_
_
_
_
Reportaje:Luces

O bo humor (debuxado)

As viñetas ocupan cada vez máis espazo na prensa pero perden relevancia

Adoitan ser consideradas -máis ou menos como as fotografías- como complemento da información periodística, pero moitas veces as viñetas, os chistes dos xornais, son o máis visto/lido/comentado polos lectores. Máis que moitas reportaxes ou columnas. E, quizais ao contrario do que lle pasa a xornalistas e fotoxornalistas, este é un bo momento para os humoristas gráficos de prensa, ou polo menos para o humor gráfico na prensa. Ata non hai moito, cada cabeceira tiña un humorista, como moito dous ou tres. Agora, todos os xornais galegos teñen varios, sexan creadores de viñetas ou ilustradores. O xénero que encarnaron tradicionalmente Castelao ou Álvaro Cebreiro goza de boa saúde, aínda que hai quen pensa que gañou en extensión o que perdeu en intensidade, que o bisturí derivou en coitelo de postre.

Entre os optimistas ou integrados está Santy Gutiérrez. "É o único traballo que tiven, e gaño bastante ben a vida". O seu foi un caso de chegar e encher. "Sempre me gustou debuxar, pero había que estudar unha carreira e fixen Filoloxía Inglesa. Ao rematala, empecei a mandar currículos das dúas cousas". Aos 20 días xa o chamaron de El Correo Gallego para debuxante, para que logo digan do inglés. Iso hai 16 anos e agora publica a diario en cinco xornais galegos, un de fóra e algunha revista, un caso único de negociado en base a un coidado equilibrio para que os territorios de influencia dos periódicos non coincidan. Quizais por iso considera que "este é un oficio moi complicado".

Tamén é optimista, á súa maneira, un clásico como Xaquín Marín, un caso oposto no que a relacións se refire, un cuarto de século de fidelidade cotiá en La Voz de Galicia. "A cousa está bastante ben en canto a autores, hai xente nova boa, os periódicos dánlle espazo ao humor, aínda que sexa menos preferente, e hai varios por cada medio". Claro que hai peros: "Hai moi boa técnica, pero en canto ao humor, hai de todo". Outro debuxante da mesma casa, Kiko da Silva, coincide en que son bos tempos para o humor gráfico, "hai moito debuxante nas redaccións", pero non tanto para o humorista. "Neste país se alguén quere vivir de debuxar ten que se dedicar ao humor gráfico. Pero antes os humoristas traballaban como firmas, como columnistas, e agora ilustran noticias", di este autor, que publica a diario dúas ou tres viñetas.

Niso incide, xa no terreo dos apocalípticos, outro clásico, Pepe Carreiro. "Véxoo negro. Non quero dicir que sexa humor negro o que demandan os xornais, senón que ou non demandan humor ningún ou queren chistes mal pagados. Mudou o humor polo chiste. O que se está a publicar hoxe na prensa galega son chistes, salvo rarísimas excepcións. Fanse grazas, como se a situación estivese para risas. A moitos danlles o tema e a perspectiva desde a que hai que encarar o tema, é dicir, como os bonecos de José Luis Moreno. Mesmo casos de humoristas aparentemente hipercríticos, coma El Roto, non poñen nunca nomes nas súas viñetas. Aparecen banqueiros borrosos entre a brétema ou edificios enormes de grandes capitalistas, mais non se fala de Botín", critica o debuxante, cun rexistro que vai do máis ácido a Os Bolechas.

Kiko da Silva non acepta que os humoristas se volvesen romos. "Antes os humoristas expresaban máis as súas ideas que agora, pero tamén lle pasa aos xornalistas, máis suxeitos aos intereses editoriais. A liberdade que temos nós é a do dobre sentido". Como exemplo de que o humor segue a meter o dedo no ollo, Da Silva pon un debuxo seu no que Feijóo traducía o seu nome ao inglés (Mr. Bean) e para evitar o galego dicía "Yes, we dog" no canto de "Yes we can". "Saíu na revista Retranca, reproducírona no boletín do colexio de Randulfe, en Tui, e tivérona que retirar por orde superior".

"En certa forma, esa bota asoballante do poder que debuxaba Xaquín Marín pousa sobre a testa do humorismo gráfico. Non sei se é o medo, aínda que o medo nunca afogou ao humor, pero si o dirixismo editorial, o cansazo dos vellos que van enmudecendo, ou quizais esa inmensa boina negra da universalidade que oprime o particular", analiza Alberto Pascual Carballo, investigador do xénero que vén de publicar Humor gráfico galego. Da transición ao século XXI (Ir Indo), que engade que "o humor perdeu un chisco de punta. Xa dixen, intereses editoriais, falta de medios para expresarse libremente, perda da agudeza rural... en Ourense, con todo, queda O Carrabouxo". De certo, a maioría dos humoristas gardan no caixón viñetas devoltas por non cadrar "coa liña editorial".

Humor gráfico galego é unha análise de tres revistas galegas de humor que apareceron en Galicia a cabalo do século, Can sen Dono, Xo! e Sapoconcho. "As revistas desaparecen pola mesma razón que os cartos se pousan nunha man. O papel, o repouso retroceden e tenden a desaparecer. Aos políticos non lles interesa a reflexión, a cultura, e se cadra o país, non digamos o humor", reflexiona Pascual. "Sapoconcho desapareceu porque ninguén, fóra do Concello de Fene, se quería facer cargo dela", concorda Xaquín Marín, o seu promotor. Pepe Carreiro, que impulsou Can sen Dono, nega que as puidese matar o exceso de ideoloxía: "Igual foi o exceso de desideoloxización da xente". Retranca é a cabeceira que recolleu o testemuño das desaparecidas. Leva catro anos nos quioscos, vende 5.000 exemplares, ten medio milleiro de subscritores, e se pasou bimensual foi pola crise da publicidade, segundo Kiko da Silva. "Aventurei os aforros para facer algo á catalá, como negocio, pagando as colaboracións, porque se non, non podes esixir". E vai ben, asegura Da Silva.

Alberto Pascual lamenta tamén a perda de algo máis intanxible. "Se algo ten seu Galicia son o humor e a lírica. Son dous elementos que nos poden defender do fenómeno universalizador. Os temas globalízanse e as técnicas pérdense no barroquismo inútil de fóra". Santy Gutiérrez sigue estando no bando integrado. "Non penso que haxa un humor gráfico galego. O que si hai é unha chea de galegos publicando por aí". "No noso humor hai mecanismos que fóra non se entenden, e se alguén vive nun sitio, ten que facer unha obra axeitada a el", contradí Kiko da Silva. "O humor é galego en canto trate temas que estean a suceder nesta sociedade e use, cando utilice palabras, o galego. Se denunciamos a construción de chalés nas dunas de Corrubedo, estamos a facer humor galego. Non é preciso debuxar boinas ou vellas con fouciño", sinala o pai d'Os Bolechas.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_