_
_
_
_
Reportaje:LUCES | A AVENTURA DA ESCENA

Petando nas portas do éxito

Unha fornada de novos actores pide paso en Madrid nas series de televisión e no cinema

Cástins, teatro universitario, axencias de modelos ou actuacións nos bares. Case todo vale para buscar a vida e intentar saír adiante no mundo da interpretación. Durante anos, en Galicia os actores forxáronse sobre as táboas do teatro, primeiro afeccionado e logo precariamente profesional, ou posteriormente buscando unha oportunidade co nacemento da televisión galega.

Case trinta anos despois, os mecanismos semellan ser case os mesmos, coa salvedade de que agora xa hai Escola Superior de Arte Dramático, e tamén existen unha chea de televisións en Madrid que están a virar a cabeza cara o noroeste na procura de talento galego para as novas ficcións.

"Ser contacontos polos bares abriume a primeira porta e foi a miña forma de vida"
Todos teñen en común intentar meter a cabeza nun oficio con moito brillo de cara afora

A viguesa María Castro, coñecida para o grande público en Galicia pola serie Pratos Combinados, é un deses exemplos. "Eu estudiaba no INEF, e estaba anotada nunha axencia de modelos, ata que me chamaron para un cástin, e resulta que me colleron. Tiven sorte, porque non é normal que te escollan á primeira", explica Castro. Tras ese cástin rodou 80 capítulos da serie Avenida de América na TVG, despois fíxose célebre en Pratos Combinados, e agora estase facendo unha actriz habitual nas series de ficción que se están a rodar en Madrid. Primeiro na serie xuvenil SMS, que a factoría Globomedia produciu con éxito para a Sexta, e agora será unha das protagonistas dun serial diario titulado Sin tetas no hay paraíso, que Tele 5 estreará en xaneiro, e no que a actriz ten depositadas moitas expectativas.

Cando soubo que ía haber Escola de Arte Dramático en Galicia, presentouse ás probas e, desta volta, tamén volveu pasar a selección, só que había un problema: "A carreira ten unha condición, que para aprobar é imprescindible asistir, co cal tiven que renunciar". Anteriormente, na serie Pratos Combinados, tivo a oportunidade de traballar con algúns dos actores galegos máis veteranos e máis populares de Galicia, como Ernesto Chao, Antonio Durán Morris, ou Mabel Ribera, e "esa foi a miña gran escola, cuns grandes actores cos que aprendín moitísimo", confesa.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Entre cástin e cástin pasou tamén parte da súa vida Ricardo de Barreiro, un actor bregado contando historias no afumadoiro dos bares, en pequenas colaboracións en programas de entretemento, no teatro ou nas curtametraxes. Logo de ir moitos anos de proba en proba, estánselle empezando a abrir as portas no cinema con directores da talla de Gracia Querejeta ou José Luis Cuerda. Con actrices como Blanca Portillo ou Maribel Verdú acaba de compartir secuencias en Siete mesas, a película que Querejeta estrea estes días no Festival de San Sebastián, e tamén foi escollido para outro papel en Los girasoles ciegos, o filme que Cuerda está a rodar en Ourense. Ademais acaba de rodar varias secuencias en Pradolongo, unha cinta do director galego Ignacio Vilar.

"Ter estado de contacontos polos bares abriume a primeira porta e foi a única forma de vida que tiven durante un tempo, pero a miña gran escola na ficción foron as curtametraxes, por iso lle estou agradecido ós curtametraxistas", explica este actor de Noia. De feito, Barreiro leva participado nada menos que en 15 curtametraxes, e ten levado premios en varios festivais.

