Os mil e un festivais
Nos últimos anos multiplicouse a oferta de eventos musicais no verán e a variedade de estilos
Non hai tantos anos, o verán galego apenas ofrecía a posibilidade de Ortigueira, se a opción escollida era acampar ao aire libre e asistir a unha restra encadeada de concertos en vivo. Coa mudanza de século, o número de festivais multiplicouse e nada parece indicar que se invirta esta tendencia alcista. O fenómeno, que non se limita á Galiza, implica diversificación de estilos, instalación de carpas dance por onde queira e mesmo esa certa apoloxía do botellón que leva canda si a música en exteriores.
Vintenove anos despois da primeira edición, na que o festival se presentara como xuntanza hippie de músicos do mundo celta, Ortigueira continúa a súa evolución e consolídase como o certame que máis público reúne. Ben é certo que os amantes da música folk -unha definición que a organización amplía e que excedeu o celtismo hai tempo- non deben conformar nin a metade da asistencia, pero o cartel sempre contén algunha proposta de interese. Este ano, a trikitixa global do vasco Kepa Junkera, por exemplo.
Paredes de Coura, no norte de Portugal, é o máis achegado a un Benicàssim galego
O fenómeno implica instalación de carpas 'dance' e certa apoloxía do 'botellón'
Amais de inzar as cidades, os eventos musicais trasládanse ao entorno vilego
A cita de Ortigueira, que se vén celebrando durante o mes de xullo, pareceu eclipsar outras propostas vencelladas ás músicas de raíz. Aquela resposta interior a Ortegal, de vocación máis arriscada e que nacera en Lalín nos noventa, a Foliada, deixou de se convocar. As 100.000 persoas que anegan a vila do norte se cadra esgotan o público galego potencial do folk moderno.
Ningún dos festivais programados no país durante este verán pode competir en masas co de Ortigueira. Polo menos, no que se refire ao formato festivaleiro estándar: varios escenarios, zona de acampada, dj's que prolongan as madrugadas e todo concentrado nunha fin de semana. Unicamente no norte de Portugal, na praia fluvial de Tabuão, onde se realiza o de Paredes de Coura, resiste o sistema clásico.
Logo de que os promotores desconvocasen o outro gran festival da Região Norte portuguesa, o de Vilar de Mouros, no que xa estaba anunciada a presenza de Brian Wilson, Paredes de Coura configúrase como o máis achegado ao Festival Internacional de Benicàssim que hai para os galegos. A medio camiño entre a independencia e o estabelecido, Paredes de Coura ofrecerá, entre o 13 e o 15 de agosto, a opción de escoitar mitos indies que esvaran cara a paquidermización -Sonic Youth-, epígonos australianos da denominada indietrónica, Archtecture In Helsinki, ou a versión lusófona do dance-punk, Cansei de Ser Sexy. O que resta dos lendarios New York Dolls, é dicir, nin Johnny Thunders nin Arthur Kane nin Jerry Nolan, presentarán en Paredes o seu elepé de reunión de 2006, One day it will please us to remember even this.
Uns días antes do concerto portugués, os New Yok Dolls de David Johansen e Sylvain Sylvain tocarán na Coruña, dentro do variado Noroeste Pop Rock que arma o Concello da Coruña. Os concertos, en paralelo ás festas patronais da cidade, percorren a Movida madrileña e recuperan a Nacha Pop, xuntos por primeira vez en vinte anos e que tamén pararán en Viveiro, a Danza Invisible ou a Toreros Muertos. Dover e Deluxe, que xoga en casa, completan o cartel do Noroeste Pop Rock.
Aquelas programacións musicais que se afastan das celebracións patronais das respectivas poboacións seguen un criterio musical máis rigoroso. O progresivo afianzamento do Cultura Quente, en Caldas de Reis, resulta unha mostra acaída. De propostas estéticas eclécticas e admirábel organización nunha carballeira ao pé do río Umia, no festival Cultura Quente non se paga nin por entrar nos concertos nin por montar a tenda de campaña.
A mestura combativa, entre hip-hop, raggamuffin, The Clash e músicas electrónicas de Asian Dub Foundation encabeza a primeira xornada dun certame no que proliferan as bandas galegas: Galegoz, Dismal, Elodio y los Seres Queridos ou Ectoplasma. Os britpoppers Kula Shaker -o seu hit versión de Deep Purple, Hush, aínda soa na noite de bares galega- pecharán o sábado. Jay Jay Johanson, Marky Ramone, aquel integrante efémero dos neoiorquinos que agora tira rendementos do nome da banda, ou Sex Museum de Malasaña farán acto de presenza no décimo Cultura Quente.
Na aldea de Limodre, no concello de Ares, celébrase cada mes de agosto, dende 1999, o Felipop. Coa palabra de orde "a melodía é o que importa", o festival de Ferrolterra resulta estilisticamente coherente e estrito, se cadra a xuntanza de grupos pop con máis personalidade das que se realizan na Galiza. Polo escenario do Felipop teñen pasado músicos de culto, como Pete Dello ou Colin Hare, do grupo Honeybus, ou P.F. Sloan, o compositor do himno antibélico de 1965 Eve of destruction. Das once bandas que participan no cartel deste ano, salientan os recentemente reunidos Los Imposibles, de Madrid, os británicos The Woodentops, ou Señor Mostaza, de Valencia. Pop enerxético e garage sesenteiro fan parte da dieta Felipop.
No ronsel estético do encontro de Limodre, pero virado á face garage punk, aparece o pontevedrés Vibrasons. Na praza do Teucro, o primeiro dos tres días, cítanse os High Sierras, que definen como "a conexión galega entre The Byrds e MC5", e Los Coronas, o proxecto surf music do madrileño Fernando Pardo. Cooper, ex Flechazos, amosará o seu último traballo discográfico, Días de cine, perante a parroquia de Pontevedra. O primeiro Vibrasons rematará o venres tres de agosto agrupando nas táboas os galegos Meu co seu power pop post 77, os austríacos e ortodoxamenente sesenteiros The Jaybirds e os británicos The Five Aces, practicantes de soul instrumental.
O Sonearte, na Mariña luguesa, en Viveiro, durará nove días de agosto. Amais da representación folk -Cristina Pato, Faltriqueira e Arrás- e da concesión nostálxica -Los Bravos, ou o que sobreviva deles-, o Sonearte recibirá os concertos de Los Planetas e Fangoria. Unha noite de punk e garage con ilustres da escena escandinava, Backyard Babies e os históricos The Nomads, o reggae mestizo de Macaco, e Los Planetas, Elodio y Los Seres Queridos, Telephunken e Nacha Pop arman a enteira oferta do festival vivairense.
A antropoloxía válese do concepto de rururbano para definir ámbitos de poboación frecuentes na Galiza. Os festivais de estío, amais de inzar as cidades, trasládanse ao entorno vilego. Caldas de Reis, Viveiro, Limodre, pero tamén o Festichán, en Moaña, centrado no rock politizado de Obrint Pas ou Sagarroi e o rap de Dios Ke Te Krew, o xa veterano Rock no Camiño, en Palas de Rei e de riscos metaleiros, con Marea e Riff Raff confirmados. En Ponte Caldelas Ernie Producciones co apoio do concello organizan, o 24 de agosto, o Lolapop. Festival modesto pero exquisitamente indie, que tira de canteira galaica, no Lolapop tocarán Nadadora, Igloo, Maga, Dorian, Portrait e Fantasma. A Mostra das Culturas, en Boiro o 30 de xuño e o 1 de xullo, cederá palcos á sensación do rock independente hispano, Triángulo de Amor Bizarro, canda Njawajean, Kinky Beat e o rock de serie B de Ataque Escampe.
Na capital, Santiago de Compostela, a oferta festivaleira concéntrase arredor do Día Nacional, o 25 de xullo. Por primeira vez, no pavillón do Sar, o certame Linguas Vivas axuntará ao ex cantante de Negu Gorriak, Fermín Muguruza, aos italianos Banda Bassotti e aos galegos Nao.
A sexta edición do Festigal, autodefinido "festival de música e tendencias" e organizado por unha comisión específica, a Fundación Galiza Sempre e a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, levará o funk comercial dos galegos Loretta Martin, o son revoltado e herdado de Mano Negra dos franceses Babylon Circus e a morna da caboverdiana Nancy Vieira ao Campus Sur de Santiago. Conferencias, mesas redondas, recitais poéticos, sinatura de libros ou proxeccións cinematográficas entran no cartel do Festigal.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.