O rexurdir dos seráns
As reunións tradicionais de músicos póñense de moda e cómenlle terreo ás verbenas
"Por favor, tocade só tres pezas, que é tardísimo e todos queremos actuar". Estamos no serán de Amorín en Tomiño, é a unha da mañá e a pandereteira Bea Cela, presentadora do evento, pídelle aos grupos que faltan por tocar que non se demoren. Hoxe hai anotados arredor de vinte grupos de músicos afeccionados, e aínda faltan case a metade por actuar. Señoras con aspecto de pensionistas, mozos cun look máis propio do Festival de Benicássim, paisanos conxuntados con gorros de palla, e até nenos de pantalón curto. Todos agardan pacientemente con pandeiretas, bombos, gaitas ou acordeóns na man, ao pé dun improvisado palco enriba dun tráiler. Previsiblemente ninguén marchará para a casa antes das cinco da mañá. E iso que no mesmo día celébrase outro serán en Budiño, a menos de vinte kilómetros. Hai sábados que teñen coincidido até media dúcia de seráns nun radio de poucos kilómetros, sobre todo no sur da provincia de Pontevedra.
Os seráns celebrábanse nos días de inverno, pero agora prolónganse durante todo o verán
Os seráns viven un momento de esplendor e parece non ter límite. "Os seráns están tradicionalmente asociados ao mundo rural, eran reunións musicais de veciños que se facían en casas, no inverno, cando os días son máis curtos, ao rematar as labores do agro, pero agora hai tantos, que xa se prolongan incluso ao longo do verán", explica Chisco Feijóo da agrupación O Fiadeiro, de Vigo, unha das asociacións claves na recuperación deste tipo de reunións musicais, moi arraigadas, sobre todo, nas comarcas pontevedresas do Condado e A Paradanta. Feijóo ten 34 anos, leva desde os 17 anos traballando co seu grupo na colleita de pezas tradicionais, e hai pouco máis dunha década iniciaron un proceso de recuperación dos seráns, o que, para a súa sorpresa, se foi achegando máis e máis xente de xeito espontáneo.
Moitos destes músicos afeccionados empezaron en clases de gaita ou de pandeireta xa cunha certa idade, ao abeiro de agrupacións folclóricas tradicionais ou de actividades de asociación de veciños. A presentadora do serán de Amorín, Bea Cela, da clases de canto vocal e pandeireta en diversas asociacións na provincia de Pontevedra. Esta profesora de pandereteiras é unha habitual dos seráns e normalmente arrastra a tres ou catro grupos con ela, aos que adoita acompañar no escenario: "Subo con eles para guialos un pouco, senón pérdense". Para ela, o obxectivo destas reunions é "pasar un bo momento e esquecer os problemas". Bea Cela leva case unha década aprendéndolles a moitos dos centos de músicos que agora vai atopando polos seráns adiante. No serán de Amorín hai músicos chegados do Rosal, de diversas parroquias de Tomiño, de varias localidades de Portugal, ou de A Guarda. Hainos de todas as idades, coma o neno acordeonista Daniel Vilanova, de dez anos, un dos máis aplaudidos, ou as pandereteiras e pandereteiros do Centro Social do Aloia, en Tui, no que se mesturan desde mozos ata xubilados.
"Agora, nalgúns seráns igual se reúnen cerca de 200 músicos para tocar e rematan as seis ou sete da mañá. Ás veces hai tanta xente que quere actuar que non dá tempo e teñen que marchar para a casa sen tocar", explica Chisco Feijóo, nun descanso do ensaio de O Fiadeiro, outra agrupación coa que aprenderon un bo número de músicos.
Pero tanta troula tamén precisa algo de sustento. En Amorín dan de balde viño tinto e pan con chourizo, e noutros lados rosca, empanada e, por suposto, licor café. Se un ten máis apetito, tamén pode comer un prato de churrasco, por exemplo. En Amorín, a comisión de festas da Virxe da Agonía, aproveita para recadar cartos poñendo unha cantina no serán. O presidente da comisión vende os tickets para o churrasco, apoiado nunha furgoneta multiusos: "É que hai que recadar por onde sexa, que este ano a verbena vainos a sete millóns e medio de pesetas", xustifica, mentres ao fondo, á beira do río Miño, uns mozos péganlle ao calimocho, nun híbrido de serán-botellón.
