Non morrer de éxito
Elias Canetti, o nobel de orixe sefardí, autor entre outras obras d' A lingua absolta, foi un dos que mellor expresou a función esencial do oficio de escribir: por unha banda, ser custodia do sentido das palabras. E por outra, custodia das metamorfoses. Manter o sentido das palabras contra a corrosión, a manipulación, a subtracción. Celebrar as metamorfoses, o conflito creativo, o continuo espertar, o corpo aberto, a experiencia liberadora e solidaria de vivir outras vidas.
Para a cidade, a Torre de Hércules tivo e debe ter esa dobre función, agás que a deixemos cunha función decorativa, monumental, e a culminación da súa vida sexa un morrer de éxito. Desexamos fondamente que acade esa honra de Patrimonio da Humanidade. Mais ese proceso aínda nos obriga máis coa Torre. Non podemos vela como unha postal senón reinventala como lanterna creativa. Como un epicentro da cidade e nódulo cultural cara dentro e cara fóra.
O primeiro que cómpre facer coa Torre de Hércules é tocala o menos posíbel
Hai moita densidade histórica no espazo da Torre de Hércules. No local universal. Hai lugares nos que pousa, nos que apoia, a esfera terrestre. E sen dúbida a esfera apoiou unhas cantas veces na península coruñesa. O santuario da deusa atlántica, onde as mostras de arte rupestre incluían o extraordinario petroglifo das figuras femininas a danzar, o promontorio ou altar onde confluían os eixes visuais dos ara solis dos castros das Mariñas, ten garantido ser o centro das olladas no sentido turístico. Mais nós debemos recuperala como un berce. Como un epicentro ou nódulo. Tamén sería desexábel recuperala como unha unidade de medida para mellor urbanismo.
Como se pode concretar o activismo sustentábel da Torre para que non morra de éxito nese camiño cara a condición oficial de Patrimonio da Humanidade? Para comezar, debater con luz, esa luz do faro, da deusa, que se atreveu cos espazos de penumbra. Ao estilo tácito do valente ilustrado Manuel Pardo de Andrade: "Pensar o que se queira e dicir o que se sente".
Para que non morra de éxito, o primeiro que cómpre facer coa Torre de Hércules é tocala o menos posíbel. Non só a Torre senón tamén o territorio da Torre. De facer algo, habería que sacar de alí máis que poñer. E de poñer, o que habería que facer é reforzar o que lle dá personalidade como promontorio marítimo. Por exemplo, a vexetación natural da torre, como toxeiras, uces e carqueixas, que ademais teñen un marabilloso e resistente ciclo de flor. Que non caia sobre a torre a terríbel peste do mobiliario urbano! E qué dicir desa esaxerada iluminación do camiño da Torre que semella unha verbena e compite coa propia luz do faro. Cando eu era rapaz, e viviamos na rúa Marola, a casa de enfronte chamábase a casa dos Labradores. Tiñan vacas. Había moito gando a pastar naquela contorna, na beiramar. Vacas tranquilas, budistas, que ás veces bruaban cando o mar. Foron desaparecendo. Mágoa co ben adornaban. Agora que están de moda as instalacións artísticas con animais, aínda o concello se podía animar a levar alí unhas marelas e unhas frisonas. Unha vaca de acantilado, hoxe, luce como un rinoceronte.
O primeiro eixe da Torre debe levarnos a antiga Prisión Provincial da Coruña. Algo se oíu, mais non acaban de concretarse as ideas para o futuro deste edificio tan especial, nunca mellor dito. Penso que a resposta está na luz da Torre. Esa luz foi unha compaña inesquecíbel para os presos. De total lealdade. É unha lembranza que todos citan. Cada noite, alí estaba a luz da Torre. Por iso hai dous eidos da memoria que deberían ter un espazo futuro na antiga prisión. Un, dende logo, o da vida en prisión e a loita pola liberdade. Outro, a emigración. Non é moi comprensíbel que na Coruña non exista aínda un espazo da memoria dedicado ós que tiveron que ir fóra, sendo un dos portos máis importantes do mundo na historia da emigración.
A luz da Torre debe levarnos tamén ao castelo de San Antón, onde se atopa o Museo Arqueolóxico. Sendo un museo tan importante, con pezas marabillosas como o tesouro de Elviña, a célebre diadema que foi a única peza presente na exposición mundial sobre arte celta en Milán, ou o como o casco de ouro do guerreiro de Leiro, asombra e deprime a marxinación na que se foi colocando este museo. A escasa atención que se lle presta. A mínima proxección, por ser moderados. Houbo un tempo, cando estaba dirixido por Felipe Senén, en que era un lugar obrigado de visita e máis tamén de irradiación cultural. Tiña, por dicilo así, a luz do faro. E hai que devolvela.
"Pensa o que se queiras e di o que sentes", anímame a luz do faro. Quero expresar outra preocupación. Qué vai ser da Dársena? Pola banda portuaria, a cidade, na vez de abrirse, foise pechando progresivamente ao mar. Hai intervencións urbanísticas realmente lamentábeis. Agora todos laiamos a perda da obra de Jean Nouvel, tan atinada, tan suxestiva, esa composición de ocos e contedores. Mais perdeuse iso e construíuse no seu lugar un erro, talvez porque a cidade non tivo o valor da estirpe da luz do faro. Pensábase, mais non se dicía. Como non se dixo coa infeliz mudanza da Dársena pola banda do Parrote. Xunto coa Torre de Hércules, era a nosa paisaxe urbana máis emblemática, coas súas grades, rampla de lousas e embarcacións de cores mariñeiras. Alí, xunto coa Torre, estaba o berce da cidade. A primeira identidade. Calquera actuación no futuro debería ter en conta iso.
Outro eixe decisivo que parte da Torre é o que nos leva ao Castro de Elviña. Qué non daría calquera cidade por ter semellante espazo histórico, arqueolóxico e natural dentro do perímetro urbano? Hai un rigor no traballo dos arqueólogos, dirixidos por Xosé María Bello, mais o resto da publicitada recuperación, despois dun concurso que gañou Manuel Gallego cun sedutor proxecto, semella terse aprazado sine die, e alí segue chantada no ara solis unha torre eléctrica de alta tensión onde, por certo, cando eramos nenos viamos un sinal, que non era celta, dun home atravesado por un lóstrego e limos por vez primeira a lenda: "Peligro de muerte". E sería así como acabaron os celtas en Galicia, electrocutados?
A luz do faro, en xeral, debería abranguer de novo toda a cidade. Recuperar a súa condición de escala humana para a cidade. O que non o crea ten unha penitencia. Subir os 252 chanzos da escaleira da Torre de Hércules, os que ten dende os sotos, para chegar ao balcón da súa lanterna. Sentirá entón que estará nun lugar onde se atopan a razón e a imaxinación, o real e o soñado. A súa mirada ensanchará como a mesma lanterna. A nosa candea. A luz dos vivos e dos mortos. O quinqué. Esta foi unha cidade de moitos quinqués. As fileiras de miles de mulleres cigarreiras e das misteiras que viñan traballar de noite no inverno eran como camiños de vagalumes. Irmáns do faro, da deusa atlantica. Mentres o faro da Torre de Hércules estea aceso, non caerán, non, as trabes do ceo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.