Pezas para armar a vida de Celso Emilio Ferreiro
O crítico Ramón Nicolás publica 620 páxinas de biografía do poeta celanovés
Para armar o relato dunha vida precísanse moitas pezas. No caso dun poeta que foi mozo e galeguista furibundo na II República, que atravesou a Guerra Civil vestido de nacional, que se recuperou na escuridade da posguerra a través da actividade cultural, que practicamente se exiliou a Venezuela, que militou en tres partidos da esquerda antifranquista clandestina e logo no PSOE, o crebacabezas adénsase. “Ordenar todo este material, darlle forma e intentar que fose lexíbel foi a maior dificultade”. Quen fala é Ramón Nicolás (Vigo, 1966), profesor e crítico en La Voz de Galicia, que vén de lle dedicar máis de 600 páxinas ao autor de Longa noite de pedra: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 2012).
Construído sobre o frondoso epistolario do escritor e cun abundante fondo de entrevistas con familiares, colegas e amigos, o libro de Nicolás é a primeira non ficción que aspira á totalidade de Celso Emilio. Polo menos, dende o Estudio de Xesús Alonso Montero, datado en 1982 tres anos logo da morte do poeta e editado por Júcar. Aínda que o autor enténdeo doutro xeito: “Esta biografía é, para min e para outros estudiosos, como un punto e seguido para continuar avanzando, porque hai zonas de sombra que intentei iluminar e non dei. Non é doado”. Entre elas, a cercanía ou non de Ferreiro con círculos falanxistas de Pontevedra nos primeiros anos corenta ou os poemas compostos con uniforme de soldado entre 1936 e 1939.
Pero, en troques, o foco de Onde o mundo se chama Celso Emilio axuda a dotar de nitidez outras peripecias borrosas. “Sorprendeume o que ten a ver coa actividade política no tempo da República”, expón, “e descubrín que ocupou un papel clave no nacionalismo xuvenil de preguerra”. Emilio Ferreiro Miguez, como asinaba no Adiante Semanario que confeccionaban as Mocedade Galeguistas da súa Celanova natal, incendiaba con retórica arredista os mítines: “A mocedade de Galiza non debe acharse ausente na loita civil que se cerne na Hespaña. A Federación de Mocedades Galeguistas debe conseguir a cristalización dos seus ideaes, dentro ou fora da lei”. Achegado despois ao Partido Comunista, fundador en 1964 da Unión do Povo Galego, integrante do Partido Socialista Galego na Transición e candidato a senador polo PSOE pouco antes de morrer, poucas veces foi quen de ficar alleo á política militante.
Que Celso Emilio andaba entre os pioneiros da recuperación do activismo cultural previa a Galaxia, tamén se sabía. O que achega a obra de Nicolás é a súa sistematización: as revistas Finisterre e Ciudad, por caso, os libros en castelán Al aire de tuvuelo e Baladas, cantigas y donaires ou a colección Benito Soto aparecen explicadas polo miúdo. Igual que inscrito nunha narración coherente e demorada se amosa a convulsa pero produtiva andaina venezolano. “O periplo de Celso en Caracas”, aseguraba o seu amigo, e poeta, Alexandre Cribeiro en 1989, “foi tan tremendo e anguriante que penso que alí comezou a morrer, de maneira que cando no 1973 regresou non estaba aínda recuperado”. Cando aportou, coa dona e os fillos, en Vigo, o recibimento deulle a medida do clima do país. A policía de alfándegas sospeitou dun libro que portaba na maleta —La verdadera historia de la muerte de Franco, de Max Aub— e abríronlle expediente no Tribunal de Orde Pública. Quedou en nada pola man dun xuíz amigo.
Nicolás: “Este traballo é un punto e seguido para continuar avanzando”
Cartas, testemuños directos de quen o coñeceu en vida, entrevistas, documentación de arquivos oficiais, traballo de hemeroteca, bibliografía, galería de imaxes ou materiais facilitados pola familia conflúen en Onde o mundo se chama Celso Emilio. Afastada da teoría literaria e da esexese textual, a obra si atende, porén, á controversia que, no exiguo campo literario da Galicia dos cincuenta e dos sesenta, causou a aposta poética de Ferreiro. A correspondencia cruzada entre Basilio Losada, tradutor de Longa noite para a vendidísima edición da colección El Bardo, e Ramón Piñeiro —dispoñíbel en edición de Galaxia— ofrece un pé sobre o que ler a ambigua recepción dunha poesía abertamente política, que introduce palabras e materias inauditas na altura na literatura galega, e que deixou pegada como poucas outras nos poetas que viñeron logo. Se anticipa, mellora ou é simplemente un epígono da poesía social formaaba parte daquel debate.
“A Celso Emilio recoñéceselle o valor de clásico; niso, a posteridade foi xusta”, considera o biógrafo, “pero talvez falta ir máis alá de cuestións ideolóxicas”. Nun diagnóstico apurado, Nicolás avisa dos Ferreiros menos transitados e reclama atención para o narrador —“Os relatos d’A fronteira infinda forman un libro moi interesante”—, o xornalista de opinión que vive soterrado nas hemerotecas ou o divulgador da cultura galega “cando podía e como podía, e tamén cando non podía”. E iso malia que, explica, o escritor revitalizouse criticamente despois de atravesar certo deserto cando a dialéctica literaria, nos oitenta, o considerou a antítese do que debía facerse.
Onde o mundo se chama Celso Emilio emerxe dunha década de asexos e dous anos de labor intensivo. “Cousas da providencia laica”, chacotea o autor, “e de que me convenceron Luís Ferreiro [fillo do poeta] e do editor Bragado”. E irrompe nunha paisaxe, ao seu ver, “moi necesitada de biografías”. Ben pola dedicación que precisan, ben polo imán que supón o Día das Letras Galega, o xénero non despega. “A min servíronme moito cousas como as de Marcos Calveiro ou Iago Martínez sobre Lois Pereiro e a de Murguía de Barreiro é moi interesante”, conclúe, “mais ¿para cando biografía de Rosalía, Curros ou Pondal?”.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.