A devoción que Ricardo de Barreiro mostra polos curtametraxistas ten a súa razón de ser. O actor fixo un video-book cunha selección das súas mellores secuencias nas curtas e empezouno a enviar a produtoras de Madrid. Durante dous anos enviaba copias a toda canta produtora e directora de cástin había. Ata que por fin recibiu unha chamada. Pero non era unha chamada calquera, era a chamada de Luis San Narciso, o director de cástin mais prestixioso de España, a persoa á que lle confían os cástins Amenábar ou Almodóvar, por exemplo. "Cando me chamou Luis San Narciso veume Deus a ver, aínda hoxe non sei porque este home se fixou en min, pero estoulle moi agradecido", explica ilusionado este actor que acaba de facer varios capítulos episódicos da serie Los hombres de Paco, producida por Globomedia, a factoría para a que San Narciso traballa en exclusiva no eido da televisión. Barreiro soña con facer algún día unha película con Médem ou Almodóvar, pero mentres tanto segue traballando "rabuñando secuencia a secuencia", e preparando as probas para as películas co seu bo amigo Tamar Novas.

Case se podería dicir que o rival directo de Barreiro en Galicia é o seu amigo Xulio Abonjo. Porque teñen idades moi semellantes, e porque case sempre optan ó mesmo papel nos cástins. A carreira de Abonjo ten moitas similitudes coa de Ricardo de Barreiro: o teatro, as curtametraxes e, sobre todo, ser compañeiro del na axenda de Luis San Narciso, o cal lle valeu para obter, polo de agora, algúns papeis en series tan coñecidas como El comisario. Abonjo chegou desde Pontevedra a Santiago para estudiar historia, pero acabou metido a actor na Aula de Teatro da Universidade. De aí pasou ó Centro Dramático Galego, e posteriormente deu o salto á televisión coa serie Galicia Express. Agora será un dos protagonistas de Cuestión de sexo, unha das grandes apostas da ficción española, que Cuatro estreará o vindeiro martes, e na que Abonjo compartirá cartel, entre outros, con Guillermo Toledo, ou coa tamén galega Pilar Castro.

Desde hai un tempo, Abonjo ten unha representante en Madrid que lle avisa dos cástins e negocia os seus contratos, algo que antes facía el directamente ata que se deu conta que "non podía estar antes nos despachos e despois gravando a serie". Aínda así, logo de duras xornadas de gravación de 10 ou 12 horas, a Abonjo aínda lle quedan folgos para facer teatro as fins de semana en Galicia, coa súa compañía Bacana. Coma este fin de semana, que estará en Santiago coa obra Hendaya mon amour, que el mesmo escribiu e produciu. "Espero que cando se emita a serie nos contraten mais, aínda que sexa un pouco triste que a xente veña por saír na tele, e non polos contidos da obra, que creo que son bos", explica. Polo de agora, levan unha dúcia de actuacións, "que son bastantes para Galicia, pero do teatro é case imposible vivir".

Entre os teatros de Galicia e os platós de Madrid vive tamén Sara Casasnovas, unha das actrices galegas cun futuro mais prometedor. Casasnovas é unha das protagonistas de Amar en tiempos revueltos, unha serie que seguen unha media de dous millóns de persoas na sobremesa de Televisión Española. Logo de maratonianas xornadas de plató nas que despacha follas e follas de texto, as fins de semana acostuma a vir a Galicia, onde segue facendo teatro coa obra Romeo e Xulieta. Formada en dúas das principais escolas privadas do país, Casa Hamlet na Coruña e Espacio Aberto en Santiago, despois de cástins, curtametraxes ou series como Miña sogra e máis eu ou Maridos e mulleres, Sara Casasnovas está a tocar o éxito en Madrid. "Hai que traballar un pouco mais, traballar de seis a seis, pero pódese dicir que estou felizmente cansada", confesa desde o plató nun descanso na rodaxe.

Ademais de Casasnovas, Abonjo, Barreiro ou María Castro, en Madrid tamén están a facer o seu oco outros actores novos galegos como Ledicia Sola ou Martiño Rivas. Todos seguen a estela de xeneracións anteriores nas que estaban actores como Manuel Manquiña,Víctor Mosqueira, Sonia Castelo ou Luis Zahera. Uns antes e outros despois, todos teñen en común un xeito de buscar a vida e intentar meter a cabeza nun oficio con moito brillo de cara afora, pero moi curtidos nas camisolas empapadas de suor, nos bocatas de salchichón xantados nas curtametraxes, de contar historias entre o fume dos bares e de moitos cástins escoitando "que pase o seguinte". Agora é o seu turno: os seguintes son eles.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_