_
_
_
_
Os papeis ocultos do poeta rianxeiro | Luces

Manuel Antonio liberado

A apertura do arquivo do autor de 'De catro a catro', propiedade da Fundación Barrié, resolve os enigmas da súa figura e amplía o seu corpus literario

LucesManuel Antonio tamén quixo ser músico. O recibo de compra dun violín, almacenado durante medio século por Domingo García-Sabell, así o proba. Non se trata do documento máis importante, nin o único, aparecido no botín que sobre o poeta rianxeiro atesourou o ex presidente da Real Academia Galega. Pero si dun índicio da letra pequena contida nos papeis perdidos do autor de De catro a catro. Prosas poéticas, artigos políticos incendiarios, apuntamentos lexicográficos, versións desbotadas de poemas, correspondencia coa súa moza dos 19 anos ou con outros escritores, expedientes académicos, 20 páxinas dunha novela inacabada... de todo hai nas caixas que García-Sabell recolleu na casa de Manuel Antonio en 1956. Nunca até agora, que o fará o investigador Xosé Luís Axeitos, foron desembaladas.

O texto 'Gabanza do piano mal tocado' é unha defensa do erro como estética
"A agresividade do poeta", sinala Xosé Luís Axeitos, "non debía gustar a Sabell"
O orixinal de 'Máis alá' atacaba a galeguistas logo riscados do texto
Apuntaba no papel do tabaco as notas para un dicionario náutico galego
Manuel Antonio traduciu ao galego a Mallarmé, Poe ou Arthur Rimbaud
A "pequena pero selecta" biblioteca do poeta tamén se atopa na Barrié
Publicaranse un cento de cartas, entre elas as 35 que lle escribiu á moza
En 1918 viaxou á Francia para alistarse contra Alemaña. Non o conseguíu
Más información
Unha nave en chamas, máis alá de Orión

Que aquela ilusión musical do poeta resultou frustrada pódese deducir dalgúns dos textos exhumados por Axeitos e que formarán parte do primeiro dos volumes, o de prosa, da obra completa do rianxeiro. Gabanza do piano mal tocado titúlase un ataque contra o virtuosismo e unha defensa do erro como categoría estética, envolto nunha fermosa escrita, poética e irónica a un tempo. Do mesmo xeito, nunha conferencia pronunciada en Rianxo, Gabanza do cantar, datada por Axeitos arredor de 1925 en base á tinta empregada no manuscrito, o poeta vangardista torcía pola música popular fronte á música de masas. Manuel Antonio enumeraba algúns dos éxitos fonográficos do momento e comparábaos, desfavorabelmente, co cancioneiro popular galego, ese que se aprende "case ao mesmo tempo que se aprende a falar".

Pero o material García-Sabell excede, con moito, o anecdótico. Redimensiona a figura e o traballo dun personaxe central de poesía do século XX e abre novas portas para achegarse ao proxecto manuelantoniano. Catro volumes ocupará a opera omnia do rianxeiro, todos ao coidado do académico Xosé Luís Axeitos e financiados pola Fundación Barrié de la Maza en colaboración coa Academia. O primeiro tomo, que xuntará a prosa do poeta, estará na rúa nos meses iniciais de 2011. Poesía, correspondencia e unha biografía completarán a apertura da colección Clásicos da Academia. Manuel Antonio só publicou un libro en vida, o totémico De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo (Nós, 1928), e até 1972 non se coñeceu o corpus poético logo canonizado: o poemario édito, Con anacos d'o meu interior, Foulas, Sempre e máis despóis, Viladomar e outros poemas soltos. Esa edición foi fixada por Domingo García-Sabell con decisións, a dicir dos expertos, pouco rigorosas. Por caso, a regularización da ortografía. Pero, ademais, tardou 16 anos, os que pasaron dende a súa viaxe a Rianxo, acompañado de Borobó, o curmán do poeta Roxelio Pérez, Roxerius, e do médico de Caldas de Reis Maximino Rodríguez Buxán, para entrar na casa de Manuel Antonio e revisar os papeis que o rianxeiro deixara á súa morte, en 1930 con 29 anos. Daquela expedición procede o tesouro que arestora ve luz, sete anos logo do falecemento de García- Sabell, quen doara a súa propia biblioteca e o seu arquivo persoal á fundación do Banco Pastor.

