Electro pop feito na casa
Projecto Mourente edita o seu segundo disco tamén en formato cedé
As ferramentas: un teclado midi, un computador "con programación que se pode mercar no Corte Inglés" e un "bo micro". O resultado: Kara.o.ke, o segundo disco de Projecto Mourente, dispositivo desde o que Carlos Valcárcel factura tecno-pop en galego, de fasquía irónica e acabado europeo. "Pop caseiro e espontáneo feito para bailar", define Valcárcel as súas músicas no blog ao nome de Projecto Mourente. Kara.o.ke supón a terceira referencia de A Regueifa discos, logo de Finais dos 70 e principios dos 80 de Fanny+Alexander e Galicia es una mierda, de Ataque Escampe. Tamén se pode descargar de balde na plataforma dixital do selo.
"Neste disco aprendín a probar cousas novas, aprendín dos computadores, pero sobre todo aprendín doutras persoas", explica Valcárcel, "aprendín das persoas que colaboran no disco". Logo dun sorprendente, por inesperado, Baixo os eucaliptos, elaborado con software e voz, Carlos Valcárcel recorreu ás guitarras de Noel Feáns, de Fanny+Alexander, e de Martin Wu, de The Homens, para aplicar matices analóxicos ás súas inclinacións electro. "Non sei tocar ningún instrumento que non sexa o computador". Xan Vázquez nos coros e Yolanda Valcárcel, irmá de Carlos, completan a nómina de Kara.o.ke. "O título é un xogo de palabras no que río do que podo dar sobre un escenario", di, "onde saio a cantar sobre unhas bases e máis nada". Os puntos outorgan o dobre sentido: "Configuran unha pregunta, cara a onde imos?".
"Non vale dicir que non se coñece a música en galego; non len a prensa?"
Kara.o.ke contén dez temas so epígrafes tal Demasiado popi, ou Vamos queimar París e tres remesturas a cargo dos Colectivo Oruga, de Fanny+Alexander e de Cable. Para Carlos Valcárcel, a perfecta canción pop non depende de fórmula ningunha. "Non adoito facer esa reflexión, pero non me gustan os temas pastelosos, que non se fagan monótonos; que resulten divertidos e que provoquen, ao mesmo tempo, certas sensacións, pero sensacións amábeis". O inventor do Projecto Mourente admite o proverbial carácter retranqueiro das súas cancións, que falan do que vai "vendo".
"Projecto Mourente arrímase a Fanny+Alexander", relata Valcárcel, "sobre todo pola forma de traballar na casa, coas máquinas". Recoñece a súa débeda con The Homens: "Eles empurráronme a facer directos". Pero a chave que abre o carácter estético do autor do rompepistas Como so caranguexos (2006, incluído en Baixo os eucaliptos) reside no electropop europeo: Pet Shop Boys, Bronski Beat ou Saint Etienne. "Agora mesmo escoito algo de post rock, que meten maquiniñas", afirma, antes de se confesar: "En realidade, todo o que sexa electro algo". Na nota promocional d'A Regueifa, engaden a Fangoria, Astrud e OBK.
Pero o paradoxo da música bailábel do Projecto Mourente é a imposibilidade da súa transferencia ás pistas de baile do país. "Eu non falo por min", asegura Valcárcel, "pero paréceme inxusto ir a un bar de hip hop en Pontevedra e non poder escoitar a Dios Ke Te Crew ou a Malandrómeda
[grupos de referencia do rap en galego]". "As cousas claritas", non dubida, "porque xa non vale a desculpa de que non se coñece a música galega; non len a prensa? non oen a radio?". Carlos Valcárcel sitúa o exemplo concreto na vila de Cee: "Por que en Cee, onde a maioría de xente é galegofalante, só poñen música en castelán, ademais, peor que a música en galego?".
Kara.o.ke distribúeo nas tendas de discos Lonxa Cultural. A decisión de facelo en soporte físico pertence, segundo o propio Valcárcel, "ás peticións" que lle chegaban pola Rede. "Houbo unha demanda por parte dos fans. Se fose por min, o disco só estaría dispoñíbel en Internet. A ver se agora se cumpre nas vendas", ironiza. As pezas de Baixo os eucaliptos (2006), o primeiro disco de Projecto Mourente, excederon as 15.000 descargas.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.