_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Como en Galicia, como en Galicia!

Manuel Rivas

Galicia está en condicións de ser un país modelo e deixar atrás o complexo de Cincenta. Non é un conto. Os mellores contos non rematan ben. E como dicía o Hitch-cock, o que fai un filme bo non é o bo senón o malo. Mais non teño conciencia de estar a escribir agora un conto, senón de coser indicios. E por espírito de contradición. Esa é unha expresión da diplomacia familiar que sempre me gustou. Cando a oía de pequeno, meu pai a miña nai ou viceversa, pensaba: "Iso é o que quero ser eu! O Espírito da Contradición". Non se pode facer literatura, nin tampouco xornalismo, sen axuda dese espírito.

As crises son boas para unha cousa. Para pensar. Para proxectar. Para imaxinar un futuro diferente do predestinado.

Agora mesmo, nunha situación de crise, non é un delirio soñar cun país modélico en moitos aspectos

Pois si. Eu teño a esperanza de que algún día, e non a moi tardar, se diga aquilo que Alfredo Brañas cantou de Irlanda, con novo retrouso:

"Como en Galicia,

érguete e anda!"

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Modelo? Qué significa ser modelo no mundo de hoxe? Baudrillard falaba do rol asinado a África: ser un "depósito catastrófico", produtor de malas noticias. Galicia, nas súas coordenadas, ten representado ese papel. Catástrofes non faltaron. Sen remontarse máis atrás, Galicia entrou no século XXI en primeira liña de trincheiras da moderna sociedade do risco. Lembren. Primeiro, a peste das Vacas Tolas. O nunca visto. Vacas detidas pola Garda Civil. Os enterramentos masivos en Mesía, como performances dunha arte apocalíptica. Segundo, a marea negra do Prestige, talvez a maior desfeita nos océanos de toda a historia, causada pola suma de desgoberno e capitalismo delincuente. Terceiro, unha vaga criminal de incendios que arrasou como nunca antes o país da cor verde.

Si. Todo iso pasou aquí en media ducia de anos. Di algún humorista que facer dúas mudanzas equivale a unha guerra. Pois ben. Se facemos a suma de Vacas Tolas máis Marea Negra máis Vaga Incendiaria sáenos, máis ou menos, o equivalente ao Produto Interior Bruto do Inferno.

Tense dito moito de Galicia que hai unha pulsión autodestrutiva. Mesmo tense falado da Galicia suicida. Dese país que quer morrer e non o consegue. Dende logo, con eses antecedentes, os do FMI e demais cranios privilexiados non nos darían un puto crédito. Mais o que nos vén amosando a realidade é, xustamente, outra realidade. A dunha Galicia que non perde a esperanza nin sequera cando tolean as vacas, que non se afunde senón que emerxe co máis terríbel naufraxio, e que non se rende na guerra incendiaria. Pola contra, dálle a volta á situación.

De que debemos falar pois? Dun país dobregado polos desastres, ou dun país cunha afouteza admirábel para remontalos? Se hai clara unha estatística é a de que este país ten dabondo depósitos de esperanza humana para facer del un espazo habitado pola cultura do desexo. Desexo de vivir nel, de crer nel, de crear nel. esa é a cuestión crucial. Galicia ten pasado a proba de carga da súa resistencia. Cunha historia dramática, esgazada polo éxodo migratorio, esganada polo caciquismo, ignorada polo centralismo, tivo de enfrontarse, xa con institucións de autogoberno, a unha entrada infernal no século XXI. E agora, mesmo nunha situación de crise internacional, non é un delirio soñar cun país que, nefeuto, podería ser modélico en moitos aspectos. Non, non é un delirio, senón algo moi razoábel.

Modelo, de que? Para comezar, e é o principal, un modelo para as conciencias que habitan. Pódese dar o paradoxo de vivir nun país estatisticamente máis rico, pero con máis malestar cultural, con máis violencia, máis desconfianza, menos práctica comunitaria. Estamos nunha situación en que Galicia pode ir medindo a calidade real diso que chamamos progreso.

Vexamos.

Galicia pode ser un modelo de convivencia democrática e de benestar social e cultural. Temos a sorte de ter, ademais da pluralidade política, unha diversidade lingüística e cultural que significa unha riqueza, mírese como se mire. Nin a pluralidade política nin a diversidade cultural está condicionada por trazos extremistas. Aínda que existan tensións, a mentalidade amplamente maioritaria cultiva a interrelación e a tolerancia. Mesmo a maioría dos que non se expresan en galego teñen unha actitude de simpatía cara ese recurso e consideran propio todo o patrimonio cultural. Non pode, non debe haber guerra lingüística nin nada semellante. Ninguén debe afastarse desa responsabilidade de constituír en todos os ámbitos un espazo exemplar de convivencia, de recoñecemento e de interrelación lingüística.

Galicia pode ser un modelo tamén na relación co medio ambiente. É tan grande e dramático o paradoxo que vivimos que non podemos aceptalo, como non se acepta unha doenza cando sabemos que se pode curar. Un exemplo é a situación das Rías Galegas, espazos naturais e fontes de traballo e riqueza únicos, valores incalculábeis e recoñecidos no planeta. Como se aceptar que grande parte dese espazo estea improdutivo, envelenado, pola falta de saneamento. Algo parecido podemos dicir do país dos mil ríos. Por outra banda, as piscifactorías son unha saída, mais non o é instalar unha delas na Laxe de Corrubedo, nin en Camelle, nin en Merexo. O Medio Ambiente vai ser o primeiro barómetro para facer críbel o modelo Galicia.

Galicia pode ser un espazo de encontro de linguas e culturas. Xa se acabou o tempo da Galicia remota. A historia e a xeografía son ideais para virarse nun punto de encontro dos grandes ámbitos de influencia hispánica e portuguesa. De América, Europa e África. O aproveitamento desas coordenadas daría a Galicia un horizonte moi relevante na sociedade do coñecemento, mais para iso cómpre unha revolución no eido universitario: resolver o misterio da santísima trindade. É dicir, que as universidades traballen en rede e con medios e orzamentos que permitan dunha vez saír da nora decimonónica.

Unha das imaxes últimas polas que pensei no modelo Galicia foi a da entrada na Academia Galega da Lingua de John Rutherford, catedrático de Oxford, premio de tradución á lingua inglesa polas súas versións de La Regenta e Don Quixote, e escritor e ensaísta en inglés e galego. Rutherford dixo: "Galicia é a miña casa". Mágoa que algúns medios importantes marxinaran esta noticia.

Tamén seguín con optimismo o último debate no Parlamento. Os líderes políticos van deixando lastres fóra. Merece especial atención, por saír do guión previsíbel, e en contradición coa burrada esta mesma semana do seu partido na Coruña, a toma de postura de Núñez Feijóo, en clara condena do franquismo, no apoio ás vítimas e a recuperación e enterro digno dos corpos desaparecidos. Noutro aspecto, o seu compromiso de revalidar o apoio ao Plan de Normalización Lingüística.

Tamén por aí, por esas actitudes, Galicia pode comezar a verse como modelo. Por que non?

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_