"A agresividade política, o antiespañolismo, o independentismo que rezuma este Manuel Antonio inédito era algo que, en certa altura, a García-Sabell non lle debía gustar nada", aventura Xosé Luís Axeitos. O galeguista, tamén na directiva da Editorial Galaxia, compaxinaba a presidencia da Real Academia Galega co cargo de delegado do Goberno cando Axeitos lle remitiu media ducia de cartas solicitando acceso aos papeis do autor de Foulas. O investigador preparaba a Poesía galega completa finalmente publicada en 1992. García-Sabell nunca respondeu ás peticións. "E iso que eu ía coa intermediación de Carmen Muñoz

[viúva de Rafael Dieste] e Maruxa Seoane [viúva de Luís Seoane] e os textos epistolares eran correctísimos", lembra agora Axeitos, sentado no seu despacho de secretario da institución da rúa Tabernas da Coruña.

O Manuel Antonio que arremetía contra o "galeguismo xogo floralesco" dos 25 de xullo e falaba da necesidade de pendurar dunha corda a segundo qué defensores da autonomía, que escribía sobre o día en que Galicia sería "unha república libérrima" non cadraba coas estratexias consensuais de García-Sabell. Ao cabo, tratábase do galeguista á fronte de Interior que recorreu a Lei de Normalización Lingüística cando, asemade, presidía a máxima institución cultural de Galicia. "Cogito ergo sum. Hespaña non pensa, logo non existe", redacta Manuel Antonio nun texto de título Homi soit, no que teoriza contra "eses señores que para mercar un sombreiro teñen antes que saber cantos centímetros de ala están de moda en Madrid". Todos estes materiais nunca saíran da casa familiar de Rianxo, esa que dona Pura, a nai do poeta, abriu en 1956 a García-Sabell. Si o fixo o manifesto Terra Ceibe, a resposta de Manuel Antonio e Xavier Soto á negativa do pleno do Concello de Vigo, nos anos vinte, a que a bandeira galega ondease ao carón da española. As paredes da cidade e as páxinas d'A Nosa Terra acolleron o escrito, oculto dende entón.

Non só de diatribas políticas estaban cheas as gavetas do legado de García-Sabell. E, con todo, en Manuel Antonio non sempre resulta doado derregar as facetas. O irado Máis alá, a primeira labazada en chave de guerra civil interna do galeguismo cultural, supuña un chamado á independencia estética e unha detonación no centro do conservadurismo chauvinista. Entre os documentos que estuda Axeitos atópase a versión manuscrita daquela declaración dirixida "sin pretensións de suficenza doutoral a Mocedade intelectual d'a nosa Terra". As tachaduras previas á súa entrega ao prelo son reveledoras: a idea inicial do manifesto, que canda o grande escritor de panfletos rianxeiro asinaba o debuxante Álvaro Cebreiro, aínda cargaba máis dinamita. Os nomes riscados de persoeiros galeguistas así o mostran. Nin Carré, nin Lugrís Freire -daquela á cabeza da Academia Galega-, nin Eladio Rodríguez nin Farruco de la Iglesia nin Aquilino Iglesias Alvariño nin Noriega Varela, se libraban da carraxe inconformista de Máis alá. Non están claras as razóns, pero a listaxe desapareceu do manifesto publicado finalmente o 28 de xuño de 1922.

Nas 29 prosas que compoñerán o primeiro volume da obra completa de Manuel Antonio tamén hai unha tentativa de romance. A novela de Ramón Cruceiro é o arranque dunha narración, estendida até as 20 páxinas e sen rematar, ambientada nun barco e co artificio do escrito atopado nun sobre como leit motiv. "Ramón Cruceiro é un nome obsesivo", explica Axeitos, "que utiliza unha vez e outra en diversos textos". A corrección insistente do traballo, constatada nas revisións ás que somete esta novela, queda de relevo, segundo o editor, na maioría de pezas literarias. E nas innúmeras reescrituras dos poemas que logo figurarán nas series coñecidas. Os cartafois da Fundación Barrié abeiran os cadernos definitivos cos libros de poemas caligrafados e dispostos para entregar á imprenta.

