"O galeguismo é perfectamente compatíbel con non romper nada"
Pousa Antelo fai parte dese galeguismo que participou, en 1931, na fundación da primeira organización política nacionalista. Teórico do cooperativismo agrario, Avelino Pousa aínda confía nos principios daquel Partido Galeguista
"Hai algúns que nunca cambiamos de chaqueta; a estas alturas é difícil"
"O patriotismo dos paisaniños era a empanada, a enchedela"
"Castelao pertence a todos os galegos, pero máis aos que cremos nel"
Avelino Pousa Antelo naceu hai 93 anos na Baña, ao pé de Santiago de Compostela. Galeguista de primeira xeración, propagandista dos dous estatutos de autonomía do século XX, compite cos seus camaradas en idade: "Só me gaña Paco del Riego, que me leva un ano e medio". Pousa Antelo tamén lembra a Xaime Isla Couto, "dous anos menor", ou a Isaac Díaz Pardo. "É intolerábel o que lle fixeron a Isaac, a traizón dos seus", afirma en relación ao conflito que o creador de Sargadelos mantén cos seus ex socios empresariais. Actual presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa evita o "Galiza" do autor de Sempre en Galiza e repite "Galicia". O novo goberno do Concello de Teo, nacionalista, vén de nomealo fillo adoptivo do municipio. "Hai algúns que nunca cambiamos a chaqueta, e a estas alturas vai ser difícil que o fagamos", asegura divertido.
Pregunta. Como se fixo galeguista?
Resposta. Cando eu estaba no seminario, en Santiago, había un poeta que publicou un libro titulado Vagalume. Naqueles días entrou o arcebispo que substituía a Lago González, o prelado galeguista, e aquel poeta, de quen non lembro o nome, recitáralle un poema en galego precioso, nun teatriño. Aplaudímolo a rabiar. Ese foi o meu primeiro contacto co galeguismo.
P. Logo comezou a militar nas Mocidades Galeguistas...
R. Eu fun das Mocidades antes de que existisen. Asistín a un mitin de Promoción Galega que convocaron o 10 de maio de 1931 en Santiago, no Teatro Principal, onde falaron Antón Vilar Ponte, Álvaro de las Casas, Carvalho Calero, Valentín Paz Andrade e, no peche, Castelao. A maneira de falar tan antolóxica, tan humanística, tan sinxela de Castelao foi a conexión. Ao rematar, abraceime ao meu amigo Ogando Vázquez e díxenlle: "Atopei o camiño da miña vida".
P. Que significou o Estatuto do 36?
R. Pois o Estatuto do 36 era o que os galeguistas querían e votaran nas Cortes Constituíntes, onde había tres deputados galeguistas, Ramón Suárez Picallo, Otero Pedrayo e Castelao, que fixeron un labor prodixioso na defensa dos intereses de Galicia. Abraiaban no Congreso, porque Suárez Picallo era un orador extraordinario, con aquela voz augardentosa [imítao].
P. O seu bautismo activista foi na camapaña por ese Estatuto...
R. Iamos de tourné nunha camioneta, a primeira que tivo o Concello de Santiago para a recollida de lixo, un grupo no que todos eran das Juventudes Siocialistas Unificadas, entre eles Díaz Pardo, agás eu, das Mocidades Galeguistas. Falabamos por turnos e a min tocoume en Muros. Alí berráronme "Viva España!" e lembrei que Suárez Picallo, na mesma situación en Santiago, respondera: "Se ese viva España é a España da democracia, do progreso, da república, da liberdade, son o primeiro en berrar viva España! Pero se esa é a España da negrura, da Inqusición, dos fascistas, eu digo morra España!". Dixen o mesmo e case me sacan a ombros.
