_
_
_
_
Reportaje:Luces

Ferrinianos e ferrinistas

O autor de 'Con pólvora e magnolias' recibe unha homenaxe no seu 70º aniversario

Todo creador ten seguidores e detractores, esperta filias ou fobias, pero poucos xeran adxectivos. En Galicia, alomenos nos círculos culturais, existe ferriniano. Unha corrente de afecto, unha tatuaxe literaria, secreta ou a voces, coa que se identifica ós incondicionais de Xosé Luís Méndez Ferrín (non confundir con ferrinistas: os partidarios políticos do escritor, comunista e independentista, ou os especialistas na súa obra). Esta noite, nun restaurante de Vigo, os ferrinianos fanlle ao autor unha homenaxe e presentan o libro A semente da nación soñada, editado en conxunto polas súas dúas casas editoriais, Sotelo Blanco (que apadriña a revista que el dirixe, A trabe de ouro) e Xerais, que publica a súa obra. Son máis de 500 páxinas que acollen 60 traballos, desde as semblanzas biográficas aos estudos da súa obra pola creación literaria. Entre os ferrinianos asinantes están desde Xosé Manuel Beiras a Xosé Neira Vilas, de Francisco Fernández del Riego a John Rutherford, de Giuseppe Taviani a Antonio Gamoneda. Unha nómina que non deixa de sorprender en alguén que sempre se considerou alleo aos círculos literarios, e mesmo máis un profesor que escribe ca un escritor.

Marilar Aleixandre asúmese como "non ferriniana" e sorrí ao confesalo
"Eu valoro aos arroutados como el", afirma Xurxo Borrazás

"Claro que me considero ferriniano, admíroo como persoa, como político e como autor. É o escritor nacional galego, porque non hai outro desa envergadura polo espazos que creou. Sempre estivo na vangarda", esténdese Anxo Angueira, membro da comisión que leva dous anos preparando o 70º aniversario de Ferrín e o 50º de Percival e outras historias. O escritor e crítico padronés admite que "en moitas ocasións, os parabéns a Ferrín van acompañados de críticas: 'é moi bo contista, pero non novelista', ou se renden á calidade literaria, pero se critica a súa postura política. Sen embargo, houbo unanimidade á hora de propoñelo para o Nobel. Ferrín é Ferrín, e son palabras maiores Mesmo para os reintegracionistas, para ós que é un látego que lles doe, ou para certos sectores do nacionalismo maioritario", asegura Angueira.

O académico Darío Xohán Cabana tamén se define, aínda que non faga moita falta, "como ferriniano e ferrinista". "Ferrín está continuamente presente nos últimos 50 anos da creación literaria galega, e a súa presenza nos últimos 30 é esmagadora. É unhas destas personaxes que enchen unha literatura, non soamente porque sexan moi bos, senón porque abren camiños continuamente. Cada libro, aínda que non se venda moito no momento, ten efecto retardado. Non marca liñas, remexe conciencias", considera o autor de Galván en Saor, que recorda que a primeira vez que falou con Ferrín foi por teléfono, cando o escritor estaba no cárcere, "nunha daquelas comunicacións que permitían".

Cabana non ten reparo en debullar a nómina de ferrinianos, "moitos da xeración do 75 ó 78, pero tamén xente moito máis nova, como María do Cebreiro ou Daniel Salgado. A súa presenza ás veces esmaga un pouco, pero como é tan libre, o seu maxisterio é laso, é unha perspectiva". O penúltimo ingresado na RAG ve como saudable que haxa antiferrinianos. "Eu non estou de acordo sempre con el, e hai xente á que non lle gusta ou non quere que lles guste, e mesmo é natural que haxa quen estea del ata os narices, porque con Ferrín o que non cabe é a indiferenza". Unha autora que se asume "non ferriniana" e sorrí ao confesalo, "porque é algo politicamente ben incorrecto", é Marilar Aleixandre. "Unha cousa é que Ferrín, como narrador de relatos curtos, sexa impresionante, e outra que no que escribo teña unha influenza grande del, e me recoñeza máis na escrita de Carlos Casares. Tamén en poesía me considero máis chuspatiana que ferriniana", di a novelista.

