Esta non é outra xeración perdida
Os narradores dos 90 cumpren medio século esparexidos - "Somos un arquipélago, e cada un de nós é unha illa", afirma Xavier Queipo"
-Non hai grupo. Que tería de bo que o houbese? A que vén este espírito navideño?
-Xamais pertencín a ningún grupo literario nin teño costume de falar de literatura con escritores. E creo que aos lectores, en xeral, iso non lles interesa.
-Se cadra sofremos do efecto eclipse creado polos que nos precederan, Suso de Toro e Manuel Rivas, aos que algúns alcuman con graza 'os dous de sempre'.
Xurxo Borrazás (Carballo, 1963) e Xosé Cid Cabido (A Limia, 1959), por orde e por separado, refírense a se hai ou non Xeración dos 90 na narrativa galega. Xavier Queipo (Santiago, 1957) explica por que o bravú ou as poetas foron recoñecibles colectivamente e eles non, naqueles anos de fraguismo e nova economía.
"Prescindir do discurso político e filolóxico foi o seu éxito e o seu fracaso"
"Algo en común sería o noso escaso interese en formar grupo"
A miseria está en nós. Non convén esperar nada, hai que facer"
"Ao non existir como grupo orgánico de ideoloxía e manifesto", sintetiza Queipo, "daquela críticos, lectores e nós non temos conciencia de grupo". "Se cadra o único que nos une é a nosa condición de vítimas colaterais. Os departamentos universitarios tampouco axudaron coas súas investigacións, os críticos cumpriron o papel de amar a uns e infravalorar a outros... É máis difícil facer visible unha pléiade de illas ca unha rexión tan transparente".
Co gallo da nova entrega de Queipo (Cartas marcadas, compilación de ensaios sobre literatura dispoñibles en culturagalega.org) e o retorno de Cid Cabido (Unha historia que non vou contar debera saír o mes que vén), este xornal falou con narradores, editores e críticos sobre a xeración -ou non xeración- dos 90. En trazo groso, e na súa maioría: escritores nados a comezos dos 60 que comezaron a publicar nos 90, afastados da poesía, da ourivaría filolóxica e da militancia política a través da literatura. Nos manuais do ensino, que adoitan deter a acción en 1985 sen parar moito en Rompente, é doado atopalos por entre as bifurcacións da "literatura urbana e experimental". Certa crítica profesional chamounos heterodoxos, e quizais a súa vontade política -a través do proxecto ficcional- a cinguía Camilo Gonsar en 2002: "Estamos dotados para desenvolver unha literatura desde unha perspectiva plurinacional". O autor de Cara a Times Square (1980) ingresaba na Real Academia criticando a manía de "encher ocos" na literatura galega.
A idea de xuntar estes autores, sequera editorialmente, foi amoucando. En 2006, Camilo Franco (Ourense, 1963), Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965) e Carlos Lema, director de publicacións de Galaxia, aínda pensaban publicar unha antoloxía. "Un posible elemento definitorio sería o pouco interese da maioría por estar en grupo ningún", resume Franco. "Ata ese momento había demasiado interese na literatura galega por demostrar conxunto, grupo, xeración, unha normalidade que non sempre se correspondeu coa realidade".
Foi Lema, na súa etapa en Sotelo Blanco, o primeiro editor de Borrazás, Queipo, Jaureguizar, Aníbal Malvar, Xerardo Méndez, Xelís de Toro, Xabier López López e Manuel Darriba (as demais estreas repartíronse entre Edicións Positivas, a colección Ferros de Xerais e Do Castro). O avance que trouxeron, segundo Lema, reverteu nunha maior autonomía do campo literario: "Os seus obxectivos son literarios". Non escriben para salvar o galego, proxectarse socialmente ou encher ocos. Como antes Anxo Rei Ballesteros e o Suso de Toro de Polaroid, xorden das marxes, desde o punto de vista do campo social da cultura.
