Reportaje:A Galicia caribeña | Luces

La Habana de Neira Vilas

O autor de 'Memorias dun neno labrego' regresa á cidade que viviu na convulsa década dos anos 60

O día en que se suicidou Ernest Hemingway, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda aterraron no Aeroporto Internacional José Martí de La Habana. Era o 2 de xullo de 1961. Fidel Castro viña de declarar, contra todo prognóstico, o carácter socialista da Revolución cubana e a illa situábase, de súpeto, no epicentro do taboleiro político internacional. O autor de Memorias dun neno labrego e a súa dona, tamén escritora pero nada no Caribe, lembran ben a data. "Soubemos do suicidio de Hemingway nada máis baixar do avión", rememoran. Aquel Hemingway de postal que bebía daiquiris no bar Floridita, ho...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

O día en que se suicidou Ernest Hemingway, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda aterraron no Aeroporto Internacional José Martí de La Habana. Era o 2 de xullo de 1961. Fidel Castro viña de declarar, contra todo prognóstico, o carácter socialista da Revolución cubana e a illa situábase, de súpeto, no epicentro do taboleiro político internacional. O autor de Memorias dun neno labrego e a súa dona, tamén escritora pero nada no Caribe, lembran ben a data. "Soubemos do suicidio de Hemingway nada máis baixar do avión", rememoran. Aquel Hemingway de postal que bebía daiquiris no bar Floridita, hoxe en día templo turístico, e que se fotografaba co comandante en xefe, non chegou a ver Cuba como cuña de inspiración soviética nos mesmos fociños da hexemonía estadounidense. Para Neira Vilas e Anisia Miranda, porén, comezaba unha andaina, apegada ao novo poder cubano, de 31 anos na capital caribeña. Coa cultura galega como convidada na XVII edición da Feira Internacional do Libro de La Habana, a parella de escritores regresou a un país no que durante tres décadas exerceron de embaixadores oficiosos da Galiza e intelectuais engagés.

Foi Nicolás Guillén quen introduciu a Neira Vilas na Unión de Escritores "Viamos ao Che cada dous meses. Un home de máxima rigurosidade"
Anisia vendeu un millón de volumes dunha biografía da infancia do Che
"A literatura infantil galega inventouse en Cuba", afirma Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda diríxense, en furgoneta guiada por "el compañero chófer", nunha mañá de treboada tropical que obrigou a adiar a inauguración do certame de libros, ás instalacións da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba. A agrupación, no outrora burgués barrio de El Vedado e cuxo máis carismático e polémico, presidente foi o poeta negro Nicolás Guillén, activa a memoria dos autores. "Lembras, Pepe,

[así alcuma Miranda ao seu home], este mes cúmprense 50 anos de que Nicolás Guillén leu na nosa casa de Buenos Aires La paloma de vuelo popular antes de a dar ao prelo". Neira Vilas asente e fala da obra de Guillén, "a súa poesía era máis de cantar ca de recitar, como Sóngoro cosongo, pero La paloma... é, para min, o seu gran libro", mentres Anisia Miranda cantaruxa algunha incerta versión musical en arranxos de Pablo Milanés. Foi o propio Nicolás Guillén quen ofreceu a Neira Vilas a posibilidade de ingresar na asociación reservada aos literatos cubanos de nación. "Un día dixo: 'Aquí hai tres estranxeiros que non o son' e referíase a Francisco Mota [exiliado republicano español], a Mario Benedetti e máis a min", di con fachenda non disimulada.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Anisia Miranda non quixera vivir na Cuba dos 50, gobernada polo ditador Fulgencio Batista, e escapara á Arxentina. Aló entrou en contacto cos exiliados galegos e topou con Neira Vilas. "Anisia interesouse por aquela cousa de Galiza logo de ler un artigo titulado El idioma prohibido e contactar con Seoane, con Lorenzo Varela". Os estudos de xornalismo e unha voda antecederon á decisión de se instalar na Habana, onde nacera Miranda, e atoutiñaba o novo réxime. A camioneta, posta a disposición dos escritores pola organización galega da feira literaria, intérnase en El Vedado. Casas residenciais axardinadas pero mudadas en vivendas estatais ou organismos públicos, anchas beirarrúas inzadas de ficus -"os ficus introducíronse en Cuba a comezos do século XX, en intercambios forestais con Xapón ou China", explica Neira Vilas e avenidas cos edificios máis modernos da cidade, o que significa un mínimo de 40 anos de idade, configuran a continuación do distrito La Habana-Centro, onde Neira Vilas e Anisia Miranda residiron durante 31 anos.

