O actor, que comezou a súa andaina no teatro, confesa regresar sempre á radio
Cando cursabamos o derradeiro ano de carreira na Universidade de Santiago, a voz de Carlos Blanco, interpretando ao señor Paco, entraba a diario no noso piso de estudantes a través da radio. Era o programa O Fiadeiro, da Radio Galega. Naquel piso estabamos enganchados ao programa e ás historias do señor Paco. Un día, por unha serie de circunstancias, o señor Paco en persoa entrou pola porta do noso piso da rúa do Pexigo. Era, evidentemente, Carlos Blanco. Pero foi moi difícil para nós encaixar que a voz do señor Paco pertencía a aquel rostro. Había que asumir que o señor Paco non era Carlos Blanco, senón un xenial personaxe que el mesmo creara. Un personaxe atrevido e inédito, de feitura popular, ateigado de humor, que falaba reivindicando a gheada e o seseo. Daquela, toda unha revelación radiofónica. "Visto desde hoxe -di Carlos Blanco- o señor Paco paréceme moi naif, moi elemental. Co tempo, todo foi facéndose máis sinxelo, máis natural: xa non precisas poñer unha máscara para expresarte dun determinado xeito. O señor Paco, ou Estanislao -refírese ao exitoso personaxe de Mareas vivas-, estiveron moi ben no seu momento e fixéronme feliz". Logo, ao señor Paco prolongoulle a vida, co apoio do grupo Korosidansas, no espectáculo Directamente Paco, que levou por toda Galicia. E Mareas vivas foi o programa a través do que lle chegou o grao máis alto de popularidade. Tanto, que ás veces lle invadía ámbitos da súa vida privada.
Blanco figuraba nas listas negras do PP contra os xornalistas da radio pública
Pero, quen é Carlos Blanco? Quen é ese individuo que o pasado ano presentou na TVG o programa Somos unha potenzia e hai bastantes máis era unha voz entusiasta que vibraba cos partidos de fútbol no programa Galicia en goles da Radio Galega? Pois é, sen dúbida, un tipo polifacético, flexible, directo, franco, e ás veces sincero até o límite, un tipo capaz de encher o teatro do Centro Cultural Caixanova en Vigo e ao tempo capaz de tocar no espazo reducido e familiar do Bar Pénjamo, na praia de Patos. Ese é Carlos Blanco, unha persoa que se define a si mesma como poliédrica e complexa, dona dun carácter con múltiples e complicadas aristas: "Podo pasar de ser unha persoa encantadora a odiosa, de mostrarme moi tenro a extremadamente cruel". Se cadra, esa capacidade para aglutinar tan distintas manifestacións da súa personalidade é a que lle permite abordar con éxito a interpretación de moi diversas personaxes, porque xa as leva todas dentro.
Carlos Blanco naceu en 1959 en Vilagarcía de Arousa, e abriuse ao mundo do teatro na compañía Ítaca. En Vilagarcía entrou tamén en contacto coa maxia da radio, traballando na Ser. Pero foi sobre todo na radio e televisión galegas onde lle puxo proa a unha traxectoria profesional moi pouco acomodada, que anos despois o levaría a abandonar o seu posto de traballo para abrirse camiño no ámbito do espectáculo. No tránsito, pasou por programas como o Diario Cultural, A Reoca, Sitio Distinto ou Luar.
Nos medios de comunicación públicos tocoulle vivir as épocas duras: pura marxinación, acoso, asegura. O espectáculo Directamente Paco naceu ao longo de dous anos facendo "pasillos", unha vez que se viu privado dun cometido laboral específico. Para non entolecer, ideou e escribiu o espectáculo: "Foi por pura necesidade". De feito, en 1990, cando Pérez Varela era o xefe de Gabinete de Comunicación de Manuel Fraga e o Diario 16 de Galicia sacou á luz as listas negras do PP contra os xornalistas da radio e a televisión galegas, Carlos Blanco era un dos "fichados": "Es del PSG-EG. Dirige el colectivo de nacionalistas radicales de izquierdas en la radio y fuera de ella. Elemento pernicioso".
Este "elemento pernicioso" é hoxe un actor consolidado, que traballa con Antón Reixa ou Pedro Almodóvar, que fai cine, teatro, televisión, radio, espectáculos, que conta historias, que fai humor, que presenta programas de televisión pero que, ante todo, é moi consciente de que o seu sitio está diante do público, nese lugar onde se escoitan voces, respiracións, onde se ven os sorrisos ou as caras longas, nese lugar onde aplauden ou pitan, nese lugar onde o público ri ou se aburre. E, asegura, para estar nese lugar hai que ser "un caradura: plántaste só diante do público, que aguanta de pé, durante dúas horas, todo o que contas. Se o pensas ben, é un atrevemento, unha ousadía e hai que ter moito morro para facelo".
Autor, actor ou director de espectáculos como O país da comedia ou Dillei, Carlos Blanco foi finalista do certame de monólogos do Club de la Comedia (2003). Na actualidade mantén unha colaboración co programa As Quimbambas, da Radio Galega, porque cre que a radio é como Ítaca, unha xeografía á que sempre se retorna. Agora prepara un novo espectáculo co músico africano Manecas Costa, un traballo que ambiciona un discurso global, comprensible en todo ámbito lusófono, de xeito que poida ser representado en Compostela, Lisboa, São Paulo ou Luanda.
O seu traballo como narrador oral fundaméntase na improvisación e nos recursos da stand-up comedy, ligándoos coa música, a poesía e a tradición da oralidade. Carlos Blanco cita a Miles Davis como símil do que debe ser o seu traballo: o músico afroamericano aseguraba que tocaba a mesma melodía de xeito diferente cada vez, adaptándoa ao público. Ao de Vilagarcía gústalle sentir que no seu público, que é diverso e reune idades de 18 a 70 anos, cada persoa respira de forma distinta. El precisa comprender e interpretar esa respiración. Por iso define o seu traballo como "puro jazz".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.