_
_
_
_

A época impón o poema

Daniel Salgado dinamita o seu discurso poético en ‘Ruído de fondo’

O poeta e xornalista Daniel Salgado.
O poeta e xornalista Daniel Salgado.ANXO IGLESIAS

O ruído de fondo (Xerais, 2012) é a guerra en curso. Polo menos, a guerra en curso inoculada no sexto libro de poemas de Daniel Salgado (Monterroso, 1981), homenaxe tamén ao xeito de organizar Don DeLillo a súa novela White Noise(1985). A violencia da época, a vida confiscada, a terrorífica ordenación do xardín, a desconsiderada violencia do que xa non é, o consenso nocturno, a toupeira, menos mal. “Descríbeo como che pete pero admite / urxencia”. Figuras do capitalismo serodio, cadáveres así. Sen cirurxía entre o persoal e o político nin posta en escena nin heroes que conduzan até o final do enunciado. Escrita provisional, non aliñada, contraria a simular bolero ningún. “A necesidade / de desmantelar o artificio / imponse”, escribe non se sabe (aínda) quen nunha sorte de plural. “Velaí se xogan as distancias, / a época, o reparto / de responsabilidades”.

O poema en ruído de fondo non aparece unicamente mordido polas bombas de racimo do exército norteamericano, como dicía o autor na lapela de días no imperio (2004). Tampouco é so o discurso como caída, sen principio nin final (coñecidos), como unha sesión de John Coltrane circa 1965 desvelada na súa duración, como ensaiaba en Éxodo (2006) e Ascension (2010). “Intentaba facer estoupar o meu discurso, por iso os poemas van seguidos e non van seguidos, están desordenados”, describe como pode Salgado. “Agora decátome de que é unha obsesión que se repite: a derruba fronte ao consenso literario. A teima é intentalo, non acadalo. O que me interesa é a dislocación”.

Aquí, a escrita bracea entre as ruínas da fábrica, arfa e súa en combate permanente coa linguaxe escrava e tuberculosa, entre insectos e vértebras e cinza e couza “contrae / toda enfermidade”, o ceo revolto de antes da torboada, detense, a piques de calar, e logo escórdase, convoca a Badiou e a Terry Eagleton cando o poema non dá, comparecen Mahmud Darwix, Méndez Ferrín, Hölderlin, Danton, James Agee, Eliseo Diego, Billy Bragg ou Pete Seeger ou Lois Pereiro ou quen sexa que pregunta cara ao final: e ti de que lado estás?. “O poema vira imposíbel: a época / decide”.

“É o caos e é tamén un síntoma de que o poema é insuficiente”, explica. “Interésanme os intentos de introducir na poesía —non me gusta esa palabra— elementos alleos, é algo que está xa nos clásicos gregos pero que no século XX aparece en poetas importantes que leo repetidamente. E logo está a desorde do mundo, a multitude de estímulos e contradicións, a barafunda, e quería que se reflectise dalgún xeito. Non me convence o resultado, parece que un está a sacar músculo, pedantería, pero é algo que impón o propio discurso. É a necesidade de citar para chamar por outros”.

A carón de ruído de fondo, a voz de Os poemas de como se rompe todo (Sotelo Blanco, 2007) resulta —lido agora— algo máis amábel. O pórtico daquel libro, o cuarto, era unha autopoética in progress que resolvía a enumeración repetindo “fraternidade” até catro veces antes de abeirarse de novo ao cantil dos puntos suspensivos. Estoutro contén un verso, dous en realidade, que se clavan nos ollos: “E non hai / pronome posíbel". Amodo, o autor retruca citando a dedicatoria estampada nas primeiras páxinas: “O pronome posíbel serían os que nunca se equivocaron de inimigo”.

Xa a profesora Helena González sinalara unha certa calidade xornalística no discurso poético de Salgado, periodista en EL PAÍS amais de tradutor de Allen Ginsberg ao galego e de Lois Pereiro ao castelán, entre outros autores, e parte do grupo de agit-prop electrónico Das Kapital. Referíase daquela González a Sucede e días no imperio, os seus dous primeiros libros, publicados ambos en 2004, pero hai uns versos en ruído de fondo que volven concertar esa idea: “A total escaseza / de fontes fiábeis. este, o / xornalismo da fractura”. “Cando romperon definitivamente", sae ao paso o poeta, “Bob Dylan espetoulle a Phil Ochs que o seu non eran cancións, senón xornalismo. Dicíao en nome dunha certa idea de verdade e de beleza. Visto así, non sería unha mala autopoética”.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_