Relatos a medio camiño entre o narrativo e a prosa poética, de títulos tan peculiares como A cidade dos homes que non tiñan alma, ou a Novela vulgar, amosan un Manuel Antonio en rexistro non habitual. Neste último texto factura un duro tratamento do suicidio na emigración, con procedementos de eco cinematográfico. "O suicidio de emigrantes, que houbo moitos, apenas aparece na literatura galega", argumenta Axeitos, "aquí úsao como tema e faino servíndose de mecanismos propios da literatura de vangarda, como as metáforas aposicionais". A prosa, de alta gradación simbólica, e que se manifesta ademais nos fragmentos sen título bautizados por Axeitos como Singraduras, xoga nas mesmas coordenadas que os seus poemas máis célebres. O mar, os faros, o barco, a costa e os campos léxicos navais constrúen esa particular atmósfera metafísica pero material, velada pero realista, tan singular e significativa da súa poesía.

Precisamente un dos proxectos nos que, aos poucos, traballou Manuel Antonio e que agroma nos papeis custodiados -ou secuestrados, segundo a opinión de non poucos estudosos da literatura- por García-Sabell foron unhas fermosas Notas para un diczonario náutico galego. Anotadas nos papeis do tabaco que fumaba o poeta, da marca Compañía Arrendataria de Tabacos, as entradas léxicas deixan constancia das maneiras de falar dos mariñeiros do Barbanza na década dos vinte. A revista A Trabe de Ouro, que dirixie o actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, publicará no seu vindeiro número todas as palabras recollidas polo rianxeiro.

O Manuel Antonio que emerxeu das décadas escuras en 1972, da man dun García-Sabell que prometera un tomo de prosa nunca editado, triplicaba en materiais poéticos De catro a catro. Coas engádegas que 20 anos despois realizou Axeitos, apenas hai poemas inéditos. "Algún pode haber", admite o académico, quen aínda non entrou a fondo nese apartado dos papeis ocultos, "pero sobre todo existen versións por corrixir, ou previas, aos poemas logo coñecidos".

E traducións descoñecidas ao galego dos grandes poetas franceses do século XIX. "Dalgún existen até catro intentos diferentes", sinala Axeitos. O Arthur Rimbaud que abandonou a escrita aos 19 anos logo de estomballar as convencións literarias do seu tempo, o Stéphane Mallarmé que fundou a poesía dos seguintes cen anos ou Apollinaire, popular polos caligramas cos que máis tarde tamén experimentaría o de Rianxo, foron trasladados ao seu idioma por Manuel Antonio. Tampouco Edgar Allan Poe -de xeito maxistral, segundo o encargado da edición- escapou aos intereses do autor de Sempre e máis despois. O Retrato oval, en tradución de Manuel Antonio, foi a primeira incursión do escritor de Boston na lingua da súa coetánea Rosalía.

Non unicamente os seus intereses como lector fican ao descuberto coa escolla de autores para a tradución. A biblioteca particular de Manuel Antonio, "pequena pero selecta" e da que os traducidos facían parte, tamén sobreviviu aos anos en poder de García-Sabell. O seu interese pola vangardas históricas ratifícano Ecuatorial, do chileno Víctor Huidobro, ou as publicacións de Guillermo de Torre, o arxentino que argumentou a prol do movemento ultraísta. Os Tres contos, de Gustav Flaubert e na versión orixinal francesa, as obras dos seus compañeiros de xeración e militancia política, revistas literarias. "A biblioteca amosa que era un escritor ben informado", indica Axeitos, "gardaba as revistas España de literatura e as Hojas Literarias do xornal El Sol".

