Cineastas sen rede
Realizadores novos contan a aventura de filmar unha longametraxe prescindindo de subvencións
Son como trapecistas que se arriscan a facer películas sen rede no circo do cinema galego. Ou o que é o mesmo, fan a súa película sen importarlles o mundo da burocracia e das subvencións. Andan todos arredor da trintena e só teñen un obxectivo: sacalas súas películas adiante, á marxe das grandes produtoras e das axudas da Administración.
Fan cine negro, como Román Gutiérrez; cine gore, como Javi Camino; películas xuvenís sen complexos, como Judas Diz ou documentais, como Pela del Álamo. Mínimo presuposto e mamáxima ilusión. É un novo xeito de facer cinema que pide paso.
"Non teño alerxia ás subvencións, pero creo que a industria debería seguir outros parámetros", explica o director Román Gutiérrez, que acaba de rodar a súa primeira longametraxe, Frío, unha película de cine negro, cun presuposto que non chega ós 30.000 euros. "Con eses cartos cobrou todo o mundo, aínda que fose pouco, e aínda logramos aforrar 6.000 euros sobre o presuposto inicial", explica este director de Lalín, que xa ten unha experiencia anterior como produtor dunha película destas características. Coa súa compañía, A Produtora Morta, e coa súa socia, Gael Herrera, Gutiérrez produciu o pasado ano El don de la duda, dirixida por Alber Ponte, coa que confesa que a súa pequena empresa "tivo que tardar un ano enteiro en pagalo pufo".
Con só 6.000 euros, Javi Camino acaba de rodar o filme 'gore' 'Maldito bastardo'
"Non son eu o que non quere á industria. É a industria a que non me quere a min"
"Móveme máis a necesidade de contar historias que a de facer caixa", di Del Álamo
"Se quero facer a miña historia e non hai cartos, adáptome o que hai. O cine é así"
Polo que se ve, lonxe de amedrentarse, Román Gutiérrez non tivo reparos en embarcarse nun novo filme, e desta volta como director. Este xove cineasta ten unha teoría de seu para explica-lo seu xeito de facer películas. "Aquí existen dúas escaleiras para subir, unha a normal, indo a saraos e relacionándose socialmente, pero esa está demasiado transitada. Daquela eu intento collela miña propia escaleira e tirar para adiante. Non son eu o que non quere á industria, é a industria quen non me quere a min", explica un tanto decepcionado. En Frío, o seu debú na dirección, confesa que fixo "unha aposta polo xénero negro". Rodada en San Vicente do Mar, Santiago e Portugal, o equipo técnico traballou cun presuposto moi axustado, e o equipo artístico, condicionado ós futuros beneficios da película, se os tivese. No reparto do seu filme traballan actores que buscan facerse un oco, como Xoque Carbajal, ou outros mais pintorescos como o home-vampiro Rafael Pintos, Vladimir, que continúa buscando oportunidades no mundo da interpretación. Trátase de xuntar un equipo que se implique no proxecto, e ter uns custos mínimos.
Algúns, como o santiagués Javi Camino, non dubidan en convencer ata a súa nai para que faga de actriz nunha película gore. Camino é un estudiante de xornalismo que acaba de rematar a rodaxe de Maldito Bastardo, "unha comedia de terror co seu punto gore", segundo a súa definición. O filme dura 75 minutos e a rodaxe levoulle dous anos, porque só podía filmar as fins de semana. Pero contar coa súa nai, Pilar Miguélez, como actriz principal, tamén tivo as súas avantaxes de produción.
"Fixemos un set no garaxe da casa, e sempre tiña a miña nai a man. Cando tiña un oco, baixaba as escaleiras e xa faciamos a secuencia", explica o director e fillo da actriz principal. Camino calcula que non gastou máis de 6.000 euros na película, "a maioría do presuposto en maquillaxe", engade. O principal apoio económico foi de Álvaro Novo, que ademáis de produtor é tamén outro dos protagonistas do filme, xunto con Juanillo Esteban, unha das iconas gores galegas, desde que a principios dos anos 90 participara na mítica A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, de Antonio Blanco.
Camino rodou o seu filme cunha pequena cámara dixital, "normaliña de todo", explica, e a xulgar polo tráiler do filme os resultados son sorprendentes. Este tráiler está a piques de abrirlle as portas do mercado internacional, a través da distribuidora londinense One Eye Productions, que xa lles solicitou unha copia da película, neste momento en fase de posprodución. Este acordo colmaría as expectativas do director, que desde o principio pensou en "rodar un filme orientado ó mercado do DVD, onde este xénero ten moita aceptación".
