Así se fixo a ‘paz cultural’
Fraga pactou o apoio do galeguismo institucional ao tempo que silenciaba aos intelectuais máis críticos O posicionamento ante a súa figura aínda divide o sector
Sábese do acordo entre Manuel Fraga e o galeguismo histórico acolleito nas institucións culturais. “O pacto existiu”, resume por teléfono o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández. “Iso foi evidente, anque non estea escrito. Algúns dos seus interlocutores foron Ramón Piñeiro e Agustín Sixto-Seco”. O ex presidente da Real Academia lembra ter falado co fundador de Galaxia a finais de 1989, antes de que Fraga tomase posesión. Máis ca temor polo seu currículo, no sentimento político daquela pairaba a estupefacción. “Piñeiro púxose histérico”, ri Barreiro, “dicíndome que Fraga traía ideas positivas”. “E de certo serviu para afiunzar a cultura galega”, segundo afirma. “Eu lembro ver algunhas versións do Fraga autonomista na prensa de Madrid e facíano parecer abertzale”.
Este xornal contrastou algunhas opinións sobre o pacto e a pegada cultural de 15 anos de fraguismo en Galicia. As opinións recollidas poden ser magnánimas no primeiro. Anque o froito máis perdurábel daquilo, hoxe, escintile mormente nos repartos de poder das institucións propias. A maioría, agás o CGAC e o Centro Ramón Piñeiro, creadas entre 1981 —era Fraga o galego coma ti nas autonómicas que gañou Albor— e 1989. No relato do que fora asesor cultural de Fraga durante dúas lexislaturas, o poeta Luis G. Tosar, houbo reunión sen Fraga na casa de Piñeiro, ao pouco de gañar o fundador do PP as súas primeiras eleccións, e alí estaba Carlos Casares. “Realmente o que fixo Fraga foi chamar a moita xente da cultura, pero cando estaba el sempre eran xantares da dous”. Cando o chamou a el, acababa de publicar un artigo sobre o incendio da Asociacion Artística Gallega na Habana. Acabouse encargando da produción na famosa primeira viaxe do compañero Fraga a Cuba, en setembro de 1991. Se houbese que facer outro perfil do finado, Tosar prescribe “o seu respecto polas institucións e pola lingua, procurando manter a paz cultural”. Non cre en listas negras: “Sempre as houbo, eu estou na do alcalde do Irixo”.
Barreiro: “Certo Fraga autonomista parecía ‘abertzale’ na prensa de Madrid”
Outros escritores achegan visións diferentes. “O que Fraga representa aquí, malia a ese folclore bávaro da Administración única, foi a demolición definitiva do proxecto galeguista, que interioriza a derrota e minimiza os danos”, expón o escritor Bieito Iglesias. “Outra cousa é que se chegase a unha cohabitación entre Casares, Piñeiro e Fraga, por caso. A el tamén lle interesaba chiscarlle un ollo a ese mundo, era un xeito de limpar a súa biografía”. Toutizo aínda polos funerais, o ourensán non esquece o “medo” no inverno tardofranquista, antes de cruzar a porta da Asociación Cultural Auriense para o rito político clandestino. Critica un “lavado de cerebro colectivo” e improvisa unha aceda paisaxe actual: “Comprobada a inanidade do que ten enfronte, agora o poder nin se molesta en mercar galeguistas por 100.000 pesetas, como presumía Pérez Varela. Xa nin lles cómpre un rexionalismo vago”.
Bieito Iglesias: “Representa a demolición do proxecto galeguista”
Suso de Toro, que incluíra en Polaroid (1986) unha estampa de caza con Fraga, foi dos que testou o trazo impositivo do personaxe. Querendo contestar a unhas declaracións súas nas que, entroutras cousas, defendía a Pinochet e, outra vez, o franquismo. “Enviei un artigo a La Voz de Galicia e, en troques de publicalo, entregáronllo a el: ordeou que nunca máis se me publicase nin aparecese citado o meu nome”. Así foi. O peor da experiencia, segundo di, “non foron as infamias, senón o silencio ao meu redor”. "Só Ferrín, Rivas e Xerais escribiron algo defendéndome”.
Contra a tentación de reducir o influxo de Fraga ao alimento de elites institucionais, o xornalista Marcos Pérez Pena pensa que nas críticas sobre “connivencias” cómpre “abrir máis o plano”. “A lexitimación galeguista que lle puideron outorgar algunhas persoas produciuse por acatamento en espazos moito máis amplos da sociedade”, recorda. “Tamén en capas chamadas progresistas ou nacionalistas”. O xermolo dun posíbel amansamento da cultura propia, na medida do poder, sitúao a finais dos 80, se falamos de modelos culturais. No retroceso que supuxo a primeira lexislatura de Fraga sobre os 13 meses que durou Luis Álvarez Pousa na Dirección Xeral de Cultura.
