_
_
_
_
Entrevista:ROSA ANEIROS | Escritora | Luces

"Parece que só traballas cando estás nos medios"

Dez anos despois de Eu de maior quero ser, o seu debú literario, Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976) levou de vez o XXVI Premio Xerais de novela (Sol de inverno) e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Infantil (Ás de bolboreta). "Coma se o premio a un traballo de anos chegase nun día", di.

A dobre gañadora vai tornando a enxurrada de epíctetos que acarrexan estes galardóns -os libros sairán en outubro-, pero moléstalle que se fale de "consagración".

Pregunta. Fálase moito dos premios, incluso de "coroación".

Resposta. De consagración, si, é como se o premio a un traballo de anos chegase nun día. Pero dáme un pouco de rabia porque eses termos acaban callando, coma se naceras onte e supetamente che premiasen dúas novelas. Vivimos nunha cultura que parece que só traballas cando estás nos medios, e xusto é ao revés.

"Se penso no tópico das 'novelas da Guerra Civil', non fago Sol de inverno"
"Chegará a haber quen non te lea por mala formación en galego"
"Con menos cabeza teríame convertido nunha gilipollas. Fancho crer"

P. Xa aclarou que non as escribiu a un tempo.

R. Non teñen nada que ver. Sol de inverno é a singradura de Inverno por regresar metaforicamente a Antes -o topónimo existe en Mazaricos-, o paraíso perdido da infancia. A loita por recuperar algo que sente que lle roubaron nun momento determinado. Ese periplo lévaa desde Barcelona a Francia e ao gran espazo que é Cuba, onde recupera a memoria dos seus antepasados e desenvolve a súa vida. Logo hai un breve momento en París, pero non vou contar o final...

P. E Ás de bolboreta?

R. Acontece nunha mañá nun café no que se van cruzando historias de personaxes. En Estambul, Bos Aires, no Monte Gurugú... Sol de inverno é un século, e isto acontece nun día. Dicíanme que era unha historia coral porque había 15 personaxes... Nunca os contei. O grao de superficialidade dos personaxes é grande, porque son trazos, quen conclúe esas historias son os lectores.

P. Canta Historia risca Sol de inverno?

R. A Guerra Civil, sobre todo en Barcelona, e o exilio. Despois, a través da memoria da súa tata, Luz Divina, e a través da historia dos seus avós, a colonia galega en Cuba antes da Revolución, e tirando máis cara atrás, as pelexas dos escravos liberados. Cóntase moito do que é Cuba, pero non tanto porque ela o viva, senón porque o recupera a través da memoria da súa tata. A Revolución tamén aparece, pero non a marca por demais, porque ela marcha en 1939. En contrapunto co seu pai, que vive todos os acontecementos históricos do século XX. Ela está obsesionada con seguir os seus pasos. É curioso, porque o personaxe do pai naceu por rebote de Resistencia, onde o protagonista, Dinís, era un ser anónimo que nunca quixo estar á fronte de nada, que se viu obrigado a ser protagonista... Este é o contrario: vello e canso, aínda quere ir cos estudantes a París.

P. Rexeita que lla publiciten como novela histórica ou da emigración.

R. Non creo nas novelas históricas como tal cousa. Todas as historias están ambientadas nun momento e lugar determinado, como se é antonte. E hai outra cousa: cando se di que faltan historias da emigración... Creo na libertade do escritor, eu nunca me programo. Estaba presentando Resistencia e dixéronme: 'Ti detectaches que faltaba a gran novela sobre Portugal e decidiches escribila'... Non, mira, coincidiu que estaba en Portugal e que por unha equivocación acabei no Museo da Resistencia, vin unhas cartas e decidín escribir unha historia. Pero eu non son a encargada de contar ningunha historia, nin de encher baleiros. Se me deixo levar polos tópicos de que hai moitas novelas sobre a Guerra Civil, non fago Sol de inverno.

P. Que lle interesou máis á hora de recrear a guerra?

R. Mercé Rodoreda está aí polo que escribiu despois, pero fíxeno máis a partir da prensa e dos libros de historia. Para a parte de Francia, por exemplo, cando a protagonista está en Les Mages, morre Machado en Colliure. Non o metín na novela, e iso que escribín esa parte escoitando a Serrat cantar a Machado. Tamén me influíu a maneira de narrar testemuñal que podes atopar en María Teresa León, Victoria Kent, Federica Montseny ou Silvia Mistral. Cómo, a partir delas, se chega a reconstruír unha caste de testemuño colectivo. Noutras partes da novela xa inflúe máis o realismo máxico, sobre todo na da tata e na parte de Antes, onde aparece ata un home que quere aprender a voar, coas suas ás de Ícaro.

P. Que fronteira se puxo á hora de ficcionar feitos reais?

R. Unha licenza evidente é a de Carmen Muñoz, a esposa de Dieste. Non foi no Ipanema, o barco que saíu de Burdeos cara a Veracruz, no que marchou Elixio Rodríguez. Haberá historiadores que me digan 'que falcatruada', pero eu penso que non, porque se respecta o espírito de Carmen. Procuro manter a veracidade da historia e o respecto aos personaxes. O importante é que ti non te erixas como historiadora, senón como novelista.

P. Pensou en tensionar a historia do exilio no Ano Piñeiro?

R. Non quixen por unha cousa. Inverno dille ao seu pai: 'Xa non, papá, xa non'. Incluso a súa propia filla lle di 'estamos noutro momento'. 'Xa non', pero non tanto por unha identificación política, senón porque o personaxe ve que o seu pai non dá máis de si. Quíxeno facer a través dos personaxes. De Castelao, por exemplo, só aparece o enterro, como a derrota última do pai. Iso de que despois da II Guerra Mundial ían atravesar con tanques os Pirineos... É a derrota desa xeración.

P. Acórdase daquela polémica sobre o peso da literatura galega actual?

R. Parecíame ridículo. Só se falamos da LIX [literatura infantil e xuvenil] podemos darlle unha lección a calquera. Quen está á altura, e cal é a altura? Os que estamos escribindo agora podémolo facer mellor ou peor, pero aprendemos dos que escribiron antes. E as novelas non se esgotan. A esmorga pódese reivindicar coma unha obra actual. Eu só aspiro a ler cousas que me gustan na miña lingua.

P. A propósito da lingua, os seus problemas son os da literatura?

R. Son moi diferentes e moi iguais. Un dato que me choca: nunha lista dos libros máis vendidos, aparece A praia dos afogados [a novela de Domingo Villar] en galego; e en castelán, La playa de los ahogados. Iso si que nos atinxe directamente: que exista unha poboación que renuncie a ler un autor na súa lingua orixinal por unha tradución. Procuras non pensar niso, pero resulta doloroso pensar que chegue un momento no que, por todo o que está pasando, che reduzan o número de persoas ás que podes chegar. Xente que poida deixar de lerte por unha formación deficiente na nosa lingua.

P. Con dúas antoloxías de artigos literarios e co seu traballo no Consello da Cultura, nunca tivo medo de proxectar unha imaxe demasiado institucional?

R. Eu o bo que teño é que son xornalista. Cando publiquei Resistencia, foron gabanzas por todas partes... Eu mesmo dicía que, se chego a ter menos cabeza e ser menos xornalista, poderíame ter convertido nunca auténtica gilipollas. Fancho crer, pero eu sabía que esas cousas vanse como chegan. E despois do fenómeno Rosa Aneiros, veu o fenómeno Teresa Moure... Como nunca me sentín o que se di consagrada, non houbo baleiro despois. Porque son xornalista, e sei que isto funciona así. Anxos [Sumai] e eu falámolo moitas veces: a min o que me gusta é escribir, e despois os encontros cos lectores. As presentacións mediáticas afróntoas como unha molestia necesaria.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_