O novo acordo ortográfico luso-brasileiro
Como son filólogo de profesión, sinto unha grande afección polos dicionarios, de maneira que posúo unha considerable colección deles. O que máis consulto é o Dicionário Houaiss da língua portuguesa, un coloso magnífico de case 3.000 páxinas que ofrece arredor de 200.000 entradas. Aínda que non son autoridade na materia, podo asegurar que se trata dun dos monumentos máis impresionantes da lexicografía contemporánea. Ata onde sei, non existe ningún dicionario do español que poida comparárselle en dimensións, e talvez tamén en cualidade.
A edición en papel que posúo aparece datada en Rio de Janeiro. Custoume ferro e fariña conseguila, e se non fose polos excelentes oficios de Pablo Couceiro (o meu libreiro preferido), dubido que nunca chegase ás miñas mans, pois non había maneira de localizala en Portugal. Eu non entendía o problema, ata que, cando por fin chegou, lendo no meu exemplar, reparei en que contén a seguinte advertencia: "Este dicionário será publicado em Portugal, na norma portuguesa da língua (...)". Efectivamente, a edición brasileira non circulou nunca en Portugal, onde houbo que preparar unha versión específica, que á súa vez tampouco circularía en Brasil. Souben despois que os materiais educativos editados na norma brasileira tiñan prohibida a circulación en Portugal, e á recíproca.
Pero como se chegou a esta situación tan estraña?
A ORTOGRAFÍA PORTUGUESA CONTEMPORÁNEA
Parecerá chocante, pero en realidade, Portugal e Brasil nunca tiveron unha ortografía común. Ás veces escóitase falar do problema dando por suposto que foron os brasileiros os que provocaron a división, ao arredárense da ortografía de Portugal. Non tal. O portugués careceu dunha norma ortográfica ata 1911, cando o país veciño adoptou oficialmente a chamada Ortografía nacional. Ata daquela, arranxárase sen tal invento. O certo é que a ortografía é un artefacto moito máis recente do que tendemos a pensar. Desde o Renacemento publicáronse moitos tratados ortográficos, pero a codificación dunhas normas con respaldo institucional só se produciu a partir do século XVII. No caso español, no século XVIII, cando a fundación da Real Academia. Así e todo, para que unha norma ortográfica teña unha vixencia efectiva, cómpre que reciba a consagración oficial dunha autoridade estatal, e iso só comezou a darse, por vía da regra, no século XIX.
Unicamente cando os Estados contemporáneos mostraron un interese real pola escolarización e a alfabetización da maioría da poboación nunha lingua nacional, e cando comezou a artellarse un sistema educativo nacional -o que adoitou acontecer ao longo do século XIX ou a comezos do XX-, se sentiu unha verdadeira necesidade de fixación, oficialización e imposición da norma ortográfica. No Estado español iso pasou contra os mediados da centuria antepasada. En Portugal houbo que agardar ao advenimento da Primeira República, a comezos do XX, para que un tal proxecto comezase a arborarse. O primeiro presidente desa República foi precisamente un filólogo, Theóphilo Braga, un dos primeiros estudosos da poesía trobadoresca galego-portuguesa.
A DERIVA DIVERXENTE ENTRE PORTUGAL E BRASIL
Pero cando Portugal aprobou a súa Ortografía nacional (1911), Brasil levaba case un século de vida independente; e a antiga colonia de ninguha maneira se aveu a aceptar a normativa lingüística elaborada na ex metrópole. Mentres que en Portugal dalgún xeito prevalecía unha consciencia lingüística residualmente elitista, co seu pendor cara ás solucións de tipo etimolóxico, en Brasil sentiuse crecentemente a necesidade dunha ortografía sinxela, adaptada á pronuncia propia, e máis apta para alfabetizar masas inxentes dunha poboación cun nivel cultural ínfimo. E que, ademais, marcase simbólicamente a identidade propia de Brasil. Neste caso, coma en case todos, a orientación da ortografía reflectía as condicións histórico-sociais en que se desenvolvía a comunidade lingüística.
Despois, conforme o Brasil se robustecía e Portugal devecía coa perda das colonias africanas, ía consolidándose unha situación paradoxal, cada vez máis desequilibrada: o país europeo berce do idioma tornábase un anán, en comparanza co xigante americano que adoptara como propio o vello idioma colonial. Ao longo do século XX sucedéronse as tentativas de chegar a unha normativa común: 1931, 1943, 1945, 1971 / 1973, 1986 e 1990. Nas dúas últimas participaron os novos países africanos nacidos da descolonización portuguesa: Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Mozambique e mais Santo Tomé e Príncipe. Ultimamente sumouse tamén Timor Leste.
Conforme o tempo pasaba e o peso do Brasil se incrementaba, os brasileiros foron chegando á conclusión de que, en realidade, o problema era basicamente de Portugal (e en todo caso, tamén das ex colonias africanas), pois o coloso suramericano, cos seus cento e pico millóns de habitantes, abondábase e sobrábase por si mesmo. Por caso, os estudantes estranxeiros do portugués mostraban unha preferencia cada vez máis clara por aprender a modalidade brasileira.
O ACORDO ORTOGRÁFICO DE 1990
Nestas, chegou o acordo de Lisboa de 1990, que foi aprobado politicamente polos ministros ou secretarios de Estado dos sete países atinxidos e quedou só pendente das respectivas ratificacións parlamentares, que se prevía que culminarían en 1994. Non obstante, o proceso de ratificación atrancouse, e só foi retomado en 2004. Agora o dito acordo está pendente da súa ratificación polo Parlamento portugués, onde se espera que sexa aprobado nas próximas semanas, co voto seguro do Partido Socialista, o Bloco de Esquerdas e os socialdemócratas, a oposición da dereita (CDS) e a indecisión (de momento) dos comunistas.
Deseñaremos unha rápida valoración deste Acordo. Evidentemente, a nova normativa reflicte o crecente peso demográfico e político do Brasil no ámbito lusófono. Se cadra, a plasmación máis visible disto é o tratamento dos grupos consonánticos cultos, que tenden á simplificación (reacionar, ata, coletivo, adotar, ...). Pero, doutra banda, a unificación ortográfica non é completa, pois continúan a existir grafías específicas da norma brasileira fronte á luso-africana, que responden a pronuncias diverxentes: acadêmico / académico, crônico / crónico, bebê / bebé, etcétera.
Certamente, nalgúns puntos, a nova norma resulta desorientadora. Por exemplo, no caso dos grupos cultos, xa citado, a norma xeral é a simplificación, pero nalgunhas palabras aqueles mantéñense obrigatoriamente, noutras déixase aberta dupla opción que depende do falante, e aínda noutras continúa a distinguirse a solución brasileira e a luso-africana.
En definitiva, resulta verdadeiramente imprescindible forxar unha norma común luso-brasileira? Non sería máis razoable que a diversidade policéntrica do idioma falado a un e outro lado do Atlántico tivese a súa plasmación en cadansúa norma particular, mutuamente (re)coñecidas? As motivacións deste acordo responden a necesidades e aspiracións reais dos e das falantes ou máis ben veñen ditadas por grandes intereses económicos? O vello adaxio reza máis vale un mal acordo ca un bo preito. Seicasí...
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.