Malvar: “A xente que debía dicir algo calou en Galicia durante 15 anos”
Na estratexia de apropiarse dos símbolos, antes ca desenvolver políticas culturais, a información foi o primeiro valor. Nos diarios galegos era unha aventura intentar escribir Fraga Iribarne. Resúmeo o xornalista e escritor Aníbal Malvar: “O primeiro que quixo controlar Fraga a base de diñeiro foron os medios, así controlaba o activismo político da cultura; desarmado iso, só había oposición partidista, ao marxinaren as voces que podían rachar ese tedio acobardado que tiña todo o mundo. A xente que debía dicir algo calou en Galicia durante 15 anos". Menciona neste punto o silencio de Casares desde o Consello da Cultura ante a saída de Gloria Moure da dirección do CGAC. Ou o dos medios cando o arquitecto Pedro de Llano falaba do “mausoleo” do Gaiás. Valerían tamén as bágoas do presidente ante Díaz Pardo, os dous dediante dos restos de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres. Ou a súa ubicuidade durante o Día das Letras que a RAG lle adicou a Blanco Amor en 1992. Na novela de Malvar Unha noite con Carla, Premio Xerais 1995, aparece Fraga como Fraguas. Para algúns medios non houbo Xerais ese ano. “A censura previa xa era dos xornalistas, todo era moi posfranquista”.
Franco Grande: “Que terá que ver Fraga coa cultura galega?”
Falando do ámbito do posíbel, no mundo da cultura latexan hoxe máis ca antes os mínimos simbólicos que pareceu apontoar o Fraga autonomista. O presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, membro da Fundación Fraga Iribarne, fala dun home “sensible aos patrimonios diferenciais” —e alude ao carlismo de esquerda— “que soubo entender que a cultura galega formaba parte da súa lexitimidade política”. “Iso hoxe non está tan claro, nin en Galicia nin fóra dela”. O tamén historiador Justo Beramendi fixa o cálculo político: “El pensou que necesitaba unhas doses homeopáticas de galeguismo para acabar co centro galeguista, afiunzar a maioría e eliminar reticencias; agora as doses disminuíron, anque hai que aparentar que ese galeguismo existe e que o respectan; a Feijóo non lle cae o galeguismo da boca”. Se é un novo cálculo político, pensa, “é conta errada”.
Dío doutro xeito Xosé Luis Franco Grande, que chama a atención sobre a necesidade de chamar as cousas —anque haxa que renomealas— polo seu nome. Para o autor d´Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración é absurdo cuñar termos como posgaleguismo para retratar o tempo político actual. “Hai alguén que poida crer nun pacto cultural con Fraga ou con calquera outro? Hai alguén que poida crer nese pos-? ¿E que terá que ver Fraga coa cultura galega?”.
Os antepasados de Franco en Montevideo
O primeiro contacto expresivo de Fraga coa cultura galega, de quitado os dous anos que tivo como mestre en Lugo a Filgueira Valverde, puido ser en 1954. A piques de entrar España na ONU, o futuro presidente asistía en Uruguai, como secretario do Consello de Educación, á VI Asemblea Xeral da Unesco. O fito galeguista alí, documentado por Alonso Montero n’A batalla de Montevideo, foi poñer nas mans dos delegados, en galego, francés e inglés, o documento Denuncia da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol, redactado en Galicia por Ramón Piñeiro.
Non é que dimitise o célebre censor Juan Aparicio, director xeral de Prensa, pero no práctico, á volta, retiróuselle o veto á tradución galega de Da esencia da verdade, de Heidegger, que Galaxia publica en 1956. A reacción entón de Fraga Iribarne non consta por escrito, pero Piñeiro referiuse a ela nunha entrevista que publicou Tempos Novos: “Aduciu que Franco nacera en Galicia e que, por iso mesmo, era impensábel que reprimise a lingua dos seus antepasados”. Algo lle puido aproveitar ao futuro ministro. No seu entendemento ulterior co galeguismo histórico, porén, a desculpa cultural é impostada. Pasou de glosar ao rexionalista Brañas —anticapitalista e antiliberal, coma bo conservador do seu tempo— a considerarse “herdeiro lexítimo” de Castelao, malia a ter censurado a súa obra como ministro de Información. En 1965, a publicación na “editorial comunista” Ruedo Ibérico de El pensamiento político de Castelao custoulle ao autor, Alberto Míguez, 50.000 pesetas e medio ano na cadea.
Do abaneo entre o franquismo, a paternidade da Constitución tras intentar rexeitala e o autonomismo, sen condear nunca a ditadura, ocupouse José Rúas na súa tese El discurso político de Manuel Fraga (1999), que inclúe análise ideolóxica a partir das súas alocucións. Desde outra xeira, sempre non ficción, tamén o fixeron Ánxel Vence en Doctor Fraga y Míster Iribarne (Ed. Prensa Ibérica, Barcelona, 1995) ou Gustavo Luca de Tena en Fraga. Retrato de un fascista (Miatzen Sarl, 2001), reconstrución polo miúdo das fendas do relato co que Fraga tentou, en balde, liberar a súa biografía de masacres como as de Vitoria (3 de marzo de 1976). 18 anos despois, o recén investido rector da USC, Darío Villanueva, loubaba ao “máis político dos nosos intelectuais e o máis intelectual dos nosos políticos”. Foi na presentación dun dos máis de 90 libros de Fraga: Da acción ao pensamento.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.