A nova sabotaxe de Lois Pereiro
Reedicións, traducións, antoloxías, biografías, documentais ou discos homenaxe compoñen a avalancha de materiais que indagan no poeta das Letras deste ano
"Cando tiña 16 anos, Kropotkin fíxome crer que podía ser posible a súa estratexia d'A conquista do pan. Á súa dereita, a expresión bondadosa e miope de Castelao ou Bóveda. Bakunin noutro asento da mesa, a CNT-FAI, Ricardo Mella; máis aló Engels e Marx, Trotsky e Lenin vixiando a porta; e logo Voltaire, Fourier e os utópicos, Lafargue, Ho-Chi-Minh".
Á pregunta de como encaixaría Lois Pereiro, nihilista activo, a liturxia laica do 17 de maio, Xosé Manuel Pereiro deixa falar ao irmán. Para o xornalista, calquera escritor busca o recoñecemento, "consciente ou inconscientemente". "A el non lle apetecía figurar nos círculos intelectuais, pero tamén agradecía que a súa obra fose valorada. Con algúns homenaxes estaría encantado, con algúns outros mosqueríase e nalgúns casos poñería ese sorriso irónico que era a súa expresión máis característica". No caso do autor, canda Manuel Antonio, máis libertario dos que levan merecido o Día das Letras, será máis difícil ca nunca separar a lectura da obra da ilusión biográfica, desta volta con adubío malditista, pero hai de todo, en case todos os xéneros e soportes. Ensaio, biografías xornalísticas e noveladas, audiolibros, discos, teatro, banda deseñada e documentais.
"Non lle apetecía estar nos círculos; si que valorasen a súa obra", di o irmán
Positivas reeditou 2.000 exemplares de cada libro de poemas e 1.500 do inédito
"Ten méritos como Valente ou Biedma", considera o seu editor en castelán
Bragado, de Xerais: "É o maior esforzo editorial dos últimos anos"
Iago Martínez: "Até onde lembro, é o primeiro poeta que aparece en pintadas"
A consellería promete "poñer en valor" a súa obra en castelán e inglés
O primeiro selo que fixou a súa poesía reedita os dous volumes que publicou en vida, Poemas 1981/1991 (Positivas, 1992) e Poesía última de amor e enfermidade (Positivas, 1995). E o inédito Conversa ultramarina, unha caste de diario a partir das cartas que lle enviou durante tres meses de 1995 á súa compañeira, Piedad Cabo, que Lois consideraba "impublicable e irreproducible, a non ser que o beneficio que lle reporte lle sirva para comer un sándwich en Chinatown". "Nós dixémoslle: "Queremos inaugurar Di-Versos [a marca poética de Positivas] contigo. E el fixo de editor da súa propia obra". "Sen el", di o responsable do selo, Paco Macías, "non existiría Positivas". Daquela tiraron 1.500 exemplares, que se esgotaron nun ano. Desta baza serán 2.000 por libro e 1.500 para a Conversa, segundo o impulsor da edición de Positivas, Hugo Martínez -sobriño de Piedad Cabo-, declaración de amor "a todos os seus amigos". A edición deste diario mecanoscrito -os orixinais quedaron entre os papeis que deixou na casa familiar- "ten o valor do testamento e do testemuño dunha xeración". "Quere ordear a habitación e devolverlle á xente o amor que lle deu".
Espiral Maior, que en 1996 publicara a título póstumo Poemas para unha loia, coas pezas que escribira na revista homónima madrileña (coa inclusión do célebre ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia), tirou xa Radiografía do abismo, e pronto sairá do prelo Dicionario de sombras, ambos do seu amigo Antón Patiño. O segundo quere ser unha aproximación máis teórica, mentres o primeiro postula, na intención do artista, "unha sorte de mise en abyme semellante á que doutro xeito o poeta foi quen de facer na súa escrita-vida". A achega ao poeta punk, romántico e expresionista a un tempo, interpela ao seu proceso creativo, mesturando a obra cos retallos biográficos.
