De traballo de cregos ao criterio filolóxico: os clásicos en galego
A primeira versión data de 1864 e apareceu como apéndice a unha gramática
Ao fondo da xenealoxía do uso actual do concepto de clásico literario atópase Aulo Xelio. No século II, o autor das coñecidas Noites áticas diagramou un estado da cuestión en que os classici, cidadáns dos estratos podentes da sociedade, eran os que empregaban a linguaxe con corrección. A loita de clases como fundamento da teoría literaria. Co paso dos milenios, a materia grecolatina, os clásicos, conformou a base sobre a que se construíron as tradicións literarias occidentais. No campo galego tamén, pero non foi até o século XIX que apareceron as primeiras versións en galego de Platón ou Horacio.
Raúl Gómez Pato avisa de que as carencias teñen marca de orixe nos Séculos Escuros. É dicir, Galicia non pasou polo Renacemento nin polo Século de Ouro, o tempo en que as literaturas europeas reintepretaron os clásicos nas súas linguas. Só en 1864, un ano logo de que Rosalía de Castro publicase Cantares Gallegos e inaugurase a literatura galega moderna, Francisco Mirás puxo en galego 11 fábulas de Gaio Xulio Fedro. "A súa versión aparece nunha gramática, no Compendio de Gramática gallega-castellana", explica a profesora da Universidade de Santiago Teresa Amado, experta na historia de tradución grecolatina ao galego e ela mesma tradutora de Luciano ou do Dafnis e Cloe de Longo. Mirás colocou o seu traballo como apéndice do manual porque "aínda non había textos literarios galegos e usaban as traducións como exemplos".
No Rexurdimento, usaban as traducións como exemplos nas gramáticas
'Nós' prefería a literatura moderna a dar espazo aos clásicos
A vida do campo, o segundo epodo do Beatus Ille de Horacio, e tamén apéndice da Gramática Gallega de Saco y Arce en 1868, sucedeu a Fedro, pero da man tradutora de José García Mosquera. Xesús Alonso Montero asegura que "case todo o mundo concorda en que esta tradución é fantástica". O catedrático fala con coñecemento de causa: a súa lección maxistral na oposición a cátedra, inédita, titulouse Presenza das letras latinas nas letras galegas. "En 1944 coñecín o Beatus Ille e, de contado, pensaba en como soaría en galego, porque falaba do viño; impresionoume". As afinidades non electivas: Alonso Montero é natural do Ribeiro.
Logo da xeración activa no ronsel do Rexurdimento, en que os tradutores procuraban o prestixio do galego e ían ás fontes grecolatinas, só Florencio Vaamonde Lores continuou o labor. Faino na Revista Gallega a finais do XIX e através de anacos da Eneida, de Anacreonte ou de Calino. "Vaamonde Lores aprendeu grego antigo pola súa conta e apenas saíu nunca da Coruña", narra Alonso Montero, quen define o carácter de Lores cunha anécdota: "Un día chegou un barco grego á cidade e el foi ao peirao para poñer en práctica os seus coñecementos. Os mariñeiros non entendían nada; claro, entre o seu grego e o dos mariñeiros había a mesma relación que entre o latín de Horacio e o meu latín, o galego!".
O retraemento caracterizou durante anos aos tradutores do latín e do grego. "Moitos eran cregos", expón Teresa Amado. De Avelino Gómez Ledo, por caso, que publicou numerosas traducións na revista Nós, aínda se conserva, inédita, unha Eneida en galego practicamente completa. Está no mosteiro de Oseira. Pero antes de Nós, reconta Amado, a revista de tendencia iberista Academia Calasancia incluíu nas súas páxinas "catro traducións bastante malas, que non se fixeron cos idiomas orixinais como referencia".
Porén, aos intelectuais de Nós, en funcionamento na década dos vinte, interesáballes máis a literatura moderna que rescatar para o galego a produción grecolatina. A Guerra Civil interrompeu esta, como outras, viaxe da cultura galega. Non foi até a fundación de Galaxia, en 1950, que volveu haber unha canle editorial para os clásicos en galego. Con ese selo, o poeta de querenzas virxiliás Aquilino Iglesias Alvariño colocou en circulación A comedia da oliña, de Plauto. Era 1960. "Unha tradución magnífica", considera Teresa Mado, "que foi moi polémica, porque Aquilino empregaba galego de Mondoñedo". Había que botar polos camiños dos carros, chegou a afirmar o autor de Lanza de soedá, a Horacio. Até a colección Clásicos en Galego, dirixida por Díaz y Díaz e iniciada nos oitenta, con estritos criterios filolóxicos, apenas hai rastro de gregos e latinos.
Xesús Alonso Montero lamenta que a Eneida de Gómez Ledo continúe inédita. E a profesora Amado pide novas versións de Homero e "todo o teatro grego, que ten unha influencia enorme no teatro galego actual, por exemplo en Manuel Lourenzo". De momento, a Safo de Gómez Pato, os Relatos verídicos de Luciano de Samósata por Xurxo Pereira e Xosé Abilleira, e as Bucólicas de Fuentes Castro pechan a cadea.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.