"Se alguén se quere anotar, teño eu a libreta", coméntalle Bea Cela a un grupo de músicos. Na libreta establécese a orde de actuacións según vaian chegando. Os gaiteiros de Lirolai, do Rosal son os próximos en subir ao palco-tráiler do serán de Amorín. "Metémonos tarde na música, e é o terceiro serán ao que vimos. Imos enterándonos por outra xente ou polo que van anunciando en Malmequer", comenta Luis Iglesias, un dos seus membros entusiastas. Malmequer é unha páxina web de referencia para os afeccionados aos seráns. No seu foro hai interesantes opinións sobre a evolución e recuperación dos seráns, e debates sobre se a tradición se está recuperando con xeito.
"Os vellos facían o que se chamaban botar un serán enteiro, con pezas bailables, empezando por jota, muiñeira e algo de agarrado como vals, pasodobre ou mazurca, e botaban así horas e horas", lembra o estudioso Chisco Feijóo, ao tempo que engade que "iso será moi difícil mantelo así, pero hai que ter coidado, e que este auxe non leve a converte-lo só nun nome comercial, e chamarlle serán a calquera cousa, porque ultimamente xa teñen aparecido a tocar até tipos con djembés" (instrumento africano de percusión).
En Amorín, á unha e pico da mañá, a xente segue chegando ao serán, os coches invaden un párking improvisado no medio das leiras, as pandereteiras e gaiteiros esperan en ringleira para subir a tocar ao palco-tráiler, e o presidente da comisión de festas non para de despachar tickets para o churrasco, ao tempo que saca a súa propia conclusión: "As verbenas son moito máis caras, a Orquesta Sintonía cóbranos este ano dous millóns trescentas mil pesetas e iso é difícil de xuntar. Os seráns dan moito ambiente e ademais son moito máis baratos". Non é de estrañar que os seráns teñen tanto éxito. Pola megafonía anuncian novas reunións para xullo e agosto. Polo que se ve, a época dos seráns rachou definitivamente as barreiras do inverno, para instalarse sen reparos na época estival, un espazo ata o de agora acoutado ás orquestras. En Amorín, un grupo acaba de baixar do palco-tráiler logo de tocar A Carolina. Que suban os seguintes anotados na libreta.
A tradición móvese por Internet
Se hai un punto indiscutible de referencia no rexurdir que están a vivir estas reunións tradicionais, ese é sen dúbida a páxina web de Malmequer, un espazo que se converteu no auténtico libro de ruta para seguir os seráns. Todos os afeccionados aos seráns están ao día a través de Malmequer, un foro no que paga a pena entrar, para ter unha idea da dimensión destas reunións, que moven a centos de persoas dun lugar para outro coa gaita ou co bombo ao lombo. Desde calendario de seráns, mapas de ubicación, crónicas de cada un dos festivais, pasando por fotografías, chats entre afeccionados, e ata vídeos. É o mellor exemplo do bo rendemento que a tradición pode sacarlle ás novas tecnoloxías. "Só levamos catro meses, pero estamos sorprendidos da repercusión que a web está a ter", explica Henrique Macías, un dos responsables de Malmequer. "Somos varios amigos, que non teñen nada que ver cun grupo musical, e que nos gusta a cultura tradicional, a música, o baile e a etnografía", comenta Macías. Nesta páxina pódense contar até medio cento de seráns que empezan en outubro e semellan non dar rematado nunca. "Eran tradicionalmente unha festa de inverno, porque cando chegan os días máis longos había que traballar no campo até máis tarde, e había menos tempo para festas, pero agora xa se prolongan ao aire libre, todo o verán", comenta Macías. "Atopamos un xeito
de divertirnos que non coñecíamos e que nos énche moito. Nos seráns hai unha relación interxeracional, e aprendes moito de ver tocar e bailar ás persoas maiores", di este seguidor incondicional dos seráns. Neste espazo de Internet, un pode enterarse de que hai "estrelas" dos seráns, persoas maiores dos que os novos aprenden, persoas moi respectadas, como a cantadeira Rosa de Moscoso, ou o bailador Eugenio de Toutón. Henrique Macías teno moi claro: "Temos moita sorte
de poder disfrutar aínda desta xente e seguir aprendendo deles".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.