Historia do baile agarrado
A cultura da verbena naceu a comezos do século XX - O fenómeno acadou popularidade coa chegada da amplificación eléctrica e o vocalista animador
Se a cultura é, por non ir máis lonxe que o dicionario, o conxunto de modos de vida e costumes, coñecementos e desenvolvemento artístico dunha época ou grupo social, a verbena parece que o é. Mesmo cultura popular. A asistencia a concertos das orquestras nas verbenas é a actividade cultural, deportiva ou de lecer máis practicada en Galicia, e a única que ten máis porcentaxe de participantes (o 63,6% da poboación asiste algunha vez ao ano) que de non participantes.
Claro que é difícil zafar, porque é a única oferta que ten segura ao pé da casa, unha ou dúas veces ao ano, calquera habitante de calquera localidade por pequena que sexa. E se nin sequera está claro cantos milleiros de festas hai en Galicia (si de comisións de festas: 2500), tampouco hai un censo de orquestras. Segundo as fontes de 200 a 300. Ou as que faga falta, porque mesmo se crean especificamente para a tempada alta. Un fenómeno que empezou a ser recoñecido no FIOU, o primeiro Festival Internacional de Orquestras de Galicia celebrado hai días en Cea.
Naceron a partir da conversión do gaiteiro solitario en dúo
A orquestra Los Satélites foi sempre propiedade dos seus músicos
En Galicia, o que hoxe é a meirande expresión do baile outdoor naceu, segundo o especialista en orquestras Xurxo Souto -neto e sobriño de fundadores de Los Satélites) da conversión a comezos do século XX do gaiteiro solitario en dúo (gaita e tamboril). 20 anos despois, Os Gaiteiros de Soutelo e os Trinta de Trives (porque eran catro, pero tocaban coma trinta) inventaron o cuarteto de gaita. Unha deriva imparable cando se xuntou con outra revolución: o agarrado. O baile, que ata entón -polo menos en Galicia- era unha danza colectiva, empezou a ser un pasatempo de contacto pese -ou por- á oposición dos curas. Segundo conta Souto, os cuartetos de gaitas reforzáronse co metal, saxofóns ou clarinetes, e apareceron as músicas. Tamén as incursións das orquestras das cidades no campo. Da rivalidade entre unhas e outras saíron híbridos, como a Orquestra Spallant (antes Os Espallantes).
Pero o que conformou o fenómeno orquestra tal e como o coñecemos foi a electricidade: "A amplificación foi importante para os músicos, pero foi fundamental para a aparición do verdadeiro rei do baile: o vocalista, o animador", conta Xurxo Souto no texto de A ritmo de orquestras, a exposición que ilustrou as rúas de Cea durante o FIOU.
A ritmo de orquestras menciona como pioneiras a Variedades, nacida na zapatería Mario de Viveiro en 1930, e a Los Satélites, que xurdiu en 1938 nunha academia de baile, e aínda existe. "É porque conserva o selo do seu fundador [o saxofonista Manuel Otero Mariñas, Lolito], que quería unha orquestra que soara ben, que fose seria musicalmente", dicía Sito Sedes, un dos seus animadores emblemáticos, en novembro pasado, cando celebraron o seu 70º aniversario. Quizais influíu tamén a estrutura empresarial: a orquestra foi sempre propiedade dos seus músicos, e os que se ían vendían a súa parte aos que entraban.
A música era daquela unha oportunidade de promoción para os rapaces máis inquedos. O malo era o custe dos instrumentos. Os pais de Marcial, un dos ventos clásicos de Los Satélites, venderon unha vaca para comprarlle ao cativo o clarinete. Manuel Eiroa foi un dos fundadores, conta seu neto, porque cando tiña 15 e traballaba cargando area para as obras, un irmán emigrado en Nova York mandoulle os cartos para mercar un saxofón. A conquista dos medios de transporte foi outro paso no proceso de extensión do fenómeno. Os primeiros motorizados parece ser que foron Os Gaiteiros de Soutelo, aos que un fan con posibles lles regalou en 1920 un Ford, pero durante moitos anos as orquestras viaxaban como o público, en coche de liña, ou mesmo en bicicleta. E os pioneiros nunca son comprendidos de todo. O estudio feito polo neto de Manuel Eiroa conta que a Antonio, da orquestra Los Mallos da parroquia coruñesa de Feáns, un amigo mecánico ofreceulle un Hispano-Suiza no que cabían todos. En canto o aparcou na eira da casa, saíu o pai e mandouno fóra porque un coche era cousa de ricos, "e ti es un obreiro, un labrador".
A guerra supuxo, coma en todo, un parón, pero a posguerra non matou as orquestras. Determinou que os músicos, igual que os demais traballadores, emigraran, pero neste caso para ben. "Os invernos son duros e cómpre buscar novos escenarios. O acordeón de Diosiño chega a Finlandia, Los Españoles trunfan en Xapón. Nos seus retornos enchen as verbenas de vangarda e modernidade, como a música tropical, moito antes de que en Nova York se inventara a palabra 'salsa", relata Xurxo Souto. Cando, despois da música, a economía deixou a autarquía a mediados dos 60, foi a (primeira) época dourada das orquestras, e dos seus vocalistas, desde Álvaro Pita a Finita Gay -a primeira muller nos palcos- e sobre todo, Pucho Boedo, o animador que compartiu escenario en París con Jacques Brel. Ou Ana Kiro, a raíña indiscutible do fenómeno de difusión previo a internet: as casetes nas gasolineiras.
As orquestras, unha atracción cara e en directo -hoxe cobran de 1.000 a 18.000 euros, por actuación, dependendo da categoría e data- mesmo deron superado a competencia doutro fenómeno: as discotecas. Foi a comezos dos oitenta, cando o neto do fundador dunha das formacións clásicas, a París de Noia, deu coa chave para encher outra vez os campos da festa: o espectáculo total. Repertorio clásico mesturado cos hits radiofónicos, coreografías, grandes efectos escenográficos, milleiros de vatios de luz e son. Primeiro foi a París de Noia e logo as demais. A debe festa continuar.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.