P. Como se relacionaban as forzas pro Estatuto?
R. Na véspera do plebiscito, en xuño do 36, fumos facer pintadas coas consignas da Frente Popular a prol do Estatuto. Ía no mesmo grupo da tourné e, no Camiño Novo en Santiago, comezamos a pintar. De súpeto vin que os compañeiros estaban escribindo "Viva Rusia!". "Compañeiros", díxenlles, "iso non está no programa, e non o digo eu, que o dixeron os vosos xefes". Pararon, pero, ao pouco, volveron poñer: "Viva Rusia!". Entón cabreeime: "Isto é traizoar Galicia, vós sabedes que en Santiago as beatas que van á misa pesan moito e cando vexan iso xa nin van a misa, menos a votar". Recibín unha agresión de brochadas e mesmo algunha labazada. Tiven que escapar. Só me pasou o anoxo porque os do meu partido me dixeron: "Hai que ter paciencia, faino por Galicia".
P. Onde estaba cando comezou a Guerra Civil?
R. O 14 de abril do 36 estaba no cuartel de Ceuta, na mili, e un coronel, nun discurso rematou "Viva España, Viva España" e ningún viva á República. Daquela escribíralle a Suárez Picallo: "A República aínda non chegou aos cuarteis". O Primeiro de Maio estiven en Madrid e non sei como sería Moscova, pero supoño que se lle parecía. Aquel Madrid non me gustou nada. Cando estala a Gloriosa, estaba na casa, na Baña. Botei un mes e pico durmindo en casas de amigos e, cando vin que non había solución, presenteime en Sanidade na Coruña. En dous días estaba co bando nacional na fronte de Guadarrama. É cando comeza o terror e moitos aos que nos gustaría pasarnos á República non o fixemos, porque podían pasearnos a familia enteira.
P. Galicia é unha nación?
R. É unha nación, para todos, queiran ou non queiran. Cando empecei coas Mocidades, atopei este texto de Risco: "Chamádelle comunidade, chamádelle pobo, chamádelle como queirades, pero somos unha nación". Maneixeino moito nos mitins a prol do estatuto de autonomía, do primeiro e do segundo. Se queren, que lle inventen autonomidade, como nacionalidade, pero é unha nación. Con Cataluña, con Euskadi, con Castela, unha das nacións ibéricas.
P. Que quere dicir, para vostede, o patriotismo?
R. A entrega a un ideal, a dignidade de asumir Galicia como unha entidade propia. Pero cando eu ía polo Centro Galego de Zaragoza, contra finais dos sesenta, o patriotismo dos paisaniños era a emapanada, a enchedela. Escribín un artigo, en castelán para que o entendesen ben, Galegos, gallegos y galleguiños.
[Pousa Antelo érguese e busca o texto entre os papeis do seu estudo ateigado, no que estabelece con sorna a diferenza entre os galegos, os gallegos e os galleguiños. "Galicia (...) necesítanos a todos para soluciona-los seus problemas de toda orde (...) é preciso que moitos gallegos se decidan a ser galegos e que desaparezan os galleguiños"].
P. A quen pertence Castelao?
R. Castelao pertence a todos os galegos, pero a uns máis que a outros. Pertence aos que cremos nel, aos que pensamos que é a nosa figura simbólica. As dúas figuras máis importantes de Galicia, aparte dunha ducia de homes ilustres, son Rosalía -de quen nin podemos dicir que fose galeguista, mais a súa obra foi unha aldrabada para a conciencia de Galicia- e Castelao. Os galegos que queiran ser fieis á súa historia son máis donos de Castelao e de Rosalía, máis consecuentes. Rosalía e Castelao son figuras modélicas ás que hai que rendirlles case culto.
P. Que desexa para Galicia?
R. O mellor do mellor. Que se pode desexar para unha nai? E Galicia é a miña nai. Progreso, riqueza, cultura, esa calidade dos galegos que é o diálogo. Galicia é para min a orixe do mundo. Os catro puntos fundacionais do Partido Galeguista aínda serven: unidade cultural, comunidade autónoma, comunidade cooperativa e célula de universalidade. Este galeguismo é perfectamente compatíbel con non romper nada.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.