"Son esas novas identidades sociais que empezan a despuntar, representantes de colectivos sociais periféricos", conta, citando a Xoán González-Millán no paso do nacionalismo literario á literatura nacional. Prescindir do discurso político e filolóxico en prol dunha narrativa que cuestionase os valores dominantes, di, "foi o seu éxito e o seu fracaso".
Aquí os exemplos son abondosos. Algunhas son novelas de expedición, como O paso do noroeste (Queipo, 1996), na que non hai personaxes galegos, o que quizais puido favorecer -apunta Lema-, "certas lecturas precavidas en determinadas instancias críticas". En Cabeza de chorlito (1991), o castelanismo que titula o debú de Borrazás, a aparente despreocupación lingüística agocha un xogo posmoderno -os personaxes tentan matar o narrador- e cuestiónase o traballo editorial en Galicia. E de paso, a escasa pertinencia de calquera lectura identitaria, persoal ou nacional, que non sexa froito de visións múltiples. A idea estaba en Heidegger, pero o galeguismo histórico só filtrou as lecturas bucólicas do filósofo alemán. Desde outra xeira, obras de Aníbal Malvar como A man dereita ou Unha noite con Carla, verquida ao castelán por Inéditor, son as primeiras novelas negras que forneceu o fraguismo. "E un dos modelos de Aníbal era Francisco Umbral", chancea Lema.
A propósito de Fraga como contexto, non hai opinións benignas. Para Malvar puido ser "a morte da literatura galega a mans de quen dicía defendela" -a censura implícita de Francisco Vázquez. A pegada dun príncipe (Xerais), o libro de Primitivo Carbajo e Luís Pita, é un dos epítomes que utiliza-. Borrazás fala de "procesos xeracionais" á hora de vencellar a lexitimación do fraguismo coa situación actual.
"Fronte a el fincou o xeonllo unha parte da institución cultural, Piñeiro e García-Sabell, por dar dous nomes. Agora quen cala como petos son os acollidos aos circuítos de música de fondo do fraguismo, que o bipartito perfeccionou, xente nova e guai que pesca nos acuarios e fachendea de capturas". Para o autor de Arte e parte. Dos patriarcas á arte suicida, "a miseria está en nós".
No traballo da escrita e na recepción xa soben as especificidades patrias. "Non hai que esperar nada", segue Borrazás. "Hai que facer". "A frase de Laxeiro, 'que bonito país e que carallo de xente', segue sendo máxima sensata", di Jaureguizar. "Agardar o éxito é como quen espera ter cartos para marchar a Cataluña". No entanto, sen idea de marchar, Borrazás retrata un "estado de permanente mala hostia pola subalternidade de partida en función do emprego da lingua propia". "Iso, en termos creativos, pode ser motivador, pero acaba con un".
Con Gonsar e Carver
Cos referentes da narrativa galega de posguerra mortos e os pais -Ferrín, Alcalá ou Casares- aínda novos para ser xerontocracia, Ana Salgado, coordinadora de Protexta, sitúa a emerxencia deste grupo na madureza dun campo literario "que xa non quere escribir só para as escolas".
Súmalle Transporte de superficie, de Reixa, e o traballo de Antón Lopo ou Fran Alonso, tamén poetas, e fala de características literarias: a cidade, a violencia e a alienación, o humor frío ou "a vontade de dialogar a un tempo con Blanco Amor e con Carver, con Gonsar e con Handke". En sincronía coa narrativa europea e quizais por diante da española, que daquela vendía a Javier Marías e José Ángel Mañas. Sobre a posible paralaxe entre estas novas voces e a crítica de entón, nega saltos xeracionais nunha historia literaria "permanentemente interrompida". "A proba dun diálogo interxeracional podería estar na narrativa de Solleiro ou Ameixeiras ou nos puntos de contacto que manteñen coa obra de Bieito Iglesias".
O que non se contan son mulleres, e aquí Salgado lembra cal é a oposición visible: "Que isto que nós chamamos grupo non sexa visibilizado como tal e non se destaque o que comparten. E que, pola contra, todas as narradoras vaian para o mesmo saco".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.