_
_
_
_
Reportaje:ROLDA DAS LETRAS | Luces

O Xacobeo ausente

A literatura apenas se enfrontou ao fenómeno do Camiño de Santiago

Hai un feito que produce, cando menos, unha certa perplexidade: a escaseza de textos literarios contemporáneos que se inspiren no Camiño de Santiago e/ou que desenvolvan o que se podería chamar temática xacobea. Tivo que vir un alófono multilingüe, Pere Tobaruela (coa complicidade lingüística de Ana Boullón), a escribir sobre o fenómeno n'A cripta do apóstolo, unha novela xuvenil que narra as aventuras dun feixe de mozos e mozas que deciden facer o Camiño. E, por certo, agora que está tan de moda iso do Interrail como viaxe iniciática para postadolescentes, que tal promocionar o noso Camiño como alternativa ecolóxica e deportiva para a rapazada?

- Ausencia xacobea. Que lles pasa logo aos nosos autores e autoras? Aínda non repararon nas posibilidades que ofrece este tema? Se cadra por prurito laicista, se cadra por rechazo de todo o que o estaribel compostelán ten de montaxe institucional, mais o certo é que o asunto semella producir un certo repelús. Son fabas contadas os textos que o tratan. E, sen embargo, xa ven que estupendos resultados se poden acadar: velaí o caso d'As frechas de ouro de John Rutherford, ou La flecha amarilla de Suso de Toro (significativamente, só en castelán), sen esquecermos varios textos aparecidos na colección Mandaio de Biblos, que van dende o fresco sociopolítico dos tempos de Xelmírez que debuxa Ángel de la Cruz en Compostellanum á narración contrapuntística de dúas peregrinacións ben afastadas no tempo, mais vencelladas por moito do que teñen en común, que constrúe o portugués Sérgio Luís de Carvalho n'Os peregrinos sen fe. Quizais, se estes textos pasaron desapercibidos por causa de apareceren nun espazo privilexiado como Mandaio, pode ser esta unha boa ocasión para procuralos e gozalos.

E xa é curioso que tamén sexa Tobaruela (xunto con Ana Boullón) quen achegue os máis pequenos á Compostela xacobea, desta xeira xunto co cabaliño Branco de Cores, protagonista da súa propia colección e que nos dous últimos números, A cruz dos farrapos e Peregrino na sombra, visitará o Santiago das peregrinacións ilustrándonos sobre as orixes, ritos e efemérides da historia compostelá. O tema dá para tratamentos diversos: dende o modelo da novela histórica ou de aventuras, á crónica ou o bildungsroman, e para ser abordado dende a heterodoxia desmitificadora ao rigor documental. Que nos couta? Se cadra, a frescura desinhibida da mirada dende fóra -caso de Pere Tobaruela- pode ser o espello no que se reflictan as nosas contradicións e inhibicións.

Algo diferente pinta a cousa nos eidos do teatro, quizais porque co gallo do Xacobeo 93 a Xunta convocou o Premio Camiño de Santiago para textos teatrais, do que saíron pezas tan interesantes como O peregrino errante que cansou ó demo de Xavier Lama (estreada polo Centro Dramático Galego) ou A lexión sonámbula de Manuel Lourenzo. Do mesmo pulo creativo agromarían froitos tan logrados como Días sen gloria (Premio Rafael Dieste) e As actas escuras de Roberto Vidal Bolaño: por certo, que a segunda está arestora a percorrer con grande éxito de público os escenarios galegos. Ou sexa, que o tema interesa.

- Antídoto prisicilianista. En todo caso, e para contrarrestar a sobredose apostólica que nos agarda, velaquí o antídoto ideal: Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario de Victorino Pérez Prieto. Non estamos afeitos ao rigor no tratamento do mito que desprega o autor, quen aborda o fenómeno priscilianista en clave histórica, teolóxica e cultural dende unha perspectiva galega. Así, indo do xeral ao concreto, e logo de debullar as claves intelectuais e espirituais do movemento, Pérez Prieto remata o seu estudo rastrexando as pegadas de Prisciliano na nosa tradición, dende o século IV ata os textos literarios máis recentes de Ferrín ou Cortezón.

