"O libro infantil de calidade interésalle a todo o mundo"
"Este era un insecto pau que se camuflaba entre as pólas dunha árbore, como unha poliña máis. E un día ao insecto pau saíulle unha folla". Velaquí unha das 84 pequena historias que compoñen Minimaladas, o libro de Carlos López Gómez (Boimorto, 1967) que gañou o a edición número 22 do Premio Merlín de Literatura Infantil.
"Trátase de arredor de 84 historias breves protagonizadas, cada unha, por un animal diferente", explica López Gómez. Para construír as pezas de Minimaladas, o autor buscou "animais cunha personalidade marcada, na conduta ou no aspecto". Un camaleón, unha balea, un cuco ou o insecto folla desfilan polo volume galardoado, do que o xurado salientou "a capacidade para evocar imaxes valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e un tratamento moi innovador da creación lingüística".
"Escribir para os nenos é un exercicio complexo, moi complexo", afirma, "porque se trata dun mundo polo que pasaches pero que xa hai anos que deixou de ser o teu mundo". Carlos López falou, na recollida do Merlín, do divertido que lle resultou escribir o libro e de que confíaba "en que tamén sexa divertido lelo". López Gómez ofrece a súa poética: "Escribir para os nenos, ao cabo, é xogar escribindo".
O premiado fai, xunta o debuxante David Pintor, a outra metade do dúo de humorismo gráfico Pinto&Chinto. "Estou seguro de que o meu oficio de humorista inflúe no que escribo", sinala López Gómez, "éme imposíbel substraerme ao traballo diario, e os relatos de Minimaladas atópanse tinxidas de humor de principio a fin. Se cadra se trata de deformación profesional". Pinto&Chinto publican a súa obra na prensa diaria dende o ano 1993.
Carlos López asegura que no libro "tamén hai poesía, aínda que domine claramente o humor". "Este era un insecto folla que dixo para si: 'voume pousar naquela poliña para pasar desapercibido'. E non se decatou de que pousara nun insecto pau", di outro dos minirrelatos de Minimaladas. López Gómez publicou hai sete anos o seu debut poético, Espello sen fondo, na extinta colección Illa Verde da editorial Espiral Maior.
Mais a traxectoria literaria de Carlos López Gómez centrouse, sobre todo, en libros asinados coa súa parella profesional no humorismo gráfico, David Pintor: Suca (2001), Aquilino pinta unha nube e un camaleón (2002), Historia de Román, o bombeiro (2005) ou O pequeno da familia fantasma (2005). Tamén como Pinto&Chinto crearon as aventuras do personaxe de banda deseñada Tito Longueirón, que Edicións BDBanda tirou do prelo nun só volume en 2005. As historias de animais deste último Premio Merlín confirman a predilección de Carlos López Gómez polos lectores de menor idade.
"O libro para nenos de calidade interésalle a todo tipo de lectores", responde Carlos López á consabida pregunta sobre a literatura dirixida á infancia. O creador das Minimaladas cita O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry e que Carlos Casares vertera ao galego xa no ano 1972, como "o típico libro infantil que lle gusta a todo o mundo" e polo que aínda sente fascinación.
López Gómez refírese á "excelencia" da literatura infantil en Galicia e menta aos autores "máis coñecidos". O clásico Paco Martín (Lugo, 1940), autor, entre outros, de Das cousas de Ramón Lamote (1985), o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil que abriu o camiño para exportación da literatura galega para nenos e adolescentes, e a Fina Casalderrey (Pontevedra, 1952), que en 1991 obtivo o mesmo galardón por Os misterios dos fillos de Lúa.
"Considero a fantasía coma un dos ingredientes básicos e fundamentais, tamén, da literatura infantil", opina López Gómez. E lembra ao escritor de Se o vello Simbad volvese ás illas ou de Merlín e familia: "Xa os nosos clásicos foron grandes no ámbito da literatura fantástica non hai máis que atender á obra de Álvaro Cunqueiro, por exemplo".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.