Os libros, publicacións, pasquíns que Manuel Antonio, e logo a súa nai e logo García Sabell, conservaron dan as chaves dun intinerario vital curto e intenso. Os expedientes académicos, do preescolar aos anos abortados de Filosofía e Letras en Santiago, as facturas dos seus servizos para as Irmandades da Fala, os poemas que lle enviaban camaradas como Eugenio Montes -que andando o tempo pasaría á Falange- ou Sixto Aguirre -asasinado en 1936 canda Camilo Díaz Baliño, o pai de Isaac Díaz Pardo-, a pizarra escolar... "Fixéronme moita graza uns papeliños enrugados, eses que os rapaces se arrebolan nas aulas", abráiase Xosé Luís Axeitos, "escritos con contos, chistes, burlas, insultos...".

Outra das alfaias biográficas, e bibliográficas, recadadas por García-Sabell naquela xornada de 1956 son as bitácoras dos tres paquebotes en que se embarcou Manuel Antonio. Perfectamente caligrafados, os cadernos da súa travesía de 171 días no Constantino Candeira, de seis meses no Gelria (onde tamén navegou o poeta francés Blaise Cendrars, a quen o rianxeiro puxo en galego), e as 114 xornadas no Arosa. "El debía entregar copia de cada libreta na Escola de Náutica de Vigo", comenta o seu tamén biógrafo Axeitos, "e por iso gardou os exemplares. Están escritos en castelán, porque eran para institucións oficiais, pero algunhas das notas parecen case poemas en prosa, polo léxico, polas construcións gramaticais".

O máis dun cento de cartas redactadas e recibidas por Manuel Antonio constitúen o segmento final do tesouro analizado por Axeitos. O académico, experto nos epistolarios doutros vultos do galeguismo do século XX, incluirá a correspondencia manuelantoniá no terceiro volume da obra completa. Pero non só haberá comunicación con outros escritores e artistas -o seu paisano Rafael Dieste, o seu outro paisano Castelao, o seu compadre Álvaro Cebreiro-, se non, ademais, 35 mostras da escrita íntima de Manuel Antonio: as misivas que intercambiou, en 1918, coa súa moza de Asados (Rianxo), Mercedes Rodríguez Pimentel.

"Son cartas moi ben escritas, que conservou o poeta porque daquela existía o costume de, cando as parellas rompían, devolverse o correo que se mandaran". Neses escritos mesmo queda rexistrada a peripecia do Manuel Antonio que viaxou á fronteira entre o País Vasco e Francia, en febrerio daquel último ano da Gran Guerra, para alistarse contra os alemáns. "Animado por un artigo de prensa do aliadófilo Gómez Carrillo", relata Axeitos nunha biografía do ano 2000, "e despois dunha consulta epistolar ó vicecónsul francés na Coruña". Non chegaría a ingresar no exército francés, pero á súa volta ao Barbanza aquela escapada xa era parte do folclore vilego.

Do Manuel Antonio que segundo a lenda quixo marchar á Rusia bolxevique ou á guerrilla de Augusto César Sandino en Nicaragua non hai, a primeira vista, rastro. Pero o poeta liberado, a sombra agora ampliada do autor de De catro a catro, medra coa luz deitada sobre os papeis ocultos, a súa literatura inédita, o seu radicalismo político. O famoso secuestro chega á fin e cúmprese o mandato que, en 1979, estampara un anoxado Colectivo de Comunicación Poética Rompente no Día das Letras dedicado ao rianxeiro: Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio!.

Todas as imaxes desta reportaxe, agás as indicadas, foron cedidas pola Fundación Barrié de la Maza.(1) Estase a referir á revolta protagonizada polos labradores cataláns (Gurre d'els segadors) o 7 de xuño de 1640, que protestaban pola presenza de soldados casteláns na cidade. A 'Singradura', así bautizada polo editor da obra completa de Manuel Antonio, e 'O remorso d'as estatoas e a dinidade d'o silenzo' (1925) son textos inéditos do poeta de Rianxo.

