O pintor dos ollos abraiados
Díaz Pardo abandonou moi cedo a pintura pero nunca deixou de debuxar - A formación artística está presente en toda a súa traxectoria
Cando se analiza a traxectoria dun home que fixo tantas cousas na vida coma Isaac Díaz Pardo é inevitable que algunhas das súas habilidades queden esquecidas en beneficio doutras. No que se refire á pintura, o propio Díaz Pardo contribuíu a que a súa obra neste campo non fose moi recoñecida. A finais dos anos corenta decidiu abandonar a pintura como xeito de gañarse a vida e explorar, así, outros terreos co resultado que xa todos sabemos. Dende aquela foi un pintor ocasional e a súa última obra sobre lenzo é de principios dos setenta. No entanto, e do mesmo xeito que se pode dicir de Díaz Pardo que sempre foi un activista cultural (no sentido amplo da expresión) máis ca outra cousa, tamén podería concluírse que en realidade nunca deixou de ser un pintor.
Aínda que non pintase, pode dicirse que seguiu sendo un pintor
Lamazares: "Oxalá houbera cada século cen homes coma el en Galicia"
Claro que aquí o concepto de pintor hai que tomalo no seu significado máis moderno. É dicir, no fondo sempre foi un artista que utilizou a imaxe para comunicar. Neste senso non hau dúbida de que sempre pintou, aínda que o fixo de moi diversas formas. Mesmo a creación de Laboratorio de Formas ou a reconstrución de Sargadelos son proxectos que teñen elementos que non se entenden sen a pintura. Ademais, nunca deixou de debuxar, algo que, sen dúbida, é a característica que mellor define un pintor.
Díaz Pardo comezou a realizar os seus primeiros retratos pintados no ano 1938. No inverno de 1939, unha vez concluída a Guerra Civil e Franco vitorioso, trasládase a Madrid e ingresa na Academia de Belas Artes de San Fernando. Ese mesmo ano presenta a súa primeira exposición de retratos na Asociación de Artistas da Coruña. Como explica o pintor Antón Patiño, neses anos Díaz Pardo aproveita a súa estadía na Academia para perfeccionar as técnicas de debuxo e de dominio do claroscuro. "Era una pintura ben feita e que tiña moito éxito naquel tempo, aínda que resultaba un tanto acartonada, sobre todo se temos en conta o que se estaba a facer noutras partes do mundo", indica Patiño, a quen sempre lle chamou a atención un rasgo singular das figuras humanas dos cadros de Díaz Pardo. "Os ollos das persoas que pinta Isaac son ollos abraiados. É como se a súa traxectoria vital estivese recollida neses ollos que semellan que miran sempre algo horroroso. Isto vese tanto nas pintura coma logo na cerámica". Esa sensación de abraio caracterizaba, curiosamente, a propia mirada do artista compostelán.
Na década dos corenta é cando Díaz Pardo exerce coma pintor profesional e a súa obra exponse en salas e galerías de Madrid, Barcelona e mesmo Londres. A crítica recoñece o valor das súas creacións e gaña a vida retratando a burguesía da época. En 1948 decide abandonar a pintura e anos despois, en 1956, explica nun texto poético as razóns daquela decisión. Aínda que o máis probable é que todo derivase dun conxunto múltiple de circunstancias. Porque ao ano seguinte comezou a desenvolver o proxecto empresarial de Cerámicas do Castro. Mais paga a pena reproducir algunhas frases coas que Díaz Pardo dicía adeuas á pintura: "Canseime dos ricos cos seus traxes e alfaias, do canto de rá das súas gabelas e da súa ben gobernada sordeira; e cheguei a cansarme até do xenio requintado do home se non resolvía o meu problema. Pensei que non tiña razón pintar para pintar aquelo, e cambiei de profesión pra te ceibar da miña ruindade. Agora vou pillar xentes das que ti, meu cabalete, queres que desnude nos lenzos".
A partir dese momento, Díaz Pardo convértese nun pintor ocasional, pero, curiosamente, o seu estilo non deixa de evolucionar. Cada vez se aparta máis das formas clásicas da etapa académica e vai perfilando unha linguaxe pictórica propia, cuns sinais de identidade moito máis modernos que antes. Os cadros realizados na década dos cincuenta remiten á estética do románico que o achegaba á figura de Laxeiro. Xa nos anos sesenta a súa pincelada vólvese máis rota para achegarse ao expresionismo.
Esta evolución demostra que Díaz Pardo nunca abandonou realmente o interese pola pintura. "Creo que en realidade o máis salientable na súa traxectoria é a capacidade para comunicar e quizais por iso a pintura quedáballe un pouco pequena", sinala Antón Patiño, quen considera que é moi difícil falar de Díaz Pardo dende unha perspectiva exclusivamente pictórica, dado que as distintas facetas da súa personalidade e do seu traballo sempre se mesturaron. "Foi moitas cousas ao mesmo tempo, por exemplo, arquitecto pero un arquitecto outsider, ao seu xeito", engade Patiño.
A decisión de abandonar a pintura como actividade principal foi un novo exemplo da coherencia que caracterizou a traxectoria de Díaz Pardo. O máis fácil era seguir cun traballo que lle proporcionaba un modo de vida e que moitos gababan, pero Isaac elixiu, coma adoitou facer sempre ao longo da súa vida, o camiño máis difícil, e emprendeu un traballo no que se mesturaban a cultura, a industria, a política e moitas cousas máis. O resultado final foi a construción dunha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da historia recente de Galicia. Sen dúbida é algo moito máis valioso para o conxunto da sociedade que o que podería ter conseguido se seguise o camiño máis doado.
Nunca saberemos o tipo de artista no que se tería convertido Díaz Pardo se tivera continuado coa pintura coma actividade principal. O que está claro é que seguramente Galicia non contaría co gran legado de Sargadelos que deixou tras a súa morte. "Oxalá houbera cada século cen homes coma el en Galicia", di Antón Lamazares, un dos pintores galegos máis representativos das últimas décadas: Na mostra Pinturas e fracasos, celebrada hai un ano en Santiago, o propio Díaz Pardo ironizaba sobre a súa vida e explicaba por que quería amosar de novo as obras pintadas moitos anos antes: "Como os fracasos non se poden expoñer nunha sala, decidín expoñer estas pinturas que foron quedando".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.