_
_
_
_
Reportaje:Luces

Mil e un 'Cunqueiros'

Unha nova edición da súa poesía serodia exhuma medio cento de poemas espallados - Contra finais de ano aparecerá a súa obra xornalística en galego

Na nota ao pé dos Cantos de Hastings, catro poemas redactados nunha visita ás paraxes do sur de Inglaterra, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) esquematizaba unha poética minúscula: "Aquí van algús, en versión ben provisional; son poesía de ocasión, pero toda poesía é de ocasión". Era a voz do escritor en 1966, cando triunfaba coas súas propostas narrativas en galego e en castelán pero os seus poemas non atinxían repercusión equivalente. E con todo, aproveitaban calquera ocasión e inzaban as páxinas evanescentes de xornais e revistas de pequena difusión, pezas adoito ocultos tras o pano do pseudónimo. Esa etapa, rehabilitada inicialmente polo partisanismo de Méndez Ferrín na década dos setenta, é a que recolle Poesía 1933-1981. Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger encárganse dunha edición, impresa por Galaxia, que presenta en sociedade, entre outros materiais, medio cento de poemas espallados do mindoniense.

A andrómena dos apócrifos xogaba á fábula, á parodia e ao despiste
Os editores queren confeccionar un volume dedicado ás traducións
Más información
Pardo de Cela, de heroe nacional a farsa histórica

Dona do corpo delgado (1950) e Herba aquí e acolá (1980), os dous libros poéticos publicados por Cunqueiro despois da Guerra Civil, compoñen o núcleo da revisión da poesía cunqueiriá. Resumen, ademais, os centros arredor dos que xira a súa escrita en verso: a relectura da tradición medieval, o europeísmo militante, a tendencia italiana, a nostalxia como ética que substitúe á lixeireza alada dos poemas vangardistas dos trinta, o texto a xeito de palimpsesto cultural. As marcas de Cunqueiro en Con pólvora e magnolias, a baliza que chantou Ferrín na poesía galega en 1976, permanecen á vista. E a xeración de poetas que se apoiou nese punto para escribir, denominada dos oitenta, nunca negou a ansiedade desa influencia.

Pero o valioso do volume compilado por Costas e Castro Buerger, a maiores de colocar de novo Herba aquí e acolá nas librarías -a última edición data de 1991-, reside nos máis de cincuenta poemas descoñecidos e compostos "fundamentalmente" entre 1933 e 1960. A estes, súmanse outros tantos recollidos en 1991 por Xosé-Henrique Costas, que daquela optou por reestruturar Herba... e forzar a división de textos realizada en vida de Cunqueiro por Miguel González Garcés. "O problema, o bendito problema, é que hai moito Cunqueiro por descubrir", considera agora Iago Castro, "non deixan de aparecer cousas". Profesor en Mazaricos, Castro traballaba nun grupo da Universidade de Vigo, coordinado por Costas, que pescudaba no labor xornalístico de Álvaro Cunqueiro. O centenario do nacemento do escritor, que se fai en decembro, levou á editorial Galaxia até os dous especialistas.

"Non eran poucos os poemas que fomos atopando na prensa", lembra. Non unicamente poemas explicitamente atribuídos. A outra achega de Poesía 1933-1981 ao estudo do autor de Mar ao norde son os 13 textos dos, segundo a terminoloxía proposta por Costas e Castro, alófonos fantásticos. Trátase de supostos poemas de supostos poetas estranxeiros, supostamente traducidos ao galego por supostos tradutores. En realidade, unha divertida andrómena metaliteraria da man dun Álvaro Cunqueiro que, así, xogaba á parodia, á fabula e ao despiste. "Inventaba todo. Vémolo mesmo escribindo poesía social, esa que tanto criticaba", explica Iago Castro, "cando inventa un poeta ruso préso nas cadeas da Unión Soviética porque, di, 'non lle deixan cantar as flores",

"Hai moito humor pero nada de inocencia", apón aos apócrifos Castro, que xa en 2004 deu a coñecer esta faceta de Cunqueiro no Anuario de Estudos Literarios, "o que debía rir Cunqueiro ao ver un crítico aplaudindo a ese poeta romanés preso nos campos soviéticos". De Decio Arveanu e Eliano Ardeauno, escritores romaneses, ou de Erik Triggvason e Frank Sigmundson, procedencia nórdica, aparecían poemas no suplemento Arte y Letras do Faro de Vigo. A investigación dos editores deitou luz ao respecto. "Ningún sueco se apelida Triggvason nin Sigsmundson, apelidos que, en troques, poderían ser islandeses, pero non os nomes de pía Erik e Frank", respondeulles vía correo electrónico o escandinavista, profesor e tradutor José Antonio Fernández Romero. Outro profesor, este da Universidade de Santiago e filológo romanés, Christian Ionescu, fixo o propio: "Non existe o nome Decio, en todo caso sería Deciu, nin tampouco Eliano, que sería Elian".

As pistas falsas sementaron as composicións de Enzo Carletti da Murona, Enzio Buoncompagni, Antonio Bartolini, Argret Svaden, Giorgio Catalupo ou Carlo da Marjolana. Para eles Cunqueiro mesmo inventaba compactas recensións biográficas que Costas e Castro recuperarán nun vindeiro volume de obra nos xornais do escritor de Mondoñedo. Pero o trenzado de máscaras ía máis alá: o tradutor destes autores só existentes no maxín de Cunqueiro tampouco respondía ao real. Escondíase detrás do antropónimo Manuel María Seoane -nunha ocasión, Álvaro Labrada, pseudónimo habitual. "A mistificación que hai na súa obra narrativa sobre os personaxes", teoriza Iago Castro, "lévaa á autoría no caso dos alófonos".

Ao vendaval Cunqueiro, argallador dun macrotexto en que se cruzan o xornalismo nas súas variantes xenéricas máis insospeitadas, a propia poesía ou a súa influínte prosa, contribúe a cuestión tradutora. "Ten unha relación directa coa súa poesía", sinala. Máis de trescentos textos verquidos ao galego por un home que dominaba o francés e o italiano e que tamén fedellaba directamente no inglés salferiron os suplementos culturais, sobre todo, do Faro de Vigo. "Xesús González Gómez fixo un traballo moi valioso en Flor de diversos [unha escolma das traducións publicada hai vinte anos]", indica Castro, "pero agora hai que facer un estudio polo miúdo, porque tamén hai paráfrases ou versións moi libres". O obxectivo dos editores de Poesía 1933-1981 é confeccionar un tomo dedicado á faceta de aduaneiro lingüístico do poeta, que o enfrontou con, por caso, Ezra Pound, Leonard Cohen, Cesare Pavese ou Henri Michaux.

"Ao cabo", conclúe Iago Castro, "aínda hai que facer xustiza a un escritor que, como di, Darío Xohán Cabana, fai que pague a pena a existencia de toda unha literatura".

Álvaro Cunqueiro (á esquerda) con Carme Noel e os escritores Josep Pla e Gonzalo Torrente Ballester (dereita), nunha imaxe da <i>Fotobiografía</i> de Xerais.
Álvaro Cunqueiro (á esquerda) con Carme Noel e os escritores Josep Pla e Gonzalo Torrente Ballester (dereita), nunha imaxe da Fotobiografía de Xerais.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_