_
_
_
_
Reportaje:Luces

O día en que o punk entrou na Academia

O poeta Lois Pereiro, morto aos 38 anos, centrará os actos do vindeiro 17 de maio - Con el, unha literatura urbana e contemporánea recibe recoñecemento

Nos anos finais, a súa efixie evocaba as figuras do expresionismo cinematográfico xermano. A Lois Pereiro, nas fotografías, sempre lle aparecía unha sombra, a mesma que poboaba os seus poemas. Últimos de amor e enfermidade, alcumounos no seu segundo libro, editado en decembro de 1995 meses antes de morrer. Da súa obra, experiencial e, daquela, agónica, extraeu a Real Academia Galega as razóns para dedicarlle as homenaxes do 17 de maio de 2011. "É a voz máis singular dunha xeración, a dos oitenta", argúe Margarita Ledo, canda Manuel Rivas e Xosé Luís Axeitos unha das promotoras na rúa Tabernas da candidatura de Pereiro.

Nesa promoción, o poeta de Monforte (nado en 1958) ocupa o lugar do estraño. "A súa é unha poética da fenda e da utopía", esténdese Ledo, "pero sen que unha se afaste da outra". Con Lois Pereiro, fóra dos barroquismos lingüísticos dos seus pares, comparecen, a dicir da académica, os primeiros indicios dunha cultura indie. Publicado fóra das editoras grandes e activista nos periódicos La Naval -na movida coruñesa- ou Luzes de Galiza, o autor tamén se prodigou como letrista after-punk -Terra Cha ou Narcisismo, para a banda do seu irmán, Radio Océano. E velaí, nese andar polas marxes culturais malia o recoñecemento xeralizado do seu traballo en verso, o interese de Margarita Ledo: "Gústanme estes nexos tranversais entre a institución e a cultura independente".

Pereiro abre a caixa das contradicións: un poeta punk na casa petrucial
Chus Pato: "Hoxe síntome orgullosa da decisión da Academia"
Más información
Retrato de Lois como artista adolescente

Porque a designación de Lois Pereiro abre a caixa das contradicións: un poeta punk homenaxeado pola casa petrucial. "Non podo evitar ver isto como un movemento estratéxico", sinala a profesora, e poeta, María do Cebreiro, "darlle nos fociños a quen goberna implica elixir un poeta mozo co que os rapaces que están a ser privados dos seus dereitos lingüísticos poidan identificarse". Mais Do Cebreiro detecta, ao mesmo tempo, as antinomias, as incomodidades, que agacha presentar a figura de Pereiro como monumento. "A institución propón un tributo a unha figura de resistencia, pero de resistencia non nacional, a do marxinal". Ao cabo, co autor de poemas 1981/1991 é o poeta maldito, "tan escaso na literatura galega", o que se coloca na discusión.

"Pensar que certas mocidades urbanas van entrar na causa galega a través dos versos de Pereiro é pensar en termos minoritarios", considera, porén, Xesús Alonso Montero, "a capacidade mobilizadora da Academia resulta mínima". O académico, reincorporado recentemente aos labores do organismo, defendeu en pleno a candidatura de Aníbal Otero, filólogo insigne de Ribeira de Piquín que sobreviviu en 1936 a unha condena a morte, ao Día das Letras. "É unha mágoa que se desaproveite o seu centenario [Otero naceu en 1911 e morreu en 1974]", engade. Con todo, Alonso Montero recoñece que as estéticas de Pereiro e Rivas "casan ben". De Manuel Rivas, amigo de Lois Pereiro e con el confeccionador da revista Loia no Madrid de finais dos setenta, xurdiu a proposta finalmente vencedora.

Ese "poeta moi culto, no que conviven a whiskada nocturna e o palimpsesto verde do Incio", en palabras de Margarita Ledo, excedeu aos seus compañeiros de xeración. Contra a idea e a práctica dominante de literatura reconcentrada, ensumida, para os poemas de Pereiro non é operativa a separación letras/vida. Nin o contrario. "Eu sempre me sentín orgullosa de ser contemporánea de Lois e hoxe sinto tamén ese orgullo pola decisión da Academia", escribe Chus Pato, que ademais de compartir tempo e lugar con Pereiro, compartiu posición tanxencial respecto do que a crítica canonizou como "Xeración dos 80".