Imaxe dos materiais do poeta Manuel Antonio almacenados na Fundación Barrié de la Maza da Coruña.
Imaxe dos materiais do poeta Manuel Antonio almacenados na Fundación Barrié de la Maza da Coruña.GABRIEL TIZÓN
A imaxe máis coñecida do poeta de <i>De catro a catro</i>
A imaxe máis coñecida do poeta de De catro a catroFUNDACIÓN BARRIÉ DE LA MAZA

As 'Singraduras', prosas poéticas

Agora que estamos nós sós -sombras caladas, abaneando pol-o combés inseguro- no meio d'o oucéano, n-o

meio d'o vento e n-o meio d'a noite, é cando mais preto de nós sentimos o Mar; mais preto e mais directo, mais en nós. Pero o Mar non é ese balbordo d'auga que escacha con rencor n-a amura, que semea o contorno con fugaces lóstregos d'escuma e que parodia unha danza descompasada e incansable. O Mar é ese algo que non vemos, que xurde d'a auga e corre pol-a xerfa, sempre esquinando a nosa ollada inquisidora, e anda ás loitas c'o vento, facendo tolemias; que chopa n-a auga e mete o lombo debaixo d'a quilla para que o veleiro faga sobre o seu esforzo malévolo un equilibrio macabro, e que volve a xurdir, cada volta mais entolecido, e esforcea c'os mastros onde as velas se tenden coma arcos apuntando ao alén. E fuxe para lonxe, defraudado e rencoroso. D'aquela xura, o vento trai-nos d'a lá maldizóns sombrizas que houberan desfechado un pranto xordo de voces embazadas, pero ninguén o sabe, agás nós. E nós -pensa o piloto- nós levamos ben firmes as drizas, as escotas, as brozas, e alá n-a popa d'as mans d'o timonel nin un intre se desmanda o leme; e sabemos -ninguén mais n-o Mundo- encadear n-as velas ao vento. O Vento, ese rebelde.

INÉDITOS

- A prosa poética das Singraduras, así bautizadas polo actual editor

- O artigo O remorso d'as estátoas e a dinidade d'o silenzo, redactado en 1925

- Cartas e un dos seus cadernos de bitácora

- O poeta Xabier Cordal volve á figura do autor de Foulas en Unha nave en chamas, máis alá de Orión

'O remorso d'as estátoas e a dinidade d'o silenzo'

Xa chegou o 25 d'o mes de Santiago e as follas impresas espallarán pol-a nosa terra unha copiosa antoloxía de lugares comúns alaudatorios d'un pintoresco e deprimente pseudo-galeguismo. Pero ningún xornal pubricará a diatriba d'a nosa carraxe, a acusación d'o crime de todos ou a proclama d'a nosa Revolta.

Quixéramos comezar decindo "dentro de poucos anos..." Pero prívanol-o ise convenio tácito que leva adiante unha conspiración contra o tempo. Quer-se prescindir d'o tempo, deixal-o só; e non fica máis volta que comenzar decindo:

Dentro de moitos anos, n-unha república libérrima celebrara-se a gran festa nazoal. Antre as múltiples bandeiras celestes, n-a voz emoveita d'o antergo, d'as guedellas ruzas e cansas lostregará iste anatema: Cando a Patria sofría escravitude os nosos pais dedicaban-se a celebrar iste día con artigos xogo-floralescos."

A sua voz chegará tamén ás prazas d'atrasmán, ostentadoras (como non?) d'as estátoas pretéritas de tantos "ilustres patriotas" que hoxe andan danzando pol-a nosa pantalla cinegráfica. E as estátoas dialogarán pra rematar decindo: "Temos escrito tantas toneladas de papel en bagatelas (a "terriña", a "casiña", a "vaquiña") que chegamos a faguer o pedestal d'unha estátoa de carne e óso pendurada d'o adival d'unha forca coma a de calquer anónimo rapaz pistoleiro e dinameteiro"

O que eu lle desexo a calquer mozo galego é que mañán non teña o remorso d'a estátoa de bronce. A nosa terra precisa poucas estátoas xogo-floralescas pero moitas estátoas de carne e óso penduradas d'o adival d'unha forca.

Pol-o demais, todo un ano de cotiáns claudicacións, de unánimes cobardías, de vergoñosos desleigamentos coleitivos, non pode ser rescatado n-o día de hoxe con uns golpes mais ou menos sentimentaes ó consabido tópico d?a "terriña meiga".

Si os nosos azos non chegan a exemplarizar unha folla d'a Hestoria c'un patriótico "Apóstol de Sangue", xemeo d'o Corpus catalán (1), o silenzo é o mais decoroso.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_