_
_
_
_
Reportaje:Luces

Último 'western' de Vidal Bolaño

A familia aínda tenta compilar a obra do maior dramaturgo contemporáneo - Un libro rescata a memoria dun autor incómodo que chegou a ser proscrito no teatro público

"Camiñar por Compostela de noite". A ferro frío, e o que máis estraña Manuel Lourenzo do amigo Roberto Vidal Bolaño (Compostela, 1950-2002). Os dous, canda Euloxio Ruibal, na tríade oficial de pais fundadores do teatro profesional en Galicia segundo a historiografía que os xunta, ao comezo de todo, nas Mostras de Ribadavia dos setenta. O autor de Veladas indecentes bota fóra a cuestión da realidade. Ao primeiro, no que ten que ver coa dislocación tradicional entre o teatro escrito, o que se pode ver e o que logo se publica: "Se o país estivese dereito, tiñan que existir unhas obras completas de Roberto Vidal Bolaño con estudo preliminar", resume.

O ano que vén cúmprense dez anos da morte de Roberto Vidal Bolaño, e quen trata de revirar a situación editorial segue sendo a familia. "Intentámolo con Xerais e con Galaxia e esperamos unha resposta favorable de Positivas", relata con esperanza Belén Quintáns, a segunda muller de RVB. "Tanto nos ten que lle adiquen ou non as Letras en 2013. Nós ímolo intentar igual porque levamos teimando niso desque morreu". A maiores, a pertinencia da montaxe que permitía a RVB falar de si propio como "director inaugural" do Centro Dramático Galego -Woyceck, de Xulio Lago, é adaptación de Büchner- volve ao torreiro. A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro, publicada recentemente en Laiovento, inclúe un amplo estudo de Agasallo de sombras (1984), a primeira superprodución plenamente galega do recén nado teatro público. Aquela desmitificación de Rosalía, con Elina Luaces e Dorotea Bárcena como Rosalía viva e Rosalía morta, e Xoán Luís Goberna no papel dun Murguía dominante e sicalíptico, feriu sensibilidades na esquerda tutelar e na esgallada dereita gobernante. Por falta de hábito e pola potencia visual dalgunha escena. A plana enteira do Goberno galego escoitou a unha prostituta berrar e viu as sabas tinxidas de sangue que resultaron dun encontro figurado co creador da Real Academia Galega. O dossier histórico da prensa é digno de lerse. Critícase con profusión a escenografía de Ventura Cores, por unha parte, pero persoas tan afastadas da pacatería como Alberto Avendaño, daquela en Rompente, acaba recordando que o que fixo RVB coa matriarca fíxollo "á única poeta que temos traducida ao chinés".

Portomeñe: "O que máis recordo del é que foi 'speaker' nunha serie sobre o Camiño"
Manuel Lourenzo: "Nun país ao dereito estarían editadas as súas obras completas"
Más información
Unha estética bolañesa
O 'suicidio' de RVB

En traballos de Manuel Quintáns, Damián Villalaín, Inma López Silva ou Nuria Araúxo insístese na tarefa de desmitificación de RVB. Ou, como escribe Fernández Castro, "non se cuestiona que Rosalía sexa o símbolo do seu país, o que se pon en cuestión é que o espírito do país sexa dócil co asoballamento. En Agasallo de sombras é atacado o valor emblemático dunha hipotética Rosalía dócil, guiada e santiña". A explotación comercial daquela Rosalía para a xeración de 1968 non se alongou demasiado. Polo libro, editado sete anos despois na Biblioteca 114 de El Correo Gallego, hai que preguntar nas librarías de vello.

O veto a Vidal Bolaño, con todas as prevencións que se queiran, comeza a espernexar aquí. Antes do monólogo subversivo Caprice des dieux, que empeza a marcar o fin da compañía primeira, Antroido, e inaugura unha paréntese audiovisual na que Vidal Bolaño fai guións diversos para a TVG, é mestre en Sempre Xonxa e intenta vivir do cine, a paixón frustrada que o levou ao teatro. Un oficio que prendeu nel -segundo algúns dos amigos- tras emprestarlle Euloxio Ruibal Sobre teatro, o manifesto teórico de Meierhold que revoluciona o realismo lato da posta en escea. En por xunto, daría para falar da modernidade no teatro galego, da cuestión do público, do desleixo cara ao teatro por parte da institución cultural ou da configuración da compañía institucional como algo útil. Pero, sobre todo, dos problemas de dirixirse ao presente para falar de Galicia. Desde o pasado ou falando dun crime de barrio, como en Saxo Tenor (Premio Cunqueiro en 1991), estreada xa con Teatro de Aquí no retorno ao espazo escénico de RVB.

Na cuestión de representar o real, retruca Manuel Lourenzo: "A xente non entende ben que tratar o presente custou moitos sacrificios. Somos da xeración na que mandaban Piñeiro e todos aqueles personaxes históricos que te querían afastar do conflito". Aquí Belén Quintáns recorda os trafegos de Rastros, quizais o texto máis redondo de Roberto Vidal Bolaño. Unha xornalista enganchada á heroína, condenada a reproducir notas de prensa, decide xuntar no hospital no que convalece aos homes da súa vida: un escritor con aspiracións que decide facer bestsellers, un especialista en estrutura económica que vende electrodomésticos e un preso do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. Fora en 2000 cando RVB, Manuel Lourenzo e Manuel María se achegaron á Delegación do Goberno en A Coruña para entregar un escrito pedindo a liberación dos presos independentistas. "Rastros recibiu as mellores críticas do mundo, pero os mesmos programadores recoñecían que non podían mercalo", evoca Belén Quintáns. "Con diferenza, é o texto de Teatro do Aquí menos representado, pero a ninguén se lle ocorreu dicirlle a RVB que o rebaixase". Rebaixalo, en calquera caso, sería ripar un personaxe. "Supoño que a maioría dos programadores non vían ben que un terrorista non aparecese con cornos", resume Rubén Ruibal, discípulo de Bolaño na última época de Teatro do Aquí.

Como crítico teatral, Camilo Franco fixa a suposta incomodidade de RVB por entre a propia profesión e co poder en xeral: "O seu sempre foi un teatro de intervención analítica. En calquera das súas etapas hai unha interpretación do país que lle tocou, un país que ao primeiro foi miserablemente simbólico e despois miserablemente pragmático". Por alusións, fala tamén o inventor da marca Xacobeo. Víctor Manuel Vázquez Portomeñe quítalle ferro ás tensións que alumaron o teatro público: "Vidal Bolaño foi o speaker dunha serie de TVG sobre o Camiño, é o que máis recordo del", di. "Téñolle unha gran estima, como lla ten que ter o Xacobeo e toda a cultura galega". E Manuel Guede, que dirixou quince anos o CDG e resucitou a RVB para que dirixise o Xelmírez de Cortezón (1998), pídelle á RAG a a "afouteza necesaria" para dedicarlle as Letras a RVB.

Desde outra xeira, Xulio Lago, que acabaría montando en 2010 As actas escuras -o Premio Xacobeo pola mesma obra, que prescribía montaxe, déronllo en 1994-, detecta a "ausencia escandalosa" de RVB. Ao director de Teatro do Atlántico non lle parecería "nin xusto nin oportuno con Roberto e a profesión" personalizar os disensos que marcaron a serodia transición do teatro galego. Outra cousa é que Roberto "estivese alí para sacar a artillería cando as cousas se enmerdaban". "Era unha das súas virtudes".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_