Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:VÍCTOR CAMPIO | Poeta | Luces

"Habería que pensar por que non hai máis poesía comprometida"

Dacabalo entre os poetas da esvaída promoción de enlace -Luz Pozo, Cuña Novás, Rey Romero ou Antón Tovar, o poeta "máis profundo" que coñeceu- e o socialrealismo primeiro da xeración de Manuel María ou Novoneyra, a obra completa de Víctor Campio (Garabás, Maside, 1928) foi compilada polo Pen Clube a finais do ano pasado.

O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006, con prólogo de Manuel Outeiriño, serve para recuperar o intimismo dolorido dun poeta que nunca pensou en publicar. En 1979 regresou a Galicia despois dun cuarto de século de mestre en Castela e Levante. "O de escribir, se coincide, ben. Pero nada máis".

Pregunta. En 1987 publica a súa primeira obra, O ar que nos leva. É significativo?

"Vivir de costas á realidade é vivir cun mesmo, cos teus ollos"

"Nunca tiven moita gana de publicar. O poeta ten que ser un solitario"

Resposta. Eu son esencialmente un poeta de circunstancias, non de oficio. Escribín sempre ao meu aire, e son un home máis ben solitario. Ademais, para escribir en galego había que ter certas motivacións, ser empuxado por alguén... Por xeración pertenzo á xeración dos poetas que naceron sobre os anos 20, de Faustino Rey Romero a Antón Tovar, pero non tiven relación con eles. No primeiro libro que escribín, O ar que nos leva, hai poemas dos 50, pero non os publiquei ata entón. No franquismo puro e duro marchei a Castela e volvín no 1979; nin pensaba publicar. Desconfío un pouco das correntes literarias, dos xuízos estéticos e, sobre todo, da tentativa ao poder.

P. Por que mudou de opinión?

R. Cando cheguei aquí trabei amizade co poeta Xosé Conde, que viviu corenta anos na Arxentina antes de voltar. Morreume a muller, que tiña moito interese en que publicase, e ao coñecer a Conde acaboume de convencer. Por iso saíu tan serodiamente. Fíxeno por homenaxe á miña muller, e influído por Xosé Conde.

P. Non é que empuxase para conseguir.

R. É que eu nunca tiven moita gana de publicar. Penso que o poeta ten que ser unha persoa solitaria, e vivir de costas á realidade. Vivir consigo mesmo e cos seus ollos. O de escribir, se coincide, ben. Pero nada máis.

P. Séntese continuador da poesía civil galega?

R. Supoño que si... Cando deixei a aldea, en Garabás (Maside), viñen ao seminario, onde me atopei con Faustino Rey Romero. El inicioume na literatura. Estábanos prohibido ler, xa non che digo en galego, pero o feito é que Faustino conseguía libros. Un día sacoume do xergón da cama Aires da miña terra, e Bécquer... A Generación del 27 non existiu para min ata que saín dalí. A Celso Emilio, fundamental, coñecino en Madrid, antes de voltar a Galicia. Ao pouco de chegar, morreu.

P. Ademais da poesía civil están as referencias á poesía clásica de Can perdido, e a lírica transcendental dos poemas de homenaxe a Manuel Vilanova.

R. Son facetas da vida... Son fiel á poesía clásica porque me formei nela, pero tamén me interesa a métrica libre. A poesía civil, nos primeiros poemas que escribín, alá polos 50 ou 60, está un pouco encriptada... Son poemas de rexeitamento do franquismo escritos baixo a censura, e hai que coñecer as claves... Eu penso que todo poeta debe ser un revolucionario, e estar en contra do poder, porque o poder é a antítese da poesía. Por iso a min me gustaba tanto Celso Emilio. Era un poeta civil e lírico.

P. Bota en falta aquel peso de Celso Emilio no discurso cultural do país, zorregando aquí e acolá?

R. Eu daquela non estaba... Coñezo aqueles poemas contra Franco, aqueles tres sonetos que circulaban nos cafés de Ourense contra o director da revista Poesía, que era franquista. Eu linos, pero nunca máis os volvín ver.

