_
_
_
_
Entrevista:ARCADIO LÓPEZ-CASANOVA | Poeta | Luces

"Hai que ser poeta 'fatal' e non artesán da poesía"

O poeta, ensaísta e crítico lugués, radicado en Valencia desde 1968, volve estar de actualidade editorial. Libros da Frouma editou en 2006 Dicir unha razón, o seu último poemario en galego. A finais do ano pasado, Biblos sacou Caeira dos días, unha colleita dos seus sonetos ao longo de corenta anos.

O seu último ensaio, Macrotexto poético y estructuras de sentido (Tirant lo Blanc), leva uns días nas librarías, e agora Cátedra vai incluír Mesteres (1976) na súa colección de clásicos, onde aboiaban ata agora Rosalía e Castelao. Escritor de longos silencios, López-Casanova racionaliza esta enxurrada de "sorprendentes" coincidencias editoriais.

Pregunta. Onde situaría Mesteres na historiografía literaria galega?

"Non podemos caer nos pecados mercantilistas dos sistemas fortes"
"Os nosos poetas máis anovadores son poetas mítico-simbólicos"
"Quizais falten os pulos de renovación de finais dos setenta e os oitenta"

Resposta. Mesteres aparece nun momento de encrucillada, cando por fortuna empezan a facer crise os supostos dun prosaísmo dogmático, dun realismo mostrenco, sostido daquela só por voces ecoicas. O que non se podía aguantar é que a substancia temática dun poema xustificase, sen máis, a súa calidade.

P. Puido ser prexudicial o seu hermetismo, en termos de perdurabilidade?

R. Eu non estou, nin estiven, contra ningún tipo de poesía, sempre que a escrita poética respondera a principios de elemental calidade estética.

P. O libro apareceu en edición bilingüe o mesmo ano que Con pólvora e magnolias, de Ferrín. Pensa que esas dúas obras trazaron un mapa de disonancias na poesía galega?

R. O libro de Ferrín, como o de Manuel Vilanova

[E direivos eu do mester das cobras, de 1980] e o meu, son radicalmente diferentes, pero coido que coinciden nunha base fundamental: o relevo estético da palabra poética e o esforzo na procura de mundos persoais; polo tanto, á procura dunha renovación no que era, naqueles anos, un baldeiro lírico.

P. Onde se ubica xeracionalmente, en galego e en castelán?

R. O que lle falta á literatura galega e castelá é unha sistematización desde outras perspectivas historiográficas... Hoxe xa non ten moito sentido falar, propiamente, de grupos ou xeracións literarias segundo criterios deterministas. Eu, pola miña parte, teño defendido unha poética da revelación, que é a que tenta afondar e iluminar os signos da existencia. O poeta ten que ter algo de profeta, de esculcador deses signos máis escuros que amosa a existencia, de maneira que, de cara ó lector, a poesía acerte a cumprir unha verdadeira función edificativa, que é a que axuda a construír o noso proxecto existencial. Unha das claves da miña poesía son os signos de ultimidade.

P. Unha poética como éxtase ou fervor?

R. É unha poética dunha enorme amplitude que pode arrancar desde os místicos españois... Pero tamén o é unha parte da poesía de Machado, o último Juan Ramón, nos poetas dos 50 está Claudio Rodríguez ou, doutro signo distinto, a de Valente...

P. Vese mellor atendido, nese sentido, en castelán que en galego?

R. O meu bilingüismo poético está en razón dos mundos que se lle manifestan ao poeta, e que tentan a súa representación nunha obra unitaria. La oscura potestad [Premio Adonais 1978] sería impensable en galego, e Mesteres impensable en castelán. Cada mundo ten as súas canles de expresión, e o meu mundo poético é de base simbólica, en certa maneira un tipo de expresión poética de certo hermetismo. Esa tradición iluminativa na nosa lírica está presente por exemplo en Rosalía, Pimentel ou Manuel Antonio, poeta malentendido como creacionista cando a súa modernidade está nesa estrutura mítico-simbólica. Os nosos poetas máis anovadores son poetas mítico-simbólicos.

P. Cre que a presenza na súa obra de trazos arcaizantes coma o vocabulario agrario, ao xeito de Iglesia Alvariño, xunta termos relixiosos foi ben entendida en Galiza?

R. Eu escribo no galego vivo das miñas terras, o que herdei dos meus. A poesía é, entre outras cousas, o traballo coa palabra, cos seus pulos e suscitacións, que cada creador, como dicía Machado, debe convertir nunha xoia única. Así o entendo, con radicalidade. Respecto as opinións que sexan, como xa dixen, pero eu estou ao meu.

P. Vive en Valencia desde 1968. Non hai regreso aínda?

R. Nun momento determinado esa distancia foime necesaria, e xustamente de aí naceu o mundo de Mesteres e de Liturxia do corpo [1982]. Sen esa distancia o signo da miña obra tería sido moi diferente. En Valencia teño a miña vida arraigañada, Galicia segue en min, e eu trato de darlle ao meu país aquilo que sei facer. O patriotismo non depende de estar dentro ou fóra dunhas fronteiras; depende da capacidade e calidade da entrega.

P. Como conviven o crítico e o poeta?

R. O crítico axúdalle ao poeta con certa intelixencia vixiante de cara á creación. A poesía como tal é o meu xeito de vida máis radical. Agradecín moito que Alonso Montero, estudoso da miña obra, sublimase a miña condición rilkeana. Tamén Juan Ramón distingue entre o poeta fatal e o poeta voluntario. Hai que ser poeta fatal e non artesán da poesía. Non pode haber expresión poética de calidade se non se axuntan sentir e saber.

P. E a ironía, a distancia con respecto ao peso das palabras?

R. A ironía pode ser un compoñente como outro do discurso poético... Eu utilicei a ironía en Palabra de honor (1967) e en moitos poemas posteriores... Non a desboto, pero ten que funcionar nas canles dun determinado tipo de poesía, quizais máis narrativa.

P. Estará ao tanto das últimas coitas do sistema literario galego e a súa posible estratexia de mercado...

R. Hai que seleccionar moi ben as obras realmente innovadoras que serven para afortalar o sistema, e acompañalo de rigor e esixencia na crítica literaria feita por especialistas... Coido que estamos algo desbordados, e mesmo confundidos, pola produción, e dáse o paradoxo de que un sistema minorizado e aínda de resistencia está a caer, polo outro extremo, nos pecados mercantilistas dos sistemas fortes. Non se pode permitir a produción na que todo val, un sistema coma o noso debe ser máis selectivo.

P. Como valora o momento da poesía galega?

R. Quizais falten, ao meu ver, os pulos de renovación que aportaron os finais dos setenta e os oitenta, especialmente. Pero, en conxunto, hoxe a nosa poesía ten máis altura, intensidade e novidade cá que poden ofrecer a castelá ou a catalá. Referentes na poesía máis nova? Hai moitos nomes. Yolanda Castaño, Olga Novo, Enma Couceiro, Modesto Fraga, Alexandre Nerium...

P. Díaz Pardo vén de dicir que Política Lingüística traballa para que o galego "morra dignamente".

R. As linguas morren se morren os pobos, se un país declina dos seus signos identitarios. Pode que desapareza, non sei cando, o galego, pero entón Galicia sería outra entidade na historia dos pobos, porque a lingua e a cultura propias tamén serían outras. Isaac? Un home heroico.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_