_
_
_
_
Reportaje:A gran ruptura | Luces

A xeración que fuxiu do frío

O movemento estudiantil simbolizou o espertar da Galicia urbana nos anos 70

Na exposición sobre o maio do 68 compostelán no Pazo de Fonseca pode contemplarse a reprodución dunha habitación de estudante. Dúas liteiras, tres tratados médicos, unha botella de xenebra descoñecida e dúas de coñá perfectamente identificables, unha mesa camilla na que pousa unha máquina tamén descoñecida -tal vez un trebello para quentar auga- carteis -o Che, películas de moda- e, sobre todo, unha indefinible sensación de frío. Esa habitación transfórmase, por obra e graza do espazo expositivo, nun monumento, nun lugar da memoria que establece unha tradición antifranquista.

Que unha habitación de estudante poda converterse nun obxecto icónico sobre o que fundar unha tradición, é un paradoxo máis entre aqueles cos que estamos acostumados a convivir. Iso non sorprende. Sorprende máis o tempo que temos tardado en ver unha exposición así. Unha das peculiaridades galegas é que aquí todo tende a suceder con certa lentitude. O natural tería sido que esta exposición se fixera hai 20 anos, xa recuperadas as liberdades. Non foi así. Houbo que agardar ao cambio de goberno último. Por San Caetano, con calefacción estupenda, pasean agora os que pasaron frío.

A Transición foi en Galicia máis poliédrica do que di o esteorotipo

Tamén eu podería describir unha habitación dun piso da Rúa Concheiros no ano 74. A alfombra fora roubada dunha discoteca, a mesa de estudo era unha porta lisa á que se lle colocaran dúas patas, e ademais de no sofá un podía sentarse nun par de taburetes tamén requisados dun bar. No moble do tocadiscos amoreábanse Paco Ibañez, Lluis Llach, Pi de la Serra e os Chieftains, e, por suposto, os discos de 45 r.p.m. de Voces Ceibes. Reinaban sobre a sala un póster de Jane Fonda espida e outro do Barça, no revisteiro podía atoparse un exemplar de Triunfo e outro de Cuadernos para el diálogo.

Nesa sala discutíase sobre O atraso económico de Galicia, a obra de Beiras; o opúsculo de Mao Arte e cultura no Foro de Yenán e os méritos e deméritos das troikas soviéticas, aínda que ninguén fose de saudades estalinistas. Como eran os anos posteriores ao boom, os autores eran os latinoamericanos (Vargas Llosa, Córtazar, Onetti, García Márquez) ademais da tríade sagrada da alta cultura de entón: Joyce, Kafka e Beckett. Eran moi entretidas aquelas liortas, dignas dun mosteiro medieval, cheas de florentinismos indescritibles. A intelixencia non tiña máis remedio que aguzarse para pillar algo. Agora ben ¿que significado tiña todo isto?

Entre as frases máis celebradas de Marx pode rexistrarse esta: "Non o saben, pero fano". ¿Que facían os protagonistas de aquel espectáculo? ¿A qué estraña dimensión apuntaba aquel perderse entre Trotsky, Zappa, Losey ou Buñuel? Interpretar dende o futuro, cando un xa sabe en que quedou todo aquilo, é facer trampa, pero se un se pon aproximadamente marxista podería afirmar isto: o maoísmo e outras formas de esquerdísmo eran o xeito específico en que se abría paso entre nós a modernidade burguesa.

Os estudantes, nas condicións dunha Galicia que comezaba a experimentar a Grande Transformación que determinou o ocaso do país agrario, eran subxectivamente revolucionarios. Tamén en París, Berlín ou Berkeley os universitarios experimentaban esa sensación de que os tempos estaban cambiando, como cantaba Dylan. Santiago non era a excepción, non podía selo nun país no que agonizaba Franco e con el unha ditadura. O nacional-catolicismo malamente podía satisfacer a unha xuventude que escoitaba a Pink Floyd e reclamaba a revolución sexual.

Había unha Galicia rural de carros e eixadas de raíces medievais, pero tamén unha aínda poderosa estrutura de vilas nas que boqueaba unha pequena burguesía e un aceno de modernidade, preferentemente urbano, que se expresaba de mil modos: ir a Londres a comprar discos e roupa ou meterse no PCE ou na UPG para respirar o aire de Europa, o de Sartre e os Beatles.

Eses estratos mesturábanse entre si. Con demasiada frecuencia se tende a apreixar un país seleccionando un par de fotos. Pero a Galicia da Transición era máis poliédrica do que suxire unha mirada estereotipada. Ás veces parece que cada xeración quere inventar o mundo, como se antes dela Galicia fose só un verde prado con vacas, coma se a clase obreira e os burgueses, ou, para o caso, Antonio Palacios, Dieste, Seoane ou Maside non estiveran aí dende había tanto tempo. Coma se a modernidade fose cousa de onte. Os estudantes estaban chamados a ser o que son agora: os profesionais (médicos ou avogados) que retomarían o ciclo das súas sagas familiares, ao tambor dun país que cambiaba aceleradamente e que impoñía novos gustos, estilos e retóricas. Aqueles rapaces vían as Historias para no dormir ou Estudio 1: non tardarían moito en sorprenderse das Mama Chicho. Da psicodelia local pasarían, despois da ultrapolitización e o desencanto, ao nerviosismo cocainómano dos yuppies.

Algúns deles estaban chamados a dirixir o país, ben polas súas orixes familiare ou polas novas oportunidades da democracia. O que non podíamos sospeitar é que tardaría tanto en suceder. Se noutras latitudes se procedeu, dende comezos dos 80, a unha renovación das elites, iso non foi o caso entre nós. Esa a tendencia á xerontocracia enténdese mellor sobre a relación de forzas que determinou que os que estaban continuasen estando con moi escasas variacións. Ese fondo pétreo do establecemento segue estando aí. En Galicia as novas clases emerxentes teñen moitos medos e complexos que facilitan a súa subordinación psicolóxica e social e a súa tendencia instintiva a non facer nada. De feito, non facer nada ten entre nós un prestixio asombroso, incontestable. Iso explica algúns trazos da actualidade máis inmediata.

Dende logo, e niso acerta a exposición organizada pola Fundación 10 de Marzo, os pisos de estudantes tiveron unha importancia extrema. A diferenza de hoxe, en que o hábito e o diñeiro fan das copas nas fins de semana o momento privilexiado para a sociabilidade, naquelas épocas o piso era o ámbito soñado no que a xuventude podía estrear a súa autonomía.. Neses pisos ensaiábanse novas formas de relacións entre os sexos e soñábase con formas de vida alternativas. Pero, sobre todo, nos pisos bebíase café, en cantidades asombrosas, dignas de Balzac, para acompañar parladoiros inacabables, que se ramificaban en todas direccións, conforme a esa sede inesgotable de vida que parecía fluír con tanta naturalidade na xuventude do momento: tal vez o botellón de agora non sexa tan distinto. Non sei por qué vénseme á cabeza unha canción de Pi de la Serra Afans de joventut: "Afans de juventut/ De fer rodes quadrades/ De perdonar al vençut / De predicar maldades".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_