O cómic agarda por un bum
Os novos autores de banda deseñada tentan promocionarse en Europa ante o escaso apoio editorial
O XXV Salón do Cómic de Barcelona, a principal feira española da banda deseñada (BD), vén de agasallar a Miguelanxo Prado, David Rubín e ao Colectivo Polaqia. Xa hai un Premio Nacional da Historieta catalán, no ronsel do estatal, e fálase da posible creación dunha academia estatal do cómic. A penúltima nova vén da Coruña, onde o alcalde, Javier Losada, prevé decretar, se gaña as eleccións, o nacemento do Museo del Cómic.
En Galiza creouse hai un ano a Mesa da Banda Deseñada, onde os responsables da Asociación Galega de Ilustradores Profesionais (que reúne xa a 90 persoas), o Colectivo Polaqia e os responsables das Xornadas de BD de Ourense e de Viñetas desde o Atlántico debaten con Cultura as medidas que habería que adoptar para potenciar o sector. En 2008 a consellería convocará bolsas de axudas á creación de BD. O seu deseño, pendente de concretarse, xa constitúe polémica entre os autores, que viven da súa polivalencia, xeralmente nos ámbitos da animación, a ilustración ou o deseño gráfico.
"Falan de bum e igual facemos bum nós, se non hai movemento industrial", di Cráneo
'Trazo de tiza', a obra máis premiada de Prado, aínda non foi traducida ao galego
Tanto interese político, falando de cómic, dá que pensar. O catalán Álvaro Pons (lacarceldepapel.com) limítase a falar de "normalización". "A banda deseñada pasa a compartir as mesmas penas e alegrías có resto da cultura", di. Coas particularidades da banda deseñada despois do espellismo editorial dos 80. Se as 50 editoriais e filiais españolas publicaron en 2006 máis de 2.400 títulos, cunha inclinación masiva cara os autores estranxeiros e moi poucas tiradas por riba dos 2.000 exemplares, a distancia entre número de autores e apoio editorial é especialmente grande en Galiza: a única editorial especializada en banda deseñada é Factoría K, na súa colección BDbanda, amparada por Kalandraka desde hai ano e medio.
Para a debuxante e guionista Enma Ríos, a BD galega destaca en España "porque o comportamento aquí é un pouco diferente". "Tendemos case sempre á autoxestión e autofinanciación duns produtos de calidade que se representan sós", explica. Ríos vén de preparar Nine, co guionista francés Julian Blondel, e ultima os retallos do seu primeiro álbume, Agenesia, un thriller sobre o tráfico de órganos. "Tal e como está a cousa, mellor gárdoo e pregunto en Francia", apunta. "Alí páganche 250 euros por páxina, e no mercado español igual apañas 1.500 por un álbume de 120". Iso mesmo fixeron Tirso Cons e Javi Montes con L'oeil du diable, que saíu en Francia antes de publicarse en España. A reputación do guionista brasileiro Wander Antunes axudou a vender o produto, unha historia de piratas con debuxos de Cons e pintura de Montes. Eles dous e Fran Bueno son os únicos autores galegos que traballan case exclusivamente para os mercados francobelga e norteamericano. "Calquera traballo creativo se basa no equilibrio lóxico e invididual do binomio diñeiro-libertade", sinala Cons. "Se unha das partes perde moito peso, o traballo creativo desaparece". O pontevedrés, de 28 anos, mirou cara Europa desque afiunzou a idea de "tomalo en serio".
Para Manel Cráneo, portavoz dos ilustradores galegos, "falan de bum e igual facemos bum nós, se non hai movemento industrial". Cráneo, que debuxou para Dibbuks o álbume Dámsmitt, con guión de Kike Benlloch e limiar -o primeiro que fai dunha obra europea- de Jason Lutes, o autor de Berlín, considera que a situación dos autores en Galiza e España é "dramática", se reparamos no escaso risco editorial. "Eu teño sete proxectos de álbume e non me podo meter con ningún", afirma. Sen ingresos, traballar oito horas diarias durante dous meses (como mínimo) para acabar un é imposible.
"O respecto que ten un país pola súa arte avalíase, entroutras cousas, polo respecto académico", apunta Miguel Robledo. "E a ilustración é unha especialidade dentro das escolas de arte". O ourensán, un dos enlaces entre Prado e Das Pastoras (que xa publicaban en El Jueves na época de Frente Comixario) e a xeración actual, pensa que o bum ideal "sería unha industria editorial radicada aquí". Henrique Torreiro, organizador das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, termómetro da BD en Galiza desde 1989, relaciona a pexa do público de BD, limitado, e o coñecemento "ás veces escaso" dos editores. "Dicir bum sempre é perigoso, pois o actual florecemento é froito de moitos anos de traballo", remarca.
As coitas dos autores máis visibles, David Rubín e Alberto Vázquez, os únicos que produciron enteiramente álbumes propios, son similares. El circo del desaliento e La tetería del oso malayo (Astiberri), de Rubín, xa venderon 3.000 exemplares entre os dous, mentres o ourensán remata outros proxectos (dirixe para Dygra a película de animación El espíritu del bosque). O pago por páxina non existe en España fóra das revistas (págase o 10% de cada exemplar), e a inexistencia dunha cultura BD é un dos problemas herdados. "Séguese pensando que os tebeos son cousa de nenos ou un xénero menor, cando falamos dunha expresión de seu", lamenta Rubín. Alberto Vázquez, quizais o maior talento narrativo da nova BD galega (segundo a maioría dos seus compañeiros), convén que gañar a vida coa BD en España é "imposible". "Depende un pouco do tipo de cómic que fagas, e no meu caso véxoo imposible". O seu Psiconautas é unha historia dunha ratiña e un neno paxaro cunha crítica implosiva do control social.
Outro dos galegos que está a mover proxectos en Europa, Miguel Porto, matiza esteticamente a utopía francesa. "Alí os independentes tampouco gañan a vida só cos tebeos", di. O exemplo recorrente é Lewis Trondheim (un referente xeracional como puido ser o primeiro Peter Bagge), que adoita ironizar sobre a misantropía dos autores da nouvelle BD obrigados a producir. "Quizais en Francia haxa que facer moitos traballos marcados polo editor, pero a especialización do mercado permite alternar produtos", explica. "E sequera cobras, porque aquí fas o que queres sen cobrar".
Neste sentido, é posible que o futuro éxito dos autores galegos se alicerce no que poidan conseguir eles sós. Cosme Fernández, premiado nos certames Na Vangarda e Gz Crea, pregúntase se a xeración de autores á que pertence merece "a creación dunha industria cultural artificial se non é quen de amoldarse a un mercado natural inexistente, ou, en todo caso, marxinal en vendas e beneficios". "Eu", afirma, "non teño nin idea". Para o consolidado Carlos Portela, que gaba a iniciativa pioneira de Faktoría K (onde publicará en galego o seu futuro álbume sobre o Prestige), cómpre reducir as chiscadelas xornalísticas. "Para que haxa moitos David Lynch debe haber algúns Harry Potter", conta. "Os exemplos das escolas de Barcelona, Valencia ou Madrid, dos anos 80 aos 90, debían valernos para saber que despois do bum vén o crac". Trazo de tiza, a obra máis premiada de Miguelanxo Prado, supera xa as tres edicións en Norma Editorial, pero aínda non foi traducida ao galego.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.