Do máis destacado son as versións en inglés e castelán do escritor monfortino. Small Station Press publicará contra abril Collected poems, uns 120 poemas que inclúen os dous primeiros libros e os 26 poemas de Loia. Con prólogo de Manuel Rivas e tradución de Jonathan Dunne, o responsable da primera antoloxía en inglés da literatura galega asegura unha tirada "importante" e distribución no mundo anglosaxón. En revistas como Poetry review -que aínda o mes pasado sacou un suplemento con poetas galegos actuais- ou Modern poetry in translation tampouco sería difícil colocar a obra de Lois. Para Dunne, a sensibilidade de Pereiro, algúns autores do mundo anglófono centrais para el -Carver, Joyce, Pound-, a frescura roqueira do convite á festa "como revolución que vén, o principio do principio que regresa" e, sobre todo, "a potencia das súas imaxes en poemas breves", agoiran unha boa recepción por parte dos lectores ingleses. En edición bilingüe castelán/galego publica a obra completa a barcelonesa Libros del Silencio, cunha tirada inicial de 2.000 exemplares. Está a poesía publicada, poemas soltos, a Modesta proposición..., as Conversas -baseada nos manuscritos- e a nouvelle inacabada Náufragos do paradiso, que saíu postumamente nas páxinas de Luzes de Galicia. O poeta e xornalista de EL PAÍS Daniel Salgado ocúpase da tradución, para a que esperan ter un prólogo de Pere Gimferrer. O editor, Gonzalo Canedo, defende a obra de Lois con entusiasmo: "Ten todos os méritos para estar á altura de Valente ou Gil de Biedma. É un renovador da lingua galega como o foi Rosalía no XIX".
As dúas grandes editoriais do país, Galaxia e Xerais, preparan tamén un desembarco completo. Xerais, da que toma Dunne o modelo de edición, saca Poesía completa a finais de mes, na versión de Ana Acuña; Modesta proposición... e outros ensaios esparexidos en revistas como La Naval, Luzes ou Das Kapital, coordinado por Fran Alonso; un audiolibro (Lois Pereiro en vivo) con extractos dos manuscritos e o recital que deu no café coruñés Moka, en 1996. Ademais, Marcos Calveiro é autor da biografía novelada Lois Pereiro: náufrago do paraíso, que sairá contra febreiro, Jacobo Fernández Serrano responsabilízase dunha novela gráfica ad hoc e o xornalista Iago Martínez está a piques de entregar a súa biografía, Lois Pereiro. Vida e obra. "É o maior esforzo dos últimos anos", considera Manuel Bragado, para quen a diversidade da oferta achegará o poeta a públicos diversos. Galaxia publicará Le mot juste [A palabra exacta], a biografía literaria de Antón Lopo, Náufragos do paradiso e unha antoloxía, con limiares estas dúas de Pereiro e Salgado, respectivamente. Chama a atención sobre a noveliña o director editorial de Galaxia, Carlos Lema, que advirte un posible xogo de voces co Paradiso de Lezama Lima. Por non inscribir a Lois, Lema prescribe unha mirada oblicua: "Nin lecturas biográficas, nin institucionais, nin malditistas. Habería que intentar facer unha lectura dos textos".
É no texto onde paira o intento de análise de José Luis Calvo e Carlos Gegúndez, onde colza e heroína son "tanxenciais", aínda conscientes de que neste caso é inútil separar vida e obra. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro (Toxosoutos), albisca unha tese na que, á parte da influenza do rock vidroso dos setenta, se remarca cómo a súa poética "entronca perfectamente coa poesía romántica". "É un poeta do eu", di Calvo, "pero tamén polos motivos da súa poesía e a concentración estilística". No segundo libro que contan adicarlle a Pereiro, co subtítulo As belezas do abismo, búscanlle abeiro a carón de Rimbaud. O papel esgótase cos volumes que preparan o Consello da Cultura Galega (unha edición facsímile da revista Loia, con textos de X.M.Pereiro, Manuel Rivas e Antón Patiño) e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), unha antoloxía trilingüe (inglés, galego e castelán) con textos de Eduardo Chamorro, Fermín Bouza ou Antón Patiño, coordinada por X. M. Pereiro.
A isto hai que engadir tres audiolibros máis. No de Do Cumio inclúense as 16 composicións que lle adica Manu Clavijo. Zouma editará outro libro-disco cos oito temas que Alexandre González compuxera en 2008, sobre poemas recitados por Uxía Senlle, Patiño, Julián Hernández, Luis Iglesia ou Lino Braxe, que tamén dirixe Mundo Lois, un espectáculo escénico ideado por Antón Reixa. Ouvirmos, pola súa parte, publicou xa Fotobiografía sonora, alimento para a iconografía do autor que vén con dous discos, con Xurxo Souto coordinando a homenaxe musical e a derradeira entrevista que lle fixera Ana Romaní para o Diario Cultural da Radio Galega. Hibridaxes análogas chegarán desde Xestión Literaria: editan un disco onde o cantautor punk O Leo se arrima ao confesionalismo punk de Pereiro, recitando os seus poemas con música por debaixo. O Leo tamén coordinará un disco de temas sobre obra de Lois a cargo de bandas galegas actuais.