"O pasado sábado [cando a RAG tomou a decisión]", continúa Pato, "pensei en que clase de país sería este se todo o demais, a economía, o social, a cultura, estivese á altura da decisión da Academia: sería unha Galicia valerosa e ceibe". Para a poeta ourensá, responsábel de libros centrais como A ponte das poldras, M-Talá ou Secesión, con Pereiro, esa cuadrilla de autores "entra nalgo así como nunha sorte de eternidade comunal, nunha gran poesía, nun poema inmorredoiro, interminábel".

Foi Xulio López Valcárcel un dos integrantes do grupo coruñés De amor e desamor. No volume colectivo de 1984 tamén había poemas de Lois Pereiro. "A Academia apostou por un autor de culto, de obra ben curta pero consecuente", expón Valcárcel, cuxa poesía se sitúa, talvez, no extremo oposto á de Pereiro. A cercanía ás culturas centroeuropeas -Thomas Bernhard, Wim Wenders, Paul Celan, Wittgenstein, Thomas Mann- é decote lembrada, por oposición á preferencia latina que, segundo Valcárcel, caracterizaba a literatura galega. Ezra Pound, Ballard pasado pola banda post-punk Joy Division ou James Joyce conforman outros exemplos da antroponimia presente na obra de Pereiro.

"A escolla demostra que hai un aggiornamento da institución, amosa que é capaz de ir co tempo", anota, amais, López Valcárcel. E apunta a posibilidade de que o Día das Letras 2011 dedicado a un escritor "en carne viva, que é vítima e representa a época das drogas, da sida, para ben e para mal", achegue outras sensibilidades á lingua galega. "Envelenouse co que comía", di Margarita Ledo, "non pode haber nada máis do noso tempo". Lois Pereiro contraera, nos seus anos madrileños, a enfermidade do aceite de colza.

Das maneiras en que Lois Pereiro transcendeu o contexto no que escribiu fala Leo Fernández Campos. Usuario do heterónimo O Leo i Arremecághona como "cantor punk", Campos reivindica a etiqueta para o autor de Poemas últimos... "Limitar o punk ás súas manifestacións evidentes é reducilo", explica, "e xa Greil Marcus o situou na esteira do dadá ou dos situacionistas". Aí encaixa o traballo poético de Pereiro, "un reverso prístino do que escribían Ronseltz ou Rompente, un volver ao que importa". A ausencia de retórica, de impostación, nun poeta arredado dos manierismos posmodernos hexemónicos na década dos oitenta: o seu ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia é un chamado á resistencia datado en 1994.

Fernández Campos confésase curioso "pola tensión que crea a decisión académica, como beirearán a marxinalidade de Pereiro". Unha marxinalidade -segundo o profesor Arturo Casas non de todo real no referente á recepción dos seus poemas- que, achega Leo Campos, "se cadra comparte coa Academia, dada a situación política actual e o desinchamento da cultura ritual da era Fraga". A percepción de Paco Macías, editor de Lois Pereiro en Positivas, seméllase.

"Teño un sentimento ambiguo", comenta, "porque o cerimonial engólete ao tocar tan preto; agora ben, se a Academia tomou esta decisión é porque as cousas cambiaron aí dentro". Macías, daquela asociado con Xelís de Toro, turrou por dar forma de libro a poemas 1981/1991 (maio de 1992). "Edicións Positivas naceu por xente como Lois", rememora, "que nos gustaban e non tiñan sitio noutros lugares; el abriu a colección di-versos" [que acolleu a Manuel Outeiriño ou Reixa]. Ese é o poeta que, asegura Macías, "a sociedade deberá roubarlle á Academia en 2011, superala. Iso sería o bo".

É María do Cebreiro, quen xa noutras ocasións amosara a súa preferencia por Pereiro para un 17 de maio, a que deita un interrogante concluínte: "O que todo isto nos obriga a pensar, dun xeito moi radical, non é qué pinta Lois Pereiro nese día, senón o sentido que teñen, ou que deben ter, as institucións culturais nun tempo político como este".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_