Tamén nos conforta a lectura de A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia de Xavier Castro, un investigador que leva ben tempo adicado á historia social e cultural da vida cotiá galega, sobre todo no referido á alimentación. O libro de Castro conforta porque, ademais do seu interese intrínseco, amosa como o alento ensaístico e o rigor científico non está rifados, senón que poden aliarse para seducir ao público máis esixente. Conforta porque nos lembra que fica moito por descubrir do que fomos e do que somos, e que non é preciso fachendear de erudición nin de cripticismo terminolóxico para facer investigación de alto nivel. E, ao cabo, confórtanos porque o libro se nos revela como unha oportunidade para desenvolver a faceta hedonista que todos levamos dentro.

- Importancia dos premios. Entre as últimas novas literarias que máis me prougueron, a de que o Premio García Barros de novela, que leva xa máis de 20 convocatorias, se actualiza, e anuncia que no fiuturo aparecerá editado coma sempre en papel (por canto tempo aínda?) pero tamén en formato dixital para e-book. Parabéns ao Concello da Estrada por seguir apoiando ao galardón, e á Editorial Galaxia por dar un paso máis na actualización do sistema literario. Non esquezamos o importante papel desempeñado por moitos concellos galegos na renovación da narrativa galega na década dos 80. Poucos son os que apostaron pola continuidade deste compromiso (o caso máis notable é o da federación de concellos que organiza o Blanco Amor), algo fundamental para dotar de verdadeira eficacia a iniciativas culturais que, doutro xeito, non pasarían de foguetes propagandísticos.

A figura protagonista das vindeiras Letras Galegas posúe unha dimensión non tan habitual en anteriores galardoados: refírome á de recitador, ao poder de sedución e evocación que tiñan a súa voz, e o ritmo que o poeta lle conseguía imprimir. Abducíanos Novoneyra recitando, e esa faceta quérena reflectir varios dos libros que publicados co gallo da efeméride: obras como Tempo de elexía en Alvarellos, ou Do Courel a Compostela en Galaxia, van acompañadas dun CD coa voz do poeta recitando os seus propios textos, unha experiencia inesquecible para aqueles que a puidemos vivir e que deste xeito terán ocasión de gozar tamén os máis novos. Uxío, poeta do silencio, ven lembrarnos que a poesía é palabra para dicir e para escoitar.

- Ensaio traducido. E, como remate, unha ollada ao ensaio, un xénero que está a acadar un dinamismo que pode ser interpretado como un esperanzador síntoma de normalidade cultural, sobre todo polo que ten de activador do pensamento crítico e o debate de ideas. A salientar, o volume II de O segundo sexo de Simone de Beauvoir, un clásico imprescindible do pensamento feminista que agora fala en galego grazas a unha excelente versión, complementada por un rigoroso e útil aparato de notas que facilita o achegamento ao texto do público de hoxe. Un exemplo modélico do que debe ser o traballo de edición. Pola contra, non parecía prioritario ofrecer no noso idioma a colectánea George Steiner en The New Yorker, un feixe de artigos publicados entre 1967 e 1997 nos que o intelectual dialoga con outros tan fundamentais como B. B. (léase Bertolt Brecht), Thomas Bernhardt ou John Berger, pero nos que tamén nos descubre outros que de certo nos resultarán descoñecidos, tal Guy Davenport (cando menos a min resúltamo), ou aborda grandes incógnitas da historia do nos tempo (véxase o seu escrito sobre Albert Speer): orixinalidade, lucidez e independencia intelectual son os sinais de identidade duns textos cuxa tradución debemos entender como un louvable esforzo de poñernos en diálogo co melloriño do pensamento do noso tempo. E, por certo, que se botan en falla notas aclaratorias que guíen o lector común pola asoballante erudición de Steiner, alumeando a afouteza e a profundidade do seu pensamento. Anúnciase en preparación, do mesmo autor, o ensaio Despois de Babel. Mellor fora, se cadra, ter empezado por aí.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_