Chegada a Cuba, Anisia Miranda practicou o xornalismo, ás ordes do escritor Alejo Carpentier na revista Pueblo y Cultura, ou despois á fronte da Coordinadora Nacional de Publicaciones Infantiles. Pola contra, Neira Vilas entrou a traballar no departamento de relacións exteriores do Ministerio de Industria. "Naquela época, o ministro era o Che Guevara. Reuniámonos con el cada dous meses: un home de rigorosidade máxima", asegura. Transcorreran uns meses da súa aterraxe vital e laboral na Habana cando Neira Vilas e Miranda se acharon na media noite do século. A crise dos mísiles, que colocou o planeta no bordo dunha conflagración nuclear, colleu aos escritores galego cubanos na mesma posición que ao resto dos habitantes da illa: acuartelados no posto de traballo e fusil automático ao ombro. "Foi un intre moi serio", di Neira Vilas, "a véspera Terceira Guerra Mundial".

O Xosé Neira Vilas cubano que se adoita interpelar na Galiza ten a ver coa emigración non política, con esa ponte de vidas que sangrou o país ao longo de 100 anos. No entanto, hai un Neira Vilas que percorreu a Cuba revolucionaria da década dos 60. E se Anisia Miranda se arrimou ao galeguismo político e cultural da man do seu home, Neira Vilas asumiu os postulados castristas se cadra inducido pola súa dona. Anisia Miranda conserva, malia á idade e as eivas na saúde, unha fogosidade política que a leva a exclamar sen pegada de impostura, cando a furgoneta pasa perante a Tribuna Antiimperialista que o Goberno armou contra a Oficina de Intereses Estadounidenses "¡no les tenemos ningún miedo!", palabras de orde pintadas en muros e paredes de La Habana. Ese mesmo Neira Vilas que escava no vivido e dá coas zafras voluntarias, man a man co Che Guevara, ou co poeta Roberto Fernández Retamar, ou cos filmes experimentais que proxectaban en La Rampa, xusto cando o novo cinema cubano abraiaba ao mundo nas cámaras de Tomas Gutiérrez Alea, Santiago Álvarez ou Manuel Octavio Getino.

Na etapa arxentina, Eduardo Blanco Amor aconsellaba ao Neira Vilas que atoutiñaba no campo literario sobre "non profesionalizar a vocación". "Até os últimos anos en Cuba non traballei directamente na literatura, pero sempre escribín. Interesábame moito a literatura humorística e colaboraba nas revistas Palante e El sable", relata, "tamén en Bohemia [lonxevo semanario cultural que aínda se publica] ou en El Mundo, traducín os poemas galegos de Lorca ou a obra de Novoneyra; ao tempo, preparaba os meus libros en galego". Memorias de un niño campesino, En la extraña ciudad o Aquellos años de Moncho foron algunha das versións castelás que apareceron na illa e quizais escintilaron na súa sequidade rural, nada que ver co barroquismo caribeño nin co coloquialismo social que vestían as letras cubanas das décadas do 60 e 70.

Mais a marca de tiraxe correspóndelle a Anisia Miranda, tal e como recoñece o propio Xosé Neira Vilas: "Da biografía da infancia do Che, que Anisia publicou na revista infantil Zunzún, fixéronse catro edicións de 250.000 exemplares cada unha, un millón". Unha antoloxía facsímile desta Zunzún, creada por Anisia Miranda, en coedición da Consellaría de Cultura e a Universidade de Santiago de Compostela, presentarase nos eventos da Feira de La Habana. "A literatura infantil galega", reivindica Neira Vilas, "inventouse en Cuba". O autor de Xente no rodicio data a invención nunha carta que lle remitiu a Francisco Fernández del Riego, entón na rexencia da editorial Galaxia, e na que reflexionaba: "Os homes do futuro son os nenos de hoxe, temos que facer libros en galego para eles". Del Riego abriu así as portas da empresa de Vigo aos relatos para cativos.

Co derrubamento da Unión Soviética, principal socio político e económico de Cuba, a illa entrou no periodo máis difícil da súa historia recente. O desabastecemento enerxético orixinou dificultades extraordinarias na vida cotiá que puxeron o réxime contra as cordas. En 1992, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda xubiláronse e desprazáronse a Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. "Decidimos dedicarnos á fundación en corpo e alma", asegura. Anisia Miranda confesa que volve ver bonita a cidade: "Teño que regresar a Cuba, aínda que xa non é fácil". O ceo descarga de novo con furia sobre La Habana, e un aire violento despraza cortinas de auga. "Mire un fenómeno puramente tropical", puntúa Miranda ensumida na xanela da camioneta, "escampa, volve saír o sol e, con todo, os ríos de auga continúan dominando as beirarrúas".

Archivado En