_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A imaxe exploradora

Unha nova promoción de cineastas sitúase á marxe da industria e obtén recoñecemento no exterior - Un ciclo en Pontevedra xunta os seus traballos

Á marxe da narración liñal, da produción industrial de imaxes e das convencións visuais, dos actores profesionais, existe vida. Un outro cinema ábrese paso a forza de cuestionar os lugares comúns, escapar da mirada televisiva, explorar fóra de campo. O que era un segredo máis ou menos a voces rebentou a pasada primavera, cando o filme Todos vós sodes capitáns, de Óliver Laxe (París, 1982) e financiado con 30.000 euros dunha axuda ao talento, foi premiado no Festival de Cannes. Un ciclo percorre en Pontevedra, cada venres até o 3 de decembro, as propostas que ofrece a vangarda do cinematógrafo en Galicia.

"Este cinema é, sobre todo, froito dun tempo e dun cambio no medio brutal", considera Xurxo González (A Guarda, 1973), cos críticos Martin Pawley e José Manuel Sande, comisario das xornadas Novo cinema galego. A metamorfose no consumo da imaxe, o abaratamento das tecnoloxías de gravación, a facilidade para o acceso á historia do medio e ao arquivo mundial de obras, están a producir unha mudanza de paradigma. "Por primeira vez", engade González, "o que fan os cineastas de aquí non o fan a destempo, son contemporáneos ás vangardas de todo o mundo".

O traballo de Alberte Pagán foi a "pedra de toque" destas propostas
Pawley: "Deberiamos pensar por que estes directores se forman fóra"

O traballo heterodoxo de Alberte Pagán (O Carballiño, 1965), militantemente autoxestionado, radicalmente político e experimental, foi a "pedra de toque" deste cinema exterior. Recoñecido co premio de ensaio cinematográfico Román Gubern por Pó de estrelas (2007), Pagán rodou en Nicaragua, Zimbaue ou Arxentina sen concesión á convencionalidade. E anticipou varios dos elementos que, ao dicir de José Manuel Sande (A Coruña, 1972), partillan os novos cineastas galegos. "Hai unha ollada ao universal que nunca esquece o local", arrisca.

Os exemplos resultan gráficos. A curtametraxe 1977, de Peque Varela, "foi a primeira representación cinematográfica do barrio de Caranza, e viaxou ao festival de Sundance". Arraianos, de Eloy Enciso (Meira, 1975), adapta unha obra de teatro de Jenaro Marinhas del Valle, pero faino inspirado nos métodos dos cineastas franceses Jean-Marie Straub e Danièle Hullet. "O de Enciso vai ser un dos títulos importantes do ano que vén, seguro", aventura Martin Pawley. N'O proceso de Artaud, Ramiro Ledo (Lugo, 1981) reensambla imaxes d'A paixón de Xoana de Arco de Dreyer e as actas da expulsión de Antonin Artaud do grupo surrealista para reflexionar sobre a idea de xustiza ou sobre as fendas do proceso de montaxe.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Amais, o novo cinema galego está rodado en galego, e tamén en árabe, en inglés, en alemán, en castelán. "Existe un cosmopolitismo alleo ao anterior ensimismamento dos filmes que se facían aquí", explica Sande, tamén programador no Centro Galego das Artes da Imaxe. Refírese ao cinema industrial realizado en Galicia, segundo a súa opinión unha ramificación da cinematografía española. "Non se podía falar propiamente dun cinema galego", engade.

Martin Pawley debulla as diferenzas entre o que pasaba e o que pasa. "A maioría destes directores formáronse fóra", sinala, "o que nos debería facer pensar sobre as escolas de imaxe de aquí, sobre as facultades relacionadas co audiovisual que aquí temos". Nunha hipotética taxonomía, Xurxo González suma aqueles que proceden doutras artes: a autora de Cousas de Kulechov, Susana Rei, estudou Belas Artes; Lara Bacelos vén da literatura e refuga a ficción consensual; Claudia Brenlla, cuxa curta Bata por fóra recibiu galardóns, aprendeu o oficio a partir das sesións do Cineclube Lumière de Vigo.

Entre Ángel Santos, que con O cazador figurou entre as melloras pezas curtas de 2008 para Cahiers du cinèma e ultima a súa longa Dos fragmentos/Eva, e Tras las luces, en que Sandra Sánchez relata dous anos que pasou con feirantes portugueses, esta promoción de directores abranxe todas as prácticas fílmicas modernas: o diario, o caderno de viaxes, o ensaio, a autorrepresentación, a reciclaxe. "Esta xente ten uns referentes de luxo", sintetiza Sande. E Martín Pawley fía esta explosión á curiosidade polo cinema. "É que non se pode facer cinema se o último que viches foi unha de Sam Peckinpah". Porque a modernidade segundo Pawley, son o tailandés Apichatpong Weerasethakul, última Palma de Ouro, o filipino Raya Martin ou o iraniano Abbas Kiarostami. "Os novos cineastas galegos interésanse polo que acontece noutras partes do mundo, iso é clave", finaliza.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_