"Crear novos públicos para a danza é un labor moi lento"
A creación do Centro Coreográfico Galego (CCG), hai menos dun ano, estivo marcado pola polémica trala desaparición do ballet Rey de Viana, que durante décadas ostentou a representación da danza galega dentro e fóra do pais. A directora do CCG, Natalia Balseiro (San Sadurniño, 1974), semella satisfeita do traballo realizado nestes primeiros meses nos que o proxecto botou a andar e acadou o seu primeiro éxito coa xira de Vacuo, unha producción dirixida pola coreógrafa Maruxa Salas que amosou unha nova imaxe da danza galega que pode consolidarse como a vía a seguir no futuro. De todos os xeitos, o camiño por percorrer semella aínda moi longo. En Galicia hai na actualidade unha ducia de compañías privadas que presentan os seus espectáculos dentro e fóra da comunidade, pero aínda fican eivas como a inexistencia dun gran espacio escénico onde se poidan presentar as grandes montaxes das compañías internacionais. Balseiro é optimista sobre o futuro da danza en Galicia, aínda que advirte que os cambios necesitan tempo e que o labor a desenvolver desde o Centro Coreográfico obterá resultados visibeis a medio e longo prazo.
"O próximo ano insistiremos na formación, tamén para os coreógrafos"
"Vacuo espertou o interese pola danza entre persoas que non se achegaran a ela"
Pregunta. ¿Cales foron as súas principais actividades durante este primeiro ano de funcionamento do centro?
Resposta. Neste tempo básicamente o que fixemos foi poñernos en marcha. Cara o público o máis relevante foi a xira de cinco meses que realizamos coa primeira produción do Centro Coreográfico, Vacuo, que funcionou moi ben ao acadar as 30 funcións e reunir a perto de 10.000 espectadores. Ademáis, a montaxe foi moi ben recebida nas funcións que tiveron lugar fóra de Galicia. Seguramente deste proxecto van saír outros producións no futuro xa que posibilitou que os bailaríns e coreógrafos poidan intercambiar experiencias, Tamén serviu para mellorar a formación dos que participaron na montaxe. Pecharemos as representacións no vindeiro festival de Ortigueira.
P. No seu proxecto inicial fan fincapé no apoio ás coproducións e xá fixeron dúas. ¿Cómo están funcionado?
R. No que se refire ás coproducións non é tan interesante o resultado artístico como a posta en funcionamente de procesos de traballo e permitir ás compañías privadas que poidan estrear as súas montaxes nun espacio escénico de calidade, como é o Salón Teatro de Santiago. Agardamos que estes espectáculos tamén poidan realizar xiras de presentación dentro e fóra de Galicia.
P. Outra das súas prioridades é actuar no terreo da formación. ¿Estase a avanzar no obxectivo de facilitar que os bailaríns galegos non teñan que sair a estudar fóra?
R. Estamos comezando a traballar neste terreo, e esta mesma semana celebramos o noso primeiro curso que impartiu na Coruña o bailarín polaco Janusz Subizc. Cubríronse as 20 prazas disponibles e quedaron moitas persoas en lista de espera. Durante o ano que vén, imos insistir máis no terreo da formación e non só imos dedicarnos a mellorar a técnica dos bailaríns, tamén queremos realizar cursos para coreógrafos. A vindeira semana realízase un obradoiro dentro do festival En Pé de Pedra que tamén conta co noso apoio.
P. ¿Van procurar a apertura de novos espacios para a danza en Galicia?
R. Cando apostamos por unha produción como Vacuo tratabamos de conseguir ese obxectivo. Esta montaxe estreouse en teatros que nunca tiñan programado danza con anterioridade. Tamén estamos a deseñar estratexias de distribución que permitan non só estrear unha peza sénón pór en marcha actividades formativas asociadas a ela. O obxectivo final é que os cidadáns teñan máis información sobre todo o que rodea a danza para que poidan disfrutar máis dun espectáculo. A creación de públicos é un labor moi lento e creo que o feito de realizar presentacións dos espectáculos ao aire libre, como ocorreu con Vacuo, permitiu espertar interese pola danza entre persoas que nunca tiveran a oportunidade de achegarse a un espectáculo destas características.
P. Santiago conta xa cun festival internacional de danza importante como é En Pé de Pedra. ¿Que o que falta para que xurda unha iniciativa semellante noutras cidades galegas?
R. En Vigo xa existe un festival e na Coruña tamén se está a traballar en proxectos interesantes. Pode que algunhas iniciativas aínda tarden algún tempo en saír á luz, pero o certo é que nas cidades hai movementos interesantes asociados á danza.
P. ¿Como se pode facilitar que os nenos entren en contacto cunha disciplina aínda moi descoñecida para eles como é a danza?
R. O que pretendemos nós é facer obradoiros e programas pedagóxicos nas escolas. Estamos en contacto co INEF, con conservatorios privados de danza e coas escolas privadas para permitir aos colexios que soliciten as actividades correspondentes. Hai que procurar que os máis pequenos entren en contacto coa danza na escola.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.