Antes deste filme, Javi Camino ensaiou dirixindo a curta gore A Consulta do Dr. Natalio, (2004), onde contou cos mesmos actores. Cun presuposto irrisorio, 60 euros, logrou que o seleccionaran para festivais deste xénero en lugares como Polonia, Italia, Buenos Aires ou Sitges. Camino ten claras as claves para sacar adiante estes filmes cun universo de mutantes e robots: "Somos catro e facemos todos de todo, e aínda que de momento non cobrou ninguén, a ver se podemos conseguir algún beneficio".
No mundo do cinema independente prodúcense milagres como que catro persoas saquen una película adiante. Por iso, cando se logran reunir 30 persoas para traballar nun filme, como conseguiu no seu debú Judas Diz, "xa se pode considerar unha superprodución", ironiza este director. Diz dirixiu en 2006 o filme Por mi y por todos mis compañeros, unha aceda comedia xuvenil, que foi estreada o pasado ano no Festival de Cans, pero que aínda está pendente de rematar, debido ós dereitos dalgunhas músicas da banda sonora. A película recibiu unha axuda da Administración despois de ser rematada, pero o director ve "poucas posibilidades de que se estree en cines comerciais, ainda que queda a posibilidade de movela por festivais".
Forxado no mundo das series e logo de traballar en diversas produtoras galegas, Diz decidiu montar cun par de compañeiros unha cooperativa, Barroco Films, para producir a súa primeira película. "A veces, nalgunhas produtoras aprendes como non se deben de facelas cousas, e eu teño aprendido moito das cousas mal feitas", explica desde Burgos, onde se atopa rodando un reality sobre o Camiño de Santiago. Judas Diz considera máis importante a vontade de querer facer unha película que o presuposto. "Se quero facer a miña historia e non hai cartos, terei que buscar alternativas. ¿Que non hai iluminación? pois se pasa a exteriores que é máis doado. Se non pode ser de noite porque non hai presuposto, pois faise de día. Eu entendo que o cine é así, e adáptome ó que hai", explica o realizador porriñés. Malia os problemas para rematar o filme e os atrancos para conseguir distribución, Diz non recúa: "Farei outra peli sen dúbida, e seguro que con menos recursos aínda".
O desexo de contar historias é o que move a esta xeración de novos creadores, como Pela del Álamo, un dos xoves documentalistas galegos con mais proxección. Del Álamo arriscouse a producir e dirixir sen axudas iniciais o documental A Cuarta Pista, onde recolle o emerxente Novo Circo Galego. "Móveme moito máis a necesidade de contar historias que a de facer caixa", explica este director que foi un dos elixidos no selecto máster de documental da Universidade Pompeu Fabra, onde só hai 25 persoas de todo o mundo.
Aínda que o seu documental recibiu axudas a posteriori da Xunta e do ICAA (Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais), Del Álamo ten claro que fará o seguinte proxecto "con diñeiro ou sen diñeiro, si ou si". "Porque teño necesidade de expresarme, senón meteríame a avogado ou a construtor, como algúns colegas meus, ós que lles vai bastante mellor ca min", engade. Para este director, o cinema en xeral e o documental en particular gañaron moito coa tecnoloxía, e "o único que se precisa agora é unha cámara e unha mirada, e máis nada".
Cunha cámara, moita ilusión, e pouco menos de 6.000 euros tamén se fixo a longa documental Periféricos de Tamara Blanco, Xosé Holgado e Carlos Méndez, unha ollada sobre os anos da movida, que tardaron un ano en rodar, sacrificando as fins de semana. "Traballaron só colegas, e se chegamos a ter ingresos repartirase algo, senón nada", explica Tamara Blanco, unha das súas directoras. O documental estivo seleccionado no In-Edit, un dos festivais de documentais de música máis importantes do Estado, e agora mostrou interese por el a Televisión de Galicia.
Este movemento de cineastas que optan por arriscar a facela súa película, está sendo valorada "moi positivamente" pola administración, segundo explica desde a Axencia Galega do Audiovisual o seu responsable, Manolo González. "Desde a Axencia seremos cómplices destes directores, porque nos parece unha actitude valente e honesta", indica González, quen engade que "por primeira vez, este ano vanse conceder axudas ó soporte dixital, a esa xente que traballa nos garaxes, creando libremente cunha cámara". Polas palabras de González, semella que mostran máis entusiasmo as subvencións en buscar ós cineastas que os cineastas en presentarse ás subvencións.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.