Tamén Suso de Toro se adscribe aos non ferrinianos, ou aos aferrinianos: "Eu cuestionei sempre un sistema literario que se organiza arredor de figuras, que ata hai uns anos enchían dous espazos de poder: Ferrín e Casares. Non creo na verticalidade, no patriarcado. A influenza que pode exercer un escritor asentado sobre outro novo pode ser nefasta. Ferrín é unha figura importante, e dous poemarios e tres ou catro libros seus son espléndidos, pero non lle teño moito respecto a esa devoción que crea, que intelectualmente me parece penosa e que vexo con pasmo que se reproduce na xente nova".

Sen chegar á devoción, unha escritora nova, Rosa Aneiros, considera que "literariamente, todos lle deben moito a Ferrín". "Polo menos no meu caso, que me considero ferriniana tanto a nivel estilístico como temático, polo valor que Ferrín lle dá á propia palabra e á construción da lingua literaria". Outro novo pero consolidado, Xurxo Borrazás, fala do autor de Arraianos como "unha personalidade moi complexa literaria, cívica e politicamente como para cualificala". "Quizais nos últimos anos a súa presenza foi menor, pero o seu traballo n'A Trabe e o impulso de querer facer cousas novas ten moito valor. Con toda a obra que ten, se fose un escritor máis discreto, non crearía eses amores e eses odios, pero eu valoro aos arroutados coma el", di.

Cando Ferrín cumpriu os 50, recibiu tamén unha homenaxe, máis discreta pero máis simbólica. Un grupo de amigos regaloulle un cabalo, Negro, porque Ferrín -"somos produto da contradición, é o que nos fai medrar", di- é un apaixonado dos cabalos. Un deses amigos, entón un rapaz, era o profesor e escritor Manuel Outeiriño, tradutor ao castelán da súa obra. "Non sei que quere dicir ferriniano, pero eu sei ben con que bois aro, e admiro desde a súa obra literaria á obra xornalística. Supoño que hai xente que non a aprecia, como hai quen non lle ve as voltas á Beckett, pero é o noso presidente da República das Letras Galicianas, mesmo o noso presidente da República de Galicia".

"O que me gustaría é que lle desen o Premio Nobel", resume Darío Xohán Cabana o espírito que probablemente presidirá o banquete desta noite. "Pero non llo darán, nin sería máis grande porque llo deran".

Xosé Luís Méndez Ferrín asina un libro.
Xosé Luís Méndez Ferrín asina un libro.XURXO LOBATO

"Non hai nada diso"

Ferrín descré da existencia dos tais ferrinianos. "Non hai nada diso. Eu que sei, haberá xente que me teña simpatía, como eu lla teño a outros, pero como escritor que teña un discipulado, non o vexo. É máis, a min gústame que a xente sexa o máis independente que poida, aínda que en literatura sempre se incorporan as herdanzas, ninguén parte de cero. Somos fillos da tradición, e como eu son un pouco vello, xa formo parte dela. Otero Pedrayo dicía que el era unha pantasma do século XIX. Eu son unha pantasma do XX", quítalle ferro ao asunto o profesor recentemente xubilado despois de 42 anos no Instituto Santa Irene de Vigo.

Tamén llo quita á homenaxe: "É un ritual que se fai, teño asistido a infinidade deles. Se se lle fan aos comisarios de policía, por que non ós profesores que se retiran...". Para Ferrín, que coñeceu a época na que a aparición dun libro en galego era un acontecemento, o importante é o libro. "Non sei aínda que vou dicir, xa se me ocorrerá algo, pero teño que escribilo".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_