Torrente, oculto tras as máscaras
Gonzalo Torrente Ballester naceu en Serantes, preto de Ferrol, aínda que semella que o formaron máis os libros que a natureza. Desde logo na súa obra non parece haber influenza significativa da natureza ou do mundo rural. Pola contra, ten os seus límites no mundo civilizado e urbano. O tema de gran parte da súa obra máis que a vida da xente son as ideas estéticas. Os protagonistas das súas obras sempre falan nun interior. Diriamos que a súa obra trata precisamente dos límites do humano e que é a obra dun escritor intelectual e aínda culturalista.
O seu avó Eladio tutelou as súas primeiras lecturas até que, con 17 anos, vai estudar Dereito a Oviedo, onde tiña familia, e alí o lector comeza a facerse escritor nas páxinas dun xornal local. Volve coa súa familia, que se traslada a Vigo e logo a Bueu (o mundo que ve alí aparecerá ben anos máis tarde no ciclo Los gozos y las sombras). Con todo, a súa verdadeira biografía transcorre nas lecturas: Joyce, Rimbaud, Proust, Dos Passos e tamén ao tótem intelectual do momento, Unamuno. Mais Unamuno, tan desmesurado e dramático, non canxa ben co espírito apolíneo e moderno do mozo Gonzalo, que se somete á influenza da gran figura intelectual do momento, Ortega y Gasset (quen tamén veraneara en Vigo e Bueu). A Ortega frecuentouno nas lecturas e nas aulas, viaxando a Madrid, onde tamén se achegou aos faladoiros dos cafés, onde viu a Valle-Inclán. Neses días madrileños colabora nun xornal anarquista, La Tierra. De volta en Ferrol era un home casado, impartiu aulas nunha academia e foi alí onde, da man de Ricardo Carballo Calero, se afilia ao Partido Galeguista. Era 1934. A que rematou a carreira conseguiu unha praza de profesor de Historia na facultade de Filosofía e Letras de Santiago en 1936. Continúa afiliado ao PG e mesmo é o encargado local da propaganda.
Aterrorizado polos republicanos asasinados, acaba entrando na Falanxe
Vencido pola historia, só fica a melancolía que destila esa ironía tan súa
En 1934, da man de Carballo Calero, ingresa no Partido Galeguista
Encontrámonos pois cun home novo, casado e pai de tres fillos que leva dous anos afiliado e con responsabilidades políticas nun partido nacionalista e republicano. É un intelectual que vive o seu tempo con plena conciencia. Ese home vai vivir a terríbel traxedia e o dilema que afrontaron daquela todos os españois, vai ver como a historia o alcanza con toda a forza. É un momento clave na historia de Gonzalo: de non ser a sublevación do 36, Torrente tería sido previsíbelmente un político republicano galeguista ou, máis probábelmente, un escritor en lingua galega. Porén, a súa vida resultou ben distinta.
Torrente Ballester é un autor lido a través dun prisma, un cristal que o desdebuxa e o desloce. A figura que finalmente nos deixou foi a dun avoíño retranqueiro que contaba historias curiosas e cheas de imaxinación. Iso é minusvalorar a un home moi intelixente, culto e a un potente intelectual con talento literario, enerxía e carácter. Esa imaxe naif é un malentendido provocado polo propio autor, debido ao difícil que resulta explicar ás xeracións posteriores os pasos que cada un deu naquel 36 tan cruel. Torrente comprendeu que a sociedade española non tiña a coraxe de intentar comprender o que se viviu e que prefería que lle contasen un conto. Foi así que, a este respecto, resumiu que ficara aterrorizado polos asasinatos de republicanos cometidos polos franquistas e seguindo o consello das súas tías ingresou en Falanxe.