Traballando coas armas do documental, a produtora Mr. Misto Films monta aínda a peza de Gonzalo Enríquez sobre Pereiro. Rematado está Contra a morte, de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, producido por IB Cinema e a SECC, que incluirá a fita na súa caixa conmemorativa. Martínez -que aproveitou o traballo para a biografía de Xerais- coida que hai unha xeración para a que Pereiro se acabou convertendo "nun carné do partido". "A falta de sindicatos, empregamos a Pereiro coma unha arma arreboladiza contra a patronal da literatura galega". Na interesante viaxe que lle espera ao poeta, rumbo ás escolas, remarca algunhas liñas de fuga para as que aínda non houbo Letras: "Até onde me alcanza a memoria, Lois Pereiro é o primeiro escritor galego en aparecer nas paredes das cidades en forma de stencil. E convén recordar que o autor, a autora ou os autores deses grafitos nin están subvencionados nin cobran polo seu traballo nin acumulan capital simbólico: son anónimos".
No que atinxe ás institucións, hai traballo por facer. Patiño organizará unha exposición sobre Lois na Fundación Luís Seoane, mentres os concellos de Monforte e A Coruña preparan as súas propias. Desde a Consellería de Cultura din que coeditarán tres publicacións centradas na súa obra, que a "porán en valor noutras linguas coma o castelán ou o inglés". Tamén artellarán simposios e congresos sobre a súa figura, en colaboración con outras institucións. Non se descarta que algún deles teña lugar na Cidade da Cultura.
Para o ensino, o resto da institución e a iniciativa civil, a comunidade Blogaliza alberga a páxina oficial de Lois Pereiro, facultada para emitir accións ao vivo. O mantedor, Alfredo Ferreiro (O levantador de minas), tampouco sabe se a Lois lle gustaría a idea de atopar o seu reflexo fornecendo, ademais das paredes, lapelas, cedés, cartaces ou selos. "Nós, iso é seguro, saímos beneficiados".
Os materiais do Ano Pereiro
- Poemas 1981-1991 (reed. Positivas).
- Poesía última de amor e enfermidade (reed. Positivas).
- Conversa ultramarina (Positivas).
- Collected Poems (Small Station Press, trad. Jonathan Dunne).
- Obra completa. Lois Pereiro (Libros del Silencio, trad. Daniel Salgado).
- Poesía completa (Xerais, ed. Ana Acuña).
- Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia e outros ensaios (Xerais, ed. Fran Alonso).
- Náufragos do paradiso (Galaxia).
- Antoloxía (Galaxia).
Biografía e Ensaio - Radiografía do abismo (Antón Patiño, Espiral Maior).
- Dicionario de sombras (Antón Patiño, Espiral Maior).
- Lois Pereiro: náufrago do abismo (Marcos Calveiro, Xerais).
- Lois Pereiro. Vida e obra (Iago Martínez, Xerais).
- Le mot juste (Antón Lopo, Galaxia).
- O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro (José Luis Calvo e Carlos Gegúndez, Toxosoutos).
- Fotobiografía sonora (Ouvirmos. Inclúe dous discos, coa homenaxe musical coordinada por Xurxo Souto).
Audiolibros
- Lois Pereiro ao vivo (Xerais).
- Do Cumio aínda non ten título para as 16 composicións que o galegoarxentino Manu Clavijo dedica a Pereiro.
- Zouma editará outro libro-disco cos oito temas que Alexandre González compuxera en 2008, becado por Caixa Galicia.
Teatro
- Mundo Lois (Nordesía, Kachet e Filmanova). Lino Braxe dirixe un espectáculo escénico ideado por Antón Reixa.
Banda Deseñada
- Lois Pereiro. Novela gráfica (Jacobo Fernández Serrano, Xerais).
Audiovisual
- Contra a morte (Alexandre Cancelo e Iago Martínez). Documental producido por IB Cinema e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales.
- Gonzalo Enríquez ultima o seu documental para Mr. Misto Films.
Discos
- O cantautor punk O Leo recitará poemas de Pereiro para o disco editado por Xestión Literaria, a empresa que acubilla a Barbantesa Editora e a Axencia Literaria Galega. En paralelo, coordinará un disco con cancións sobre obra de Lois, a cargo de bandas galegas actuais.
Rede - loispereiro.blogaliza.org é a páxina que alberga todas as iniciativas, civís e institucionais, relacionadas con Lois Pereiro.
Edición Institucional
- O Consello da Cultura prepara unha edición facsímile da revista Loia.
- A Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales publicará unha antoloxía trilingüe (galego, inglés e castelán) con textos de Fermín Bouza, Antón Patiño ou do falecido Eduardo Chamorro. Coordina X. M. Pereiro.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.