P. Case chegou a publicar poemas na revista Xente Nova, con Fernández Ferreiro.

R. Eran os 50, despois de vir do servizo e antes de marchar... Facíamos unha tertulia no Zarampallo onde tamén se falaba de política, pero aquilo era moi difícil. Fernández Ferreiro era o capitán, estaba Manuel de Dios, director da Coral de Ruada, Alfonso Pazos, Serafín Gómez Pato, Corral Díaz, despois chegou Antón Tovar, que leu alí os primeiros versos da súa vida. Quedamos asombrados.

P. A peripecia daquela revista resume a qué podía aspirar a cultura galega naquela altura...

R. A revista era bilingüe, pedíramoslle artigos a Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas... Despois tamén contamos con xornalistas como Francisco Alonso... e despois nós. A maior parte era en castelán, e conseguíamos o diñeiro dos comercios. Só nos faltaba o prace do censor oficial, e foi entón cando tivemos que ir falar con Miguel Riestra, que nos dixo que non se podía pronunciar porque non sabía galego. Entón Serafín díxolle que tiña na casa unha gramática e un dicionario moi bo, e que llos prestaba. "Vengan dentro de 15 días", díxonos. Ao día seguinte fomos á tertulia e xa rápido nos empezamos a poñer serios. A todos nos viñera a policía á casa. Á miña non viñeron, pero interrogaron á cacharreira, que vivía debaixo... Quen era eu, de que vivía, o típico. A revista acabou inédita. Quixemos devolver os cartos, pero a maioría da xente non nolos quixo.

P. En Marrocos coñeceu a Sánchez Ferlosio, que lle prestou a primeira versión do Alfanhuí.

R. Saía do seminario e, de súpeto, estaba de quinto nos regulares de Tetuán. O de Sánchez Ferlosio... Eu estaba lendo ao colombiano Vargas Vila, que estaba prohibido na Península, e alá chegou el co pelo rapado a preguntarme qué estaba lendo. Tampouco lle gustaba Faustino Rey Romero, só lle gustaban os sonetos de Antonio Machado, dicía... Era raro. Poeta non era, senón filólogo. Escribíase con Cela, anque despois souben que non se podían ver, e sobre todo coa moza, daquela Carmén Martín Gaite. Como non tiña diñeiro porque se levaba mal co pai, o ministro Sánchez Mazas, deixabámoslle cartos para enviar telegramas tan breves como "angustiado sin carta. Telegrafíame. Te quiero. Rafael". Eu estaba de mestre na Academia de Analfabetos, ensinando aos soldados. Quíxeno meter comigo, pero el [ri] non soportaba aos analfabetos.

P. Despois dun cuarto de século en Castela e Levante, custoulle recuperar o idioma?

R. Hai que loitar contra a palabra, ese é un traballo enorme. A min váleme a palabra de Garabás. Fíxome moito, neste sentido, na obra de Vilanova e no último poemario de Tosar.

P. Trátase de ser poeta fatal, artesán da poesía ou o compromiso é outra cousa?

R. Hai que comprometerse coa palabra poética. É o que aprendín de Celso Emilio. Haberá poesía comprometida mentres haxa uns pais que lle queiran dar unha miga de pan a un neno e non teñan con qué. Tendo en conta cómo está o mundo, habería que pensar por qué non hai máis poesía comprometida. Por suposto, non se poden dicir as cousas, senón insinualas.

P. Por entre toda a dor, tamén é como se cantase o bo da vida en xeral.

R. A faceta cívica sempre está aí; cando xorde a metafísica, esquéceste de todo. Máis ben diría, nese sentido, que me apoio na poesía existencial. Na miña aldea non había guerra, pero chegaban as cartas dos que morrían nela. A miña nai abrazábase coas viúvas e eu quedaba na habitación, pero vía a cara do espanto a través das fendas.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 6 de marzo de 2009