En esencia así foi, mais a cousa debeu ser máis complexa e madurada. Pois aínda que o golpe ocorreu estando el en París, foi tema divulgado pola prensa de toda Europa. Gonzalo tivo tempo de informarse dos feitos e de comprender na distancia que a ameaza que levaba pairando sobre España desde había meses á fin se realizara. E sen dúbida, tras as informacións e as conversas alí, chegou a unha conclusión: a sorte estaba xogada e o río da historia estaba cos militares nacionalistas sublevados. Como pesou nel o saber a sorte dos irmáns galeguistas fusilados, fuxidos, presos, non o podemos saber. Non sabemos como argumentou o paso dun nacionalismo galego republicano a un nacionalismo español fascista, porque un intelectual intelixentísimo como era á forza tivo que xustificarse intelectualmente ante si propio.
Deu o paso, ademais, cun compromiso total. No ano 37 dirixe o boletín ferrolano da Falanxe e así coñece aos intelectuais falanxistas encargados da propaganda e que entón vivían arredor do xeneral Franco en Burgos. Baixo a protección de Serrano Súñer, Dionisio Ridruejo dirixía un grupo do que formaban parte Laín Entralgo, Aranguren, Tovar, Moure Mariño, Luis Rosales, Carlos Alonso del Real... Torrente integrouse naquela vezosa irmandade intelectual masculina que xa empezaban a planificar o futuro.
E tras a guerra e a destrución, coa maioría dos intelectuais e escritores españois exiliados na América, Torrente é moi consciente da pobreza intelectual da situación. Pódese dicir que comeza a planificar con certo método o panorama literario, publica libros que supoñen as bases da literatura castellana no franquismo, Siete ensayos y una farsa, Panorama de la literatura española contemporánea ou Teatro español contemporáneo. Podemos imaxinar que ese Torrente que vive na nova corte madrileña asumiu internamente ser o árbitro do futuro teatro español e exercía ese papel desde o xornal oficial Arriba. O paradoxal e triste é que detrás desa autoridade crítica hai un autor teatral non representado. Na primeira década da posguerra editou sete obras teatrais, mais ningunha chegou ás táboas. Debeu ser duro e amargo para un autor tan consciente da súa valía. Un escritor tan autoconsciente, realmente poucos escritores españois encarnan dunha forma tan plena, e tamén tan dramática, a figura do "home de letras".
A familia non para de medrar e procura constantemente ingresos. Neses anos publica numerosos artigos e libros argumentando o fascismo e o pensamento reaccionario. O intelectual asume a súa responsabilidade e teoriza o novo estado, tamén teoriza a nova arte; deberamos procurar, xaora, as pegadas desa ideoloxía na súa obra literaria. Hainas? Hainas desde logo no Javier Mariño na súa edición orixinal. Doutra banda, desde mediados dos cincuenta eses camaradas seguen a traxectoria de Dionisio Ridruejo, que evoluciona desde o fascismo puro cara a posicións liberais fóra do franquismo. E en 1962 Torrente foi expulsado da súa praza de profesor na Escuela de la Guerra Naval por asinar unha carta na que se pedía información sobre a represión dunha folga de mineros asturianos. Tras un desapego do Réxime veu a caída en desgraza e a expulsión repentina dun paraíso. Viuse nunha situación profesional e personal moi difícil. En 1964 ocupa a praza de catedrático no instituto feminino de Pontevedra. Desde o 66 imparte aulas nunha universidade norteamericana e desde o 72 recala en Madrid, Vigo e finalmente Salamanca. Aí morreu en 1999.
Torrente nun momento da súa vida cambiou o galego polo castelán e o bando dos perdedores polo dos gañadores e, así e todo, non tivo a sorte que ansiaba e que merecía. Escritor raro, intelectualista, non tivo éxito como dramaturgo primeiro e non gozou tampouco da calor do público coas súas novelas. Non viu o éxito até o 72 con La Saga/fuga de J.B., unha frondosa fantasía que recrea os mitos célticos galegos. E gañou ao público masivo definitivamente cando se adaptou á televisión Los gozos y las sombras, ambientada e rodada na Galiza. De seguro que el valoraba máis outras obras, o Don Juan ou Off-side, libros potentes, malia que onde aparece el retratado e onde se resume toda a súa poética é no protagonista de Los gozos, ese Carlos Deza de espírito delicado, un intelectual impotente vencido pola forza dos homes de acción. Vencido pola historia, só fica a melancolía, a melancolía que destila esa ironía tan súa.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.