Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Máis realismo vestido de domingo

O Marco de Vigo presenta obra inédita do fotógrafo Virxilio Vieitez nunha ampla retrospectiva - Hai 13 anos que a súa filla deu a coñecer as imaxes do de Soutelo

Pili Lavandeira contaba 12 anos aquel día de 1967 en que o fotógrafo veu retratar a carnicería de seu pai. A pequena casa de pedra a carón da igrexa parroquial de Cerdedo fora reformada había pouco tempo, mais cumpría aproveitar a vinda de Vieitez á vila, porque o home andaba toda a bisbarra de Terra de Montes coa súa profesión, pilotando unha Vespa ou conducindo un Seat 1500. "Era moi moreno e sempre levaba unha cámara ao ombro; daquela meu pai chamárao para que quedara o recordo", lembra a muller. Perante o fotógrafo que documentara todos os momentos importantes da familia, ao redor do mostrador do estabelecemento posaron todos para Virxilio Vieitez: a mociña subida a un escano nun estremo e seu pai, Monso, noutro. No medio, a báscula e os avós. Monchiño, o irmán pequeno, diante, apretando os beizos. Serios, ríxidos, mergullados naquel rito case máxico que detía o tempo.

"Dotaba de gravidade calquera situación", di a comisaria da mostra

Keta Vieitez: "Nunca pensou en que o seu traballo puidese ter segunda parte"

"Sen ser labrego, retrata ese mundo sen pintoresquismo", explica Sendón

O pintor Maside detectou nestes fotógrafos a pegada do Románico

Esta pasaxe extraída dun álbum íntimo está á vista, desde hoxe, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), dentro da retrospectiva dedicada á obra de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, 1930-2008), comisariada pola experta italiana Enrica Viganò. A mostra poderá visitarse no museo de Vigo até abril de 2011, despois viaxará á Fundación Telefónica en Madrid antes de iniciar unha marcha itinerante, e está acompaña dunha extensa programación didáctica para escolares e público máis familiar.

Desde a primeira exhibición pública do traballo de Vieitez, organizada pola súa filla Keta en Soutelo de Montes, en 1997, até esta do Marco, a novena exposición individual dunha figura xa consagrada, os retratos feitos por encargo, como toda a súa produción, seguen entrando nos museos como fenómenos insólitos. Esa "capacidade para dotar de gravidade calquera situación e maila súa determinación á hora de impoñer a mirada" son, segundo Enrica Viganò, os eixes do traballo de Virxilio Vieitez, de cuxa obra quedou prendada hai máis dunha década cando reparou no agora célebre retrato de Dorotea de Cará (1960), case abrazando o aparello de radio mercado cos cartos enviados polo seu fillo emigrado.

"Aínda que nunca pensou en que o seu traballo puidese ter esta segunda parte, el sempre tivo conciencia de ser diferente. Nunca aceptou facer fotos que el non vise, por iso se impuña, ordenaba e facía o que lle petaba. Ao mesmo tempo, era un ser elegante e amábel a quen o oficio, que lle permitía gozar da vida social, lle acaeu perfectamente", reflexiona Keta. Iso non evitou que, de cando en vez, algún cliente lle dese coas fotos nos fuciños. "Tenmo contado miña nai", comenta, "el dicía que se as personas non se recoñecían ou se gustaban nas fotos, o traballo fracasaba". O tránsito do traballo profesional á obra de creación tamén ten fascinado á crítica. "O seu oficio se transforma en arte a través dunha análise posterior, que lle recoñece a Virxilio Vieitez o carácter artístico e autorial do seu estilo, cifrado nas súas seleccións visuais e na súa busca constante", explica Vigarò.

Durante toda a súa vida profesional, foi o fotógrafo por definición da vida social da contorna. Ese é o Virxilio mais coñecido, mais tamén fixo fotos para partes de seguros, pleitos xudiciais ou por encargo dos cregos da bisbarra. Convencida da pervivencia da obra do pai, coa que se relaciona como "reveladora do segredo", como lle chamou unha espectadora dunha exposición parisina de Vieitez, Keta e Vigarò revisaron moreas de latas de aluminio cuns 50.000 rexistros inéditos e volveron sobre o material, unhas 7.000 tomas, coas que se deu a coñecer ao fotógrafo. "Meu pai deume liberdade total sobre o seu arquivo, un privilexio. Decidín abrir un pouquiño a fiestra para demostrar que hai outras paisaxes máis amplas como, por exemplo, o mar", di Keta, quen calcula que pode quedar outro tanto por descubrir. Efectivamente, o mar en cores aparece esta volta na mostra do Marco nunha escolma de fotografías datadas a partir de 1970. A revolución da cor entra na obra de Vieitez para relaxar expresións, debuxar sorisos e salientar elementos decorativos. A comisaria interpreta que "non é el quen cambia, senón a sociedade, que perde aquel comportamento reverencial cara ao fotógrafo". Vigarò anota que o estilo de Vieitez permanece coa cor: "son as mesmas poses, acontece que se pasa da rixidez á amplitude dos detalles".

A casualidade quixo que, ademais dos seus veciños, entre os visitantes daquela exposición autoproducida de Soutelo de Montes en 1997 estivese o fotógrafo e comisario artístico Manuel Sendón, quen deseguido apreciou o valor histórico e autorial que Keta Vieitez atopou na obra fotográfica do pai. A Fotobienal de Vigo, ao ano seguinte, ofreceu a primeira retrospectiva do soutelano comisariada por Sendón e o seu colega Xosé Luís Suárez Canal. Despois de viaxar por Galicia e España, Vieitez presentouse en París (1999) e en Ámsterdam (2003). A chiscadela do escritor vilalbés Ramón Chao na Galería Vu da cidade do Sena, asegurando que se recoñecía de cativo nunha das fotos que representaba un neno subido a unha Vespa, quedou reflectida na prensa como anécdota verdadeira e demostra até que punto Vieitez consegue a identificación do espectador.

"Virxilio é un caso único. Sen ser labrego, demostra coñecer ese mundo á perfección e retrátao sen rastro de pintoresquismo, sen o costumismo do fotógrafo urbano colonizado, sen superioridade e con respecto. Cómpre ser moi sutil para acadar esa profundidade", valora Sendón, quen salienta o dominio da luz natural de Vieitez para convertir a natureza en escenario e mesturar elementos excepcionais no cotián. "A realidade en traxe de domingo", como definiu o antropólogo Marcial Gondar nun monográfico sobre o retrato editado polo Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. "Hai un desprazamento do espazo discursivo para abordar a produción de Vieitez en clave de artista. Posto que é un material originado por encargos, o termo obra non se pode aplicar nun senso moderno; si que se pode falar dun discurso configurado desde certa definición estética e aí é onde reside o principal consenso", apunta Sendón.

Alén de todas as excepcionalidades recoñecidas en Vieitez, o soutelano comparte con outros fotógrafos rurais os trazos sintetizados polo pintor Carlos Maside no seu ensaio En torno a la fotografía popular (1951), que continúa a ser un referente para os estudos desta vertente histórica: "Verticalidade, frontalidade, simetría, aúnanse en perfecta coherencia e imprímenlle o seu carácter hierático. Mais, non só o perfil de esguello: o aceno, o xesto están suprimidos; toda actitude naturalista, toda sensación de movemento, de instante, de tempo, foron eliminados". Maside vai máis aló e, antes de comparar as fotografías de quen el chama "artesáns anónimos" con formas artísticas propias do antigo Exipto e do período Románico e mesmo coa intención creadora de pintores como o holandés Van Eyck ou Velázquez, detecta certa "vontade expresiva máis profunda" nunhas características que xa non só puideron deberse a "simples esixencias prácticas".

A exposición Pano de Fondo, actualmente aberta ao público no Centro Social Caixanova de Pontevedra coproducida pola Obra Social da entidade e o Centro de Estudos Fotográficos, é, a grandes rasgos, outra aplicación práctica destes principios nos traballos de Ramón Caamaño, na Costa da Morte, os irmáns Chao en Ribadavia, Pedro Brey no Val do Ulla, José Moreira no Porriño, o estudo vigués da saga Pacheco e o lucense Maximino Reboredo, entre outros.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 22 de octubre de 2010