_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Os Bolechas, superheroes do cotián

As aventuras domésticas de seis irmáns convértese no maior fenómeno de vendas da literatura infantil galega

Sonia Vizoso

Aprender a dominar os esfínteres ou facerlle fronte ao medo á escuridade pode ser unha experiencia tan emocionante como acompañar a Harry Potter na súa loita contra o malvado Lord Voldemort. Seis rapaces apelidados Bolechas relatan dende hai sete anos aos lectores máis pequerrechos do país as divertidas aventuras que se poden vivir no cuarto de baño, na hamburguesería, no festival de fin de curso da escola ou facéndose cóxegas uns aos outros. Os libros protagonizados por Carlos, Braulio, Sonia, as xemelgas Pili e Loli, o bebé Tatá e o seu can Chispas son o maior superventas da historia da literatura infantil galega. Dende Edicións A Nosa Terra calculan que preto dun millón de exemplares das súas peripecias circulan xa por Galicia e Portugal. "Hai 5.000 rapaces que cada mes mercan un libro dos Bolechas", asegura Xosé Fernández Puga, responsable da editorial, que se confesa asustado polo fenómeno.

Os pais xa lle propoñen argumentos ao autor e el observa na rúa como se comportan os cativos
En Galicia hai 5.000 cativos que cada mes mercan un libro coas peripecias destes nenos

Os Bolechas son seis irmáns moi normais, se se pode calificar así a unha prole desta magnitude na Galicia envellecida. E aí está, se cadra, a súa maxia. "Non quería fantasía, nin castelos encantados, nin princesas", explica o pai das personaxes ao rememorar os comezos. O debuxante Pepe Carreiro (Vigo, 1954), autor das ilustracións e dos textos, propúxose en 2000 formar unha familia literaria que arrincase gargalladas aos nenos sen necesidade de viaxar a mundos imaxinarios nin mergullarse en argumentos imposibles. Quería facelo coa realidade por diante, sen "pretensións artísticas" e sen afán de adoutrinamento. O único obxectivo, subliña, era facerlle pasar aos cativos un bo rato cun libro nas mans.

O resultado daquel parto múltiple de Carreira foron seis nenos e un can residentes na Galicia real. Nin guapos nin feos. Nin bos nin malos. Debuxos de cores planas. Textos curtos e frases moi directas. Peripecias que non mudan moito de lugar, cunha acción unitaria e un fío argumental que non se ensarilla. O debuxante aínda lembra a un profesor que lle vaticinou un fracaso. Era unha aposta simple de máis, criticaba.

Aquel home non atinou. Os libros dos Bolechas conectaron dende o principio coa xeración de nenos máis audiovisuais da historia de Galicia. E fixérono, contra todo prognóstico, grazas ó cotián, do que foxen as videoconsolas. "É a primeira vez na historia que en Galicia, e eu diría que no Estado, uns personaxes triunfan dende o libro e non dende a televisión", sinala Fernández Puga.

A idade dos seguidores destes libros vai dos 2 aos 8 anos, a mesma franxa na que se moven os membros da saga dos Bolechas, e entre eles hai tamén castelánfalantes. Os seis irmáns teñen fans mesmo entre os que aínda non aprenderon a ler e que, polo de agora, escoitan as historias na voz de seus pais. O autor esfórzase por empregar nos textos un galego moi coidado, cos xiros lingüísticos máis propios e cun léxico variado para salvar as verbas "que non se deben perder".

"Con eles os rapaces achéganse ao galego da maneira máis normal", din dende a editorial, "porque os Bolechas non se plantexan falar outro idioma". Cando menos de momento. Edicións A Nosa Terra prepara a tradución das historias destes nenos para a súa exportación a outros países de Europa.

Nos seus sete anos de vida no papel, os Bolechas colleron catarro, tiveron unha curmá, quedaron pechados nun ascensor, manexaron coches cun xogo de ordenador, asistiron a un curso de natación e namoraron. Nada que non lle poida pasar a calquera rapaz en calquera vila ou aldea de Galicia. E algún efecto positivo terán estas historias nos lectores porque a Carreiro chéganlle até peticións dos pais para que faga libros sobre determinadas situacións. "Hai quen me pediu que faga un dos Bolechas cortando as unllas".

Malia que as historias e os debuxos son sinxelos, a súa elaboración é froito dun complexo proceso de nenoloxía. Dende que pariu a estes rapaces, Pepe Carreiro, pai na vida real dun pequeno de 25 anos, converteuse nun estudoso dos usos e costumes da infancia e toma nota do seu comportamento alá onde se atope. "Observo moito aos nenos, mesmo no autobús", confesa. Os Bolechas van de hotel, por exemplo, ocorréuselle ao debuxante o ano pasado, vendo como uns rapaces se divertían no seu propio universo xogando na piscina con pistolas de auga, alleos a esoutro mundo de adultos que se broncean e beben cañas.

O éxito da saga levou á editorial A Nosa Terra a publicar varias coleccións cos irmáns como protagonistas. A serie Os Bolechas queren saber ten contido didáctico e o seu capítulo Como nacemos está sendo utilizado por moitos pais e profesores para explicaren aos cativos de onde veñen os nenos. Na de viaxes, os Bolechas percorren os concellos do país e xa hai "lista de espera de meses" para atender as peticións das localidades galegas que queren ser visitadas por este personaxes. "Pepe Carreiro non dá máis de si", alega o editor Xosé Fernández Puga, que anuncia que a próxima semana sairá publicada a súa xira por Melide.

Sete anos despois da estrea, Carreiro segue bolechizado. "Logo de todo este tempo debuxando aos Bolechas, estou facendo agora outro libro coa mesma ilusión que o primeiro día", confesa dende o seu estudio de Vigo. O maxín deste ilustrador prepara dende hai un tempo un proxecto para formar outra familia literaria. Esta vez os superheroes vivirán aventuras reais noutro intenso mundo que non precisa castelos nin magos: a preadolescencia.

O chimpo á televisión

Pouco queda para que os fans dos Bolechas descubran como son a voz e os xestos destes rapaces. A Nosa Terra prepara xa a versión televisiva da recua de irmáns creados por Pepe Carreiro, unha serie que chegará "moi pronto" á pequena pantalla, aseveran dende a editorial. Antes dese momento, nacerá o sitio web O mundo dos Bolechas, un portal no que aparecerán animacións dos personaxes e que funcionará coma un club de socios. Os pequenos internautas mesmo poderán falar cos seis irmáns.

Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli, Tatá e Chispas conquistarán así a gran rede logo de cravar a súa bandeira noutros territorios. Coas súas facianas véndense todo tipo de artigos de promoción: mochilas, carpetas, cadernos, lapis e, de contado, colchas para berces. Aos libros tradicionais xa se uniron crebacabezas e adhesivos e a finais de abril está previsto que saian ao mercado publicacións para ler no baño, destinadas a bebés de até dous anos. "É un proxecto pedagóxico", defende Xosé Fernández Puga, de Edicións A Nosa Terra.

A editorial xa ten nas librerías galegas 130 títulos protagonizados polos Bolechas e pretende chegar aos 180 antes de rematar o ano. A Nosa Terra calcula que só pola

veciña Portugal se distribuíron uns 72.000 exemplares desta colección.

A Xunta quere aproveitar o gancho dos Bolechas para salvar o uso do galego entre os máis pequenos. A Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade investirán 643.000 euros nunha campaña de promoción da lingua propia de Galicia que ten como protagonistas aos Bolechas. Un total de 85.000 escolares de entre un e cinco anos de idade recibirán no seu colexio diversos materiais didácticos baixo o lema Eu son.

Os promotores da campaña confían en que o atractivo dos personaxes creados por Pepe Carreiro hai sete anos consigan frear a progresiva caída do uso do galego entre os nenos e mozos do país. A clasificación dos libros máis lidos nas bibliotecas municipais da Coruña, un dos municipios máis castelánfalantes de Galicia, son proba de que o fenómeno traspasa as tradicionais fronteiras lingüísticas. Seis títulos das aventuras dos Bolechas están entre as oito obras infantís que máis se pediron neste servizo ao longo do pasado ano.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Sobre la firma

Sonia Vizoso
Redactora de EL PAÍS en Galicia. Es licenciada en Periodismo por la Universidad de Santiago. Lleva 25 años ejerciendo el oficio en la prensa escrita y ha formado parte de las redacciones de los periódicos Faro de Vigo, La Voz de Galicia y La Opinión de A Coruña, entre otros. En 2006 